19 de novembro do 2021
Grazas ao convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) en colaboración coa Asociación de turoperadores receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI) está a promover a organización de viaxes de familiarización (fam trips) en catro dos camiños de Santiago (Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía). Trátase dunha primeira aproximación ao turismo rural e a súa oferta diferencial e de calidade para as persoas que peregrinan.
Máis de 50 axentes de viaxes de Galicia van poder comprobar por eles mesmos a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias presentes ao carón dos camiños e coas que logo elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.
Entre o 23 de novembro e o 3 de decembro este programa de promoción do turismo rural galego inserido no marco do Xacobeo 2021-22 combinará o amplo abano de experiencias coa oferta de aloxamento e gastronomía que seguirán a ofertar os establecementos de turismo rural galegos durante o vindeiro ano 2022.
O turismo rural de Galicia, na situación de pandemia que vimos vivindo, ven sendo un dos principais recursos turísticos nos que as persoas atopan unha inmellorable posibilidade de descanso e lecer na nosa terra.
Este programa vai permitir explorar novos públicos e novos territorios para as persoas que anceian e procuran nos camiños de Santiago -na súa paisaxe e patrimonio natural e cultural- e na singularidade do rural galego, razóns dabondo para o reencontro consigo mesmas.
Todo este achegamento entre persoas propietarias de establecementos e as que traballan no sector das axencias de viaxes vai propiciar un intenso intercambio nos Encontros de traballo e intercambio previstos en cada un dos fam trips, buscando definir novas sinerxías e contribuír á desestacionalización e diferenciación do turismo rural galego.
¿Queres saber máis sobre os FamTrips?
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.