FEGATUR. ENTREVISTA A CHARO PITA E MANUEL VILAS

15 de decembro do 2022

                                                   “OS CONTOS E A MÚSICA SON VIAXEIROS POR NATUREZA”

Charo Pita, escritora e narradora oral, e Manuel Vilas, arpista de música antiga, cando non voan pola súa conta, tamén son parella artística por convicción e percorren xuntos a vida, cabalgando ao lombo da fantasía romántica para seguir espallando, coa melodía e a palabra, a memoria dos romances.

Coruñesa e santiagués da colleita de 1966, ela, nunca soubo que quería ser de maior, porque antes de saírlle todos os dentes xa lía e soñaba con ser aventureira. El, en cambio, quería facer moitas cousas, pero a música atrapouno aos oito anos e foise impondo sobre o resto de arroutadas prematuras.

Nun principio, a Charo puidéronlle as palabras e acabou estudando Filoloxía Hispánica pero, como as andanzas lle seguían no maxín, tamén se botou ao teatro, e ao canto, e á percusión medieval, e á expresión corporal. Todo, para continuar emprendendo unha infinidade de lances polo mundo: escribir, interpretar, dirixir, publicar, gravar, ensinar -poesía, libros infantís, relatos para adultos, música-, até se atreve a inventar palabras para titular e ilustrar os espectáculos que crea: FonoContos, Palabras PercuDitas, OlloFábulas.

Manuel estaba embebido no piano desde o conservatorio, pero aos 25 anos foille infiel para sempre por mor dunha aventura que se lle cruzou na vida: descubrir a arpa nun festival de música antiga dun pobo de Aragón. A partires de aí, ficou prendido das arpas ancestrais, desde o s. XII ao XVIII. Máis quixote ca o propio da Mancha, aventurouse a desenmascarar os segredos máis íntimos da arpa ibérica, a arpa dobre do s. XIV na coroa de Aragón e a arpa xesuítica chiquitana de Bolivia. Despois, xa non puido parar de tocalas: gravacións, centos de concertos e creación de grupo propio, Ars Atlántica.

Como dúo, levan vinte anos contando e tanxendo fazañas e sentimentos, porque o que máis os motiva é a propia vida, á que lle están xenerosamente agradecidos por ser como son: Charo, unha muller virtuosa, humilde e forte, e Manuel, un home complexo e sinxelo a un tempo. Así se definen mutuamente estes dous románticos trobadores do século vinte e un, de falas mansas e doces pero con rotundas reivindicacións.

Desde a Federación Galega de Turismo Rural, conversamos con esta parella cabaleiresca, Manuel mentres camiña, libre de armaduras, polos montes de Ávila, Charo durante unha contenda, contra un trancazo na cama, no seu domicilio de Brión. Queremos saber un chisquiño máis destes creadores, amantes da oralidade e da música antiga e a tradicional, que consideran o proxecto de Abertas de Par en Par imprescindíbel para levar ao rural espectáculos que falen do mundo e o conten coa emoción que produce a música e a palabra.

Manuel, Charo, Santiago e A Coruña contan contos?

-Manuel: Pois mira... (risa), Santiago moitísimo..., non só na actualidade senón desde ben atrás. Desde que xurdiu o tema do Camiño, a narración oral -tanto de historias sacras coma profanas- acabou tendo no Romance o noticiario ou a telenovela da época. No noso caso, a importancia do romanceiro e a transmisión das historias é importante tanto para a contadora, coma para o músico.

-Charo: Eh... Creo que de sempre contou contos. Non hai maneira de non contalos. O ser humano é inherente ás historias. Cando contamos a nosa vida ou cando contamos da nosa cidade, o que estamos contando é unha historia. Por tanto, na Coruña cóntanse historias, coma en todos os lugares.

E canto contan, A Coruña e Santiago, no conto das vosas vidas?

-Charo: En principio é o lugar onde nacín, onde teño a miña familia, dalgunha maneira as miñas raíces están aí. Polo menos a miña memoria de infancia está na Coruña e iso é un alicerce para o resto da vida.

-Manuel: A verdade é que nacín en Santiago, iso é importante (ri). Estou moi pouco tempo alí, por motivos de traballo, principalmente, pero sempre vivín, e vivo, en Santiago: unha cidade fermosa e mundialmente coñecida.

De quen vides sendo en Santiago e na Coruña?

-Manuel: (Gargallada explosiva). Ah! Pois nacín na rúa de San Pedro. Ademais, non nacín no hospital, nacín na casa. Son compostelán por parte de meu pai, que tiña un almacén de materiais de construción, Almacenes Vilas, e ourensán por parte de nai: ela era dun pobo moi bonito do Ribeiro que se chama San Paio de Ribadavia. Así que teño o cariño dividido entre estas dúas terras que adoro: Santiago e Ourense.  

-Charo: (Risa). Eu, curiosamente, veño sendo dos Pita (outra risada). Así que o da praza de María Pita tal vez teña que ver cos meus devanceiros (ja, ja, ja!). Por parte de pai son dos Pita que tiñan un taller de coches na zona de Médico Rodríguez. Por parte de nai son Villares, que eran da zona de Oleiros. Así que comparto en min esas dúas orixes.

Antes de contar historias e tanxer arpas que queriades ser de maiores?

-Charo: Pregunta curiosa esa, porque eu nunca me expuxen que quería ser de maior. Sempre me gustou moito ler e escribir. As historias como parte da vida sempre me encantaron. O de aventureira tirábame moito: iso de viaxar por lugares descoñecidos pra facelos coñecidos. Pero non sei se era o que realmente quería ser ou se era unha desas figuracións que tes de nova (gargallada).

-Manuel: De nenos queremos de todo, logo imos cambiando: primeiro quixen ter unha granxa, anque nunca souben porqué, logo médico (cando as ciencias non eran o meu forte), xa de ben mozo, director de cine -porque o cine gústame moito-, pero na miña época non era doado estudar iso, así que esquecino pronto. En cambio, a música sempre estivo presente, desde os oito anos.

Manuel, o de impoñerse a arpa antiga sobre calquera outro instrumento, sería por ter nacido nunha cidade medieval coma Santiago?

-Pois non. Onde realmente descubrín a arpa foi nun curso que realicei en Daroca, un pobo de Aragón que ten un festival de música antiga. Alí me enganchei ás arpas antigas, concretamente as que van do século XII ao XVIII. Comecei polas do s. XVIII que se tocaban en toda a Península Ibérica. A partir de aí fun para atrás: a arpa renacentista, a medieval...

Charo, iso de que naciches cando tiñas seis anos, ao rematar de ler o teu primeiro libro, é unha lenda urbana ou un conto oral?

-Nin é lenda urbana nin conto oral, é un sentimento. Non sei se rematei de ler o primeiro libro aos seis anos, nin sequera o título do libro, era a acción en si mesma a que me transformou. O feito de facelo marcoume moitísimo, porque as palabras sempre me marcan. Entón esa frase resume unha emoción, un sentimento.

Cales son as vosas raíces artísticas?

-Manuel: As miñas musicais veñen de cando neno. Na casa dos meus pais había un tocadiscos bastante rudimentario, pero en cambio nos discos había un pouquiño de todo e moita música tradicional. A música clásica e a tradicional encantábanme. Aínda hoxe en día, unha das miñas grandes paixóns é a música tradicional. Así que aos nove anos ingresei no conservatorio e a partir de aí foi chegando todo, o piano primeiro, a arpa máis tarde, como xa expliquei, porque a arpa antiga comezou a investigarse, estudarse e desenvolverse, relativamente tarde.

-Charo: Oh! Iso, é moi complicado... Creo que estamos enraizadas no mundo, non podemos facelo doutro xeito, por tanto, as raíces artísticas nin sequera teñen porque ser artísticas (ja, ja, ja!). Poden ser de moi diversos tipos. Creo que o que vivín, o que me regalou a contorna, o que me axudou a crecer, o que me ensinou a querer e a odiar, todo iso está nas raíces do artístico.

Manuel, especializarte na arpa ibérica, na xesuítica chiquitana e na arpa dobre do s. XIV, foi para marcarte unha orixinalidade, ou porque a ti o que che vai son os romances da Idade Media?

-Manuel: Un pouquiño de todo. Teño que recoñecer que iso da arpa e da música que non explorou ninguén, apaixóname. Debín ser dos primeiros en meter a garra para investigar a arpa de Aragón do século XIV ou a Chiquitana dos xesuítas de Bolivia, pero non che podo explicar por que. Creo que hai cousas que son innatas en cada un e saen. Empecei coa Ibérica porque quedei impresionado cando escoitei o instrumento por primeira vez no curso de Daroca. Logo todo foi medrando porque eu son un curioso das músicas antigas de toda a Península Ibérica, incluído Portugal, e, por tanto, das de América Latina: todas as arpas de alí proceden do instrumento que toco, a arpa barroca ou arpa antiga ibérica. Gústanme moito estes terreos onde ninguén se meteu porque na historia da música, aínda que pareza que hai moitas cousas feitas, que é certo, inda queda moito por dicir.

Charo, no teu caso, os FonoContos, as palabras PercuDitas, os OlloFábulas, son palabras enxeñosas de nena espelida ou é unha cuestión de fusión cultural?

-Non, é unha maneira de resumir o traballo que fas xunto con quen o fas: FonoContos era a idea de contar contos con música, con son. Lévoo facendo durante moitos anos, con instrumentistas como Florian Vlashi, da orquestra sinfónica da Coruña. Palabras PercuDitas era un traballo en conxunto co percusionista -Javier Fernández- onde os sons percutidos e as historias formaban un todo.

A arpa e os contos tamén se embarcaron cara o novo mundo das Américas, houbo viaxe de volta?

-Manuel: No caso da arpa, primeiro hai que situarse na España do século XVII, onde o instrumento era un dos máis importantes, xunto co órgano e coa guitarra. Estes dous tiveron continuidade, pero a arpa desapareceu a mediados do século XVIII da practica das catedrais, dos palacios e das compañías teatrais: non se adaptou aos novos modelos musicais. Que pasou na América Hispana? Na época potente dos vicerreinados do século XVII, a arpa, que estaba en plena efervescencia na Península Ibérica, foi levada alá e tamén se tocaba nas capelas das catedrais, na liturxia e, polo tanto, entrou a formar parte da vida diaria da xente. Ao contrario que na España, en América, a arpa, ao desaparecer da vida relixiosa, pasa ao folclore: o pobo, a tradición, apropiase do instrumento e convérteo nunha cousa diferente. Readáptano e fan variantes en diferentes localizacións dos vicerreinados. Ademais, foi un instrumento que conectou rápido e ben coa poboación india que o fixo seu -tomaron o instrumento e comezaron a aplicarlle características da súa música-, a propia construción dos instrumentos, aínda que semellantes, teñen elementos diferenciais. Viaxe de volta do instrumento na tradición, non houbo. A mediados do s. XVIII chegou a arpa de pedais, pero era de influencia francesa e de connotacións burguesas. Non era popular. No folclore hispano está totalmente ausente, non hai ningún folclore de arpa.

-Charo: Pois no caso dos contos, non é só que sexan de ida e volta, senón, tamén, que as historias viaxan de maneiras absolutamente imprevistas, porque os contos teñen algo moi particular: alá onde se conten, a cerna, o núcleo das historias é o mesmo. De América viñeron moitas cousas, máis das que pensamos, como os alimentos que temos na despensa -o chocolate, as patacas...- e todos eles chegaron con historias incorporadas. Foi unha maneira de poboar o imaxinario de aquí co que veu de alá. Por exemplo, acabo de facer un libro sobre o cacao e o chocolate, e ten que ver con todas as historias que hai entorno ao cacao e ao proceso de elaboración do chocolate a través dos séculos; e empezas por Centro América e, cando te das conta, estás contando historias que tamén están en lugares tan dispares como África ou Austria. Entón, as historias son viaxeiras por natureza (gargallada cómplice).  

Manuel, eras lector ou ouvinte de contos antes de coñecer a Charo?

-Lector de contos desde a perspectiva da literatura infantil, non; lector-ouvinte de contos para adultos fíxenme a raíz de coñecela a ela, haberá como uns vinte e tantos anos, precisamente, nunha contada que facía Charo.

Charo, e ti, escoitabas música antiga antes de atoparte co Manuel?

-Si, si, de hai tempo. Sempre me gustou a música antiga: música do barroco para abaixo. O renacemento e o mundo medieval, foi algo que me chamou sempre moito a atención.

Contos con arpas: de quen foi a ocorrencia desta mestura de grelos?

-Manuel: Pois mira, non sei se non sería dos dous a un tempo... topámonos, ela narraba, eu tocaba... Daquela, porque non xuntarnos e facer unha sesión de contos medievais con arpa? O primeiro que fixemos estaba inspirado nos Lais de María de Francia. Xurdiu así, dun xeito bastante orgánico.

-Charo: Efectivamente, xurdiu un pouco dos dous. Debeu ser a finais dos anos 90. Estabamos xuntos no grupo Malandança que facía música medieval. Colaboramos no disco, Unha Noite na Corte do Rei Alfonso, Manuel tocaba a arpa e eu cantaba algo e facía narracións. Manuel é unha persoa tan riquiña (gargallada cariñosa), que conxeniamos moi pronto, montamos os Lais, como di, e a partires de aí fomos creando outros espectáculos.

Como Dúo, sodes parella artística por comenencia ou por convicción?

-Manuel: Por convicción. Totalmente. Si, si, si. Comenencia... home, pódese dicir polo interese mutuo que temos na temática. Porque non é fácil atopar persoal interesado na literatura medieval con intención de crear un espectáculo destinado á xente. Por sorte, ademais, temos intereses comúns, ela é unha oradora fantástica, eu toco a arpa, despois somos amigos e estamos convencidos de que o que facemos é algo moi bo, máis convicción imposible.  

-Charo: (Ja, ja, ja!). Por convicción, porque aparte de que nos gusta, desfrutamos moito do que facemos e da compañía mutua. Para min é un regalo facer o concerto xuntos, pero xa tamén realizar a viaxe conxunta, na que aprendo moito. Estou absolutamente convencida da convicción (risa franca a cachón).

Manuel, con que romance ou peza medieval ilustrarías a personalidade de Charo?

-Ai! Que difícil!... Pois mira, hai unha que pomos en escena de vez en cando e ela canta: unha canción francesa do século XIII -doce dama Joulie- do compositor Guillaume-de-Machaut, que describe a unha muller xentil, agradable, unha muller na que todo son virtudes. Entón eu definiría a Charo así: unha persoa con moitas virtudes, que quere pasar desapercibida, moi humilde, pero moi potente.  

Charo, dime un conto que perfile a personalidade de Manuel?

-De boas a primeiras non se me ocorre nada, porque Manuel é unha persoa moi complexa e moi sinxela ao mesmo tempo, e iso gústame moito (risada pícara). Pero si sei de cousas que Manuel e eu temos falado e que teñen que ver co seu mundo, por exemplo, toda a saga dos Nibelungos. Até temos falado de montar algúns contos desa saga, polo que ten de romanticismo... Si, poido imaxinar a Manuel aí coa arpa, perfectamente.  

A quen lle interesa máis o voso conto, aos novos ou aos non tan novos?

-Manuel: (Suspira e pensa a resposta). En xeral, creo que o público que temos é adulto, de entre os 30-40 anos para arriba. Pero é verdade que cando asiste público novo queda gratamente sorprendido. En concreto, o espectáculo do Cabaleiro Roboán que montamos para Abertas de Par en Par, gústalle a todo o mundo, desde rapaces até adultos, porque é o mundo fantástico medieval de damas e cabaleiros.  

-Charo: Claro, porque é un espectáculo que non ten idade. Lembro ter visto a nenos na primeira fila e non pestanexar nin mover un pelo (ri).  

Como Dúo, cal foi o auditorio máis entregado que lembrades?

-Manuel: (risas). Pois... diría que na Sinagoga da Auga, en Úbeda, Xaén. Un espazo cun entorno histórico, precioso, pequeno e moi inspirador. Estaba cheo e creouse un momento moi especial.

-Charo: Ai! Non sei... O da Sinagoga da Auga foi un público estupendo, certo, pero o que tivemos no Ciclo de Abertas, nas casas de turismo rural, tamén foi marabilloso.  

Pódese vivir de contar o conto e tocar a arpa?

-Charo: Eu é o que levo intentando facer desde hai moitos anos. Por agora sobrevivo. A ver como ven o futuro, pero creo que é un oficio moi importante porque as historias orais están na base de todo. A oralidade aporta unha presencia física que, dalgunha maneira, vai máis alá. A emoción non só esta no que se conta, está tamén na persoa que narra e nos corpos dos que a reciben no momento: unha simultaneidade que non existe noutras maneiras de transmitir historias, unha calor humana moi necesaria nestes momentos.

-Manuel: No meu caso, da pra vivir porque, ademais de Galicia, actúo no resto de España e o estranxeiro. Teño 56 anos e collín unha etapa profesional moi boa, a dos anos 90 do século pasado. Hoxe en día, a xente nova que se queira dedicar á arpa medieval teno bastante máis difícil. Cada vez hai máis xente cun nivel altísimo, pillamos unha crise tremenda, imos entrar noutra, e o primeiro que se cargan institucionalmente cando chegan as crises son os proxectos culturais.

Como vedes, actualmente, o panorama musical e o da narración oral en Galicia.

-Manuel: Hai moitos sectores e non coñezo a fondo a situación de todos. No referente ao panorama da música antiga en Galicia non é precisamente boiante. Hai xente moi boa, pero está todo como parado. Hai poucas oportunidades de facer un concerto. Temos un tesouro de música antiga alucinante que está durmindo desde hai séculos. Eu ofrecinme ás institucións, a verdade é que varias veces, para intentar reavivar todo isto, pero non hai maneira, prefiren apoiar outros estilos. En músicas históricas de Galicia teñen unha responsabilidade enorme, pero non a están asumindo.  

-Charo: Vamos a ver... O que é o latexo da narración oral en si mesma, agora está nun momento doce en Galicia porque hai moita xente investigando, experimentando e contando moi ben. Tamén está o feito positivo de que aparecera a asociación NOGA (Narración Oral Galega), porque conseguimos agruparnos como gremio para delimitar un pouco as nosas necesidades e os nosos intereses. A narración oral ten un problema sempre: non se visualiza demasiado, é dicir, forma parte das artes escénicas, sen embargo ninguén a mira así. É como a irmá pobre das artes escénicas, e non entendo porqué. A narración oral ten esa cousa alucinante de manter ao público cativado durante unha hora, só coa palabra, sen precisar nadas máis que a palabra, nin demasiados elementos, nin excesivas luces, nin súper tecnoloxías. Paréceme un milagre absoluto, unha marabilla que hai que coidar e alentar. Mais isto, non se considera así a nivel institucional.      

E na contorna da vosa escena, a quen seguides cada un?

-Manuel: No meu caso, como estou todo o día con este tipo de música, cando chega o momento de desconexión, boto man doutro tipo de estilos que non teñen nada que ver co antigo: a música tradicional rescatada polos investigadores, por exemplo, Pablo Carpintero, ao que admiro moito. Logo, tamén me agrada o musical americano, a ópera do século XIX, a música de piano clásica, e até certos cantantes como Jacques Brel, Édith Piaf, incluso a música pop dos anos oitenta, de cando eu era novo, a música da movida.

-Charo: A min interésame todo o que ten que ver coa narración oral, desde a xente consagrada como pode ser Paula Carballeira, Quico Cadaval ou Soledad Felloza, até a que empeza como Vero Rilo ou Cris de Caldas. Hai tanta xente nova boa! Galicia é un todo un berce de narradores orais. Con respecto a outros lugares da Península, hai unha densidade importante e moita calidade.

Tratemos agora un aspecto vital, que é o que vos fai erguer a vos cada maña?

-Manuel: Uf! (gargallada). Que pregunta difícil! Pois mira, o primeiro que fago é estar agradecido. Parece unha parvada, pero non: estar agradecido por respirar e por ter saúde. Simplemente iso. Porque hai xente que está en guerras, enferma desde moi cedo, xente arruinada.

-Charo: (rotunda e inmediata). A vida. Si. É que non hai máis. Teño moi bo espertar, hai xente que non (gargallada sonora). Cando abro os ollos é que estou cheiña de enerxía. O de erguerse e artellar o día, xa é motivo suficiente para estar contenta. Se a iso se engade o feito de traballar no que me agrada e con xente que me gusta, xa é un privilexio.

Que opinades deste humilde proxecto de Abertas de Par en Par que pretende levar a música e a palabra en directo ao rural galego?

-Manuel: Quedei totalmente impresionado coa idea e cando o fixen, máis, porque descubrín xente anfitrioa e casas rurais extraordinarias.

-Charo: Paréceme un proxecto absolutamente marabilloso, porque leva implícito varias cousas de interese total (ri segura). Por un lado, a posibilidade de explorar recunchos de Galicia que doutro xeito non se coñecerían -unha das avantaxes das casas rurais, está nos emprazamentos pouco habituais e diversos entre si-. Logo, a posta en valor da arquitectura popular, do patrimonio cotiá onde se vive, e, finalmente, levar a eses lugares uns espectáculos que falan do mundo e o contan coa emoción que produce a música e a palabra.

Óscar Fernández e Manu Fraguela, Soledad Felloza, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez,  Sofía Espiñeira, Dúo ConcertArt, Fernando Barroso, Germán Díaz, Mercedes Prieto e Sergio Cobos, coñecedes a esta xente, colega de reparto, nesta I Edición de Recitais ao serán polas casas de turismo rural de Galicia?

-Manuel: Pois laméntoo, pero, agás a Pablo Carpintero e a Germán Díaz -aos que admiro moito-, non tiven o pracer, aínda, de coñecer ao resto.

-Charo: A algunha xente coñézoa persoalmente, a outra, so pola súa traxectoria artística.

Por casualidade, sodes hóspedes habituais do turismo rural galego?

-Manuel: Si, si. Son consumidor de turismo rural cando poido, porque cando vas de concertos é raro que cadre. Nas miñas vacacións sempre vou a espazos destas características, porque me gusta moito o trato persoal.

-Charo: Viaxo moito por traballo, pouco por lecer, pero as veces que o fago si que adoito ir a lugares de turismo rural.  

E, que é o que máis valorastes das casas de turismo rural onde tedes actuado?

-Manuel: Cousas moi simples: o espazo, os sons da auga, da lareira, o contacto con natureza, a tranquilidade. O trato coa xente, as historias das casas e dos donos... Os clientes, que tiñan unhas ganas e un interese enormes de falar connosco.

-Charo: Por un lado a calidade humana da xente que rexenta as casas. A mornura coa que nos recibiron. O interese que puñan no que iamos facer; e as contornas das propias casas, tanto exteriores coma interiores.

E desde outra orde de cousas, nun mundo tan convulso coma o actual, para que pode servir contar contos ou tocar arpas?

-Charo: Non sei se serve pra algo contar contos. Sempre temos como unha especie de necesidade de buscar a utilidade das cousas. Hai un libro marabilloso que se chama, A Utilidade do Inútil, de Nuccio Ordine, e expresa que a utilidade buscámola onde non está. Por tanto, primeiro debemos definir que é o útil?. Daquela, os contos, son útiles ou non? Non importa. Que sucede cando contamos historias, ou tocamos música, que é o que se crea?: un coñecemento que está por enriba de todo, unha forma de comunicación que non se da a outros niveis. O feito de tocar ou contar non entra nas estatísticas, porque a súa utilidade non é avaliábel, é unha utilidade a outro nivel, máis humana e máis necesaria.  

-Manuel: A música é unha cousa innata no ser humano, é como comer ou beber, o que pasa é que non nos damos conta. Desde a prehistoria, a música estivo presente. Todas as tribos, máis ou menos primitivas, teñen música. Até nos campos de concentración nazis había música. Descubriuse fai pouco que había música feita polos mesmos xudeus. Entón, Incluso naquela circunstancia tan terríbel, estaba presente. Para calquera situación, por moi grave ou tremenda que sexa, a música está aí: é totalmente necesaria.

Que así sexa, Charo e Manuel!

Moitas grazas por compartir os vosos sentires connosco!

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.