FEGATUR. ENTREVISTA A PABLO CARPINTERO

09 de decembro do 2022

                                                            “A CULTURA MATERIAL É FROITO DA INMATERIAL”

Pablo Carpintero, músico, investigador e artesán galego, visto de perfil cunha gaita das cantigas entre brazos, semella un trasno rebuldeiro cabalgando teso sobre bordóns máis grandes co seu peito, soprando en transo para rescatar notas prescritas e dixitar técnicas esquecidas.

Apaixonado e vitalista, o doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago e diplomado de Estudos Avanzados en Historia da Música, gasta máis retranca ca propia Galicia, e ri moito. Ten un tipo de risa, practicamente, para cada frase que constrúe. As súas gargalladas conforman unha escala musical propia e repárteas entre as sentencias, como toca e fai as gaitas, así, de seu, porque, segundo el, esas cousas veñen con un.

Anque de carácter apracíbel e calma posta en escena, con Pablo todo é intenso e está en constante movemento desde hai 53 anos. O del é traballar e construír: instrumentos tradicionais do noroeste peninsular, instrumentos medievais, instrumentos infantís, grupos musicais, libros, asociacións, obradoiros, ou calquera iniciativa cultural a prol do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia que defende e reivindica.    

O mago capaz de facer todo isto e incluso saber dos anos que ten unha gaita, agocha un segredo: a fada sen a que non pode vivir, Rosa Sánchez: percusionista, cantadora tradicional e bailadora. Xuntos botaron 30 anos recollendo 900 horas de memoria musical tradicional do noroeste Ibérico. Memoria que, con altruísmo, cederon ao Museo do Pobo Galego e, ademais, comparten con xenerosidade desde o seu portal web: “porque o que gravas non é teu, é do pobo” -din-.

Desde a Federación Galega de Turismo Rural, conversamos con Pablo Carpintero, rostro popular, durante anos, do programa Luar da TVG, a quen lle gusta a difusión pública do patrimonio ancestral. Queremos saber un chisquiño máis deste polifacético artista que, co seu concerto didáctico Música e Evolución, percorreu -canda Rosa Sánchez- as casas de turismo rural de Abertas de Par en Par onde actuaron. En cada recital ao serán puxeron en valor o acervo cultural musical que atesoura a nosa especie, interpretando 43 instrumentos musicais diferentes, dos máis de 160 documentados en Galicia.

Pablo, Castro de Carballedo canta?

-Non. En Castro está todo esquecido (ri con sorna). Alí o único que toca son eu (gargallada retranqueira). Pero xa cando era neno non se cantaba. Só sabemos, apenas, dalgúns cantos de reis. Por aquela miña zona, quen mantivo a tradición dos gaiteiros foi a agrupación Os Barrios de Chantada, principalmente.

Aínda así, canto cantou Castro na vida de Pablo Carpintero?

-Home... Castro é o sitio onde vivín de neno e iso sempre te marca. De alí era o meu avó e a miña familia toda, e sigo volvendo alí. Pra min é un sitio de referencia, coma calquera sitio onde naces e te crías.

Daquela, en Castro, ti de quen ves sendo?

-Pois eu veño sendo o neto do médico (gargallada cáustica). Alí había un médico que era o meu avó, José Luís Arias García. Viñera de Rodeiro a casar coa miña avoa, a filla do farmacéutico. A familia do meu avó tiña moita relación coa “jet set” pontevedresa (escáchase a rir), entre eles Perfecto Feijóo, farmacéutico e gaiteiro de Pontevedra, que foi quen lle meteu o vicio da gaita ao meu avó. Cando eu era pequeno, el xa non tocaba, tiña a gaita colgada no salón da casa. Nunha ocasión, tería eu dez anos, o avó andaba fedellando na gaita, cambiándolle as palletas... Pregunteille que era aquelo e díxome: unha gaita. Pois eu quero tocala, retruqueille (solta unha risada con chola). E aí empezou o asunto...    

Pero antes de que empezara o asunto, que tocaches primeiro, a ferraña ou os bichos do campo?

-O primeiro que toquei foron os bichos (gargallada pícara). Porque eu sempre fun, ademais de gaiteiro, biólogo de moita vocación. Os bichos e as plantas foron algo que sempre me chamou a atención. Tanto, que os torturaba para estudialos, como faciamos nas aldeas daquela, de neno, eh! (ri). De feito acabei traballando nun laboratorio, os microscopios eran algo que me fascinaba (risada).

E durante e despois do comezo do asunto, cales son as túas raíces musicais?

Pablo Carpintero co gaiteiro Desiderio Sampaio da Pontenova, no LUAR-TVG.

-Primeiro, meu avó. Segunda, miña nai: ela foi quen me ensinou a tocar a gaita, sen saber tocala, porque cantaba, como case todas as nais cando eu era rapaz. De feito, a maior parte dos gaiteiros deste país, daquelas, non querían que os seus fillos seguiran o oficio, quen o instruían eran as nais. Elas explicaban como se tocaba, ensinando as pezas que cantaban, pra que se aprenderan de ouvido. Miña nai dicíame:  isto vai mal de ritmo, tes que facer doutra maneira... Despois, xa de maior, tiven un montón de mestres, pero os que quizais máis me marcaron foron os gaiteiros: José Marentes, de Santa Xuliá, Darío Díaz, de Paíme, Serxio, da Veiga de Logares, Os Tres da Fonsagrada, Manuel Viqueira, de Ordes, Desiderio Sampaio, da Pontenova, Manuel Lago, de Carelle, Andrés, de Vilamaior, Paco, de Escornabois, ou Juan Ferreiro, de Laroá. Todos eles, entre moitos outros, son ou foron grandes amigos e son a miña memoria. Porque eu nunca toquei con partituras, sempre toquei a gaita de ouvido e sigo tocando. Aprendín a ler partituras aos corenta anos. Non me gusta depender delas, prefiro desenvolver a memoria (gargallada xocosa).

Entón, o de facer bioloxía de maior, foi porque querías acabar de tocar os bichos que non palpaches de rapaz.

-Pois non. O da bioloxía creo que viña nos xenes. Meu pai é matemático, pero sempre lle gustou moitísimo a bioloxía e ao meu avó médico tamén. Estas cousas veñen con un, eu son desa idea.

E iso de construír instrumentos e sacarlle música á casca das árbores e ás plantas, tamén viña contigo, ou ensinoucho alguén?

-Pois a min sempre me gustou moito construír. De neno, ía primeiro á carpintería xunto ao Camilo que para a casa, sempre me tiñan que ir buscar alí... Meu avó dicíalle ao meu pai que me levara xunto ao zapateiro, para aprender a facer zapatos..., e tamén que onda o director da banda, para deprender música..., parece que meu avó xa me tiña calado. Pero o de construír instrumentos ensináronmo as xentes que fun visitando polas aldeas.

De aí a desenvolver un método matemático pra descubrirlle a idade ás gaitas, iso é unha indiscreción de gaiteiro atrevido ou ten base científica?

-É puro espírito matemático, eu tamén teño diso. Xa che contei que son fillo, irmán e amigo de matemáticos. Gústanme moito as mates, axudan a resolver problemas moi complexos e permiten chegar a cousas tan bonitas e sorprendentes como pescudar canto anos foi tocada unha gaita polos desgastes que ten.

Pero, a ver, es licenciado e doutor, diplomado, músico, investigador, luthier, mestre, directivo e membro dun feixe de asociacións e colectivos musicais, ao final, entón, toleaches de máis, ou é que da música só non dá pra vivir en Galicia?

-Home, a ver, mentiría se dixera que vivir da música é fácil, eh! Pero tampouco é fácil vivir da bioloxía, que llo digan a tant@s biólog@s que se tiveron que marchar deste país. Eu mesmo tiven que abandonar. Na maior parte dos ámbitos tes que facer cola pra chegar a ter unha praza. Véndencho como unha meritocracia, pero é unha cuestión máis de nepotismo que outra cousa. É coma todo... De todo se pode vivir se tes paixón e se fas ben o teu traballo, nada máis. Eu, por todo ao que me dedico, teño paixón. Non sei se o fago ben, pero paixón teño (gargallada).

E pra dalo feito todo, e ben, non será que tes quen che leve o ritmo e o compás?

-Iso por descontado. Sempre que me preguntan porque deixei a bioloxía pola música, respondo que é mérito exclusivo da miña muller. Ela viu que na universidade aínda me faltaban anos pra ter un contrato decente, e díxome: bótate a isto, home, seguro que che vai ben. Eu, por min propio, nunca me tería atrevido. Ademais, a Rosa acompañoume no traballo de campo desde que era moi nova. Coñecina con 16 anos, desde aquela fomos polo mundo entrevistando xente e gravando e segue a tocar comigo. Non creo poder ser separable dela. Ou sexa, formamos unha unidade.

Xuntouvos unha gaita, un baile ou un cantar?

-Unha gaita (Risada ampla e pícara). Coñecín á Rosa en Cantigas e Agarimos. Cando estaba facendo a carreira en Santiago, alá polo 1987, un día, Ruben -amigo meu tamén gaiteiro- propúxome ir tocar á rúa para sacar pasta. Eu non quería, porque me daba vergoña e pensaba que ofendería ao meu pai. Ao fin convenceume. Fomos tocar a gaita á rúa e nun par de horas xuntamos 25.000 pesetas da época, uns 150€ ao cambio de hoxe: unha barbaridade, a décima parte do que gañaba meu pai en todo o mes como catedrático na universidade. Satisfeito, repetín moitas veces o asunto e, outro día que estaba a tocar cun amigo gaiteiro, Ramón Failede, viunos tocar Eduardo Sisto, un pandeireteiro de Cantigas e Agarimos e propúxonos ir tocar con eles. Total, que alá nos fomos, prendemos, coñecín á Rosa e até hoxe (ri con ganas).

E despois de 30 anos camiñando o noroeste español e o norte de Portugal canda ela -ao rescate de cánticos, músicas e bailes- aínda da pra seguir tocando xuntos, ou xa regueifades máis que tocades?

-Nooo... Home!, regueifar sempre hai que regueifar, senón que? (risas). Pero nós cantamos moi ben a dúo, eh! Como parella pasamos moitísimas dificultades, pero esas mesmas dificultades axudáronnos a formar unha estrutura moi forte como familia. Estamos moi orgullosos de como levamos a vida. Haberá xente que necesite máis aire ou máis espazo, pero eu non me afago sen ela e a estraño cando non está.

Que peza popular crees ti que definiría a personalidade de Rosa?

-Pois mira, vouche dicir unha cousa: a Rosa non che é nada folclórica (gargallada con retintín). É unha cousa sorprendente, pero é así. A paixón de Rosa é ler. Fai música porque ao longo da súa vida estivo nos grupos, é unha bailadora extraordinaria, toca de marabilla, é unha percusionista fenomenal, pero non che é nada folclórica... Unha peza que definira á Rosa..., tería que ser algo moi potente... Se o penso ben... o aturuxo! (gargallada satisfeita). A Rosa é unha grande aturuxadora, do mellor que teño visto neste país (jejeje!). Nos concertos en que Rosa aturuxa, a xente logo rise de min (jeje!), non teño a potencia dela. Só bota un aturuxo por concerto, pero cando o bota, a xente esmendréllase, claro. E logo sempre hai quen che di: ja,ja! Aí si que se viu quen manda! (risas).

E que peza crees, segundo Rosa, que determinaría o teu ser?

-(Risa). Home, pois coñecéndome como me coñece, un tema deses de Pontevedra, dos de antes, seguro (gargallada). Ela igual diría que a Alborada de Manuel Villanueva de Poio.

Dicía Castelao, hai xusto cen anos, que cada vello que morre é unha biblioteca que se perde. Deuvos tempo a rescatar moitas letras, músicas e bailes, ou xa chegastes algo tarde?

-Mira, nunca é tarde. Iso pensaba Castro SamPedro a finais do século XIX, que todo se estaba acabando. E sen embargo, 80 anos despois, puidemos gravar 900 horas de música, canto e baile. Eu mesmo son un gaiteiro tradicional, aprendín cos vellos, e formo parte dunha cadea de transmisión. Nas casas segue habendo xente que canta, que toca, que baila... É como unha especie de retrónica de nós: sempre paga a pena ir ao campo a recuperar cousas, sempre.

E que fixestes, ti e máis Rosa con ese patrimonio inmaterial “familiar”?

-Pois, máis de 300 horas doámolas ao Consello da Cultura Galega e, recentemente, cedemos as 900 ao Museo do Pobo Galego. No arquivo do patrimonio inmaterial -APOI- está todo dixitalizado a disposición do público. Tamén compartimos o material clasificado desde o noso portal web. Entendemos que o que gravas non é teu, é do pobo. Ademais, cando a xente nos preguntaba pra que era isto, diciámoslle: para que non se perda (risas). Entón hai que cumprir o que se promete.

Canto cambiou Galicia musicalmente en 53 anos, desde que ti naciches?

-Pois, eh... Creo que cambiou bastante. Cando empecei a tocar a gaita, miña avoa dicíalle ao meu avó: como lle deixas tocar a gaita ao neno?... Hoxe a nosa música está moito máis valorizada. Hai moitísima máis xente que toca, que canta, moitísimos máis grupos. Saímos dun impasse histórico moi complicado, que durou deica os anos sesenta do século XX, e saimos airosos. Somos unha cultura musical cunha riqueza e un desenvolvemento no país que é alucinante. Aquí dentro, ao mellor non nos damos conta, pero se falas con xente de fora, somos un referente a ese nivel. Non hai comparación con cando nacín.

Tendo en conta iso, hai algún tema no teu amplo repertorio que non deixarás de tocar xamais?

-Si. Calquera das pezas do repertorio antigo de Pontevedra ou da Fonsagrada, principalmente de José Marentes. Porque cando tocas a música que compartiron contigo, estás lembrando o ser da persoa, a súa fala, o seu cariño, a súa casa, as vivencias da súa amizade... Así pois, as pezas de Pontevedra representan ao meu avó, e as da Fonsagrada a quen me ensinou.

E cal foi o auditorio máis entregado que lembras?

-Non sei... A min das cousas que máis me gustan é ir aos colexios e aos institutos, e á Rosa tamén. Creo que o público máis entregado é a xente que queda sorprendida, e, a maior capacidade de sorpresa está sempre nas nenas e nos nenos. O público máis difícil e o mellor, a un tempo, é o público infantil.

Es seguidor de alguén na música actual?

-Si, claro. En Galicia hai moitísima xente que me gusta, Xabier Díaz, por exemplo, pola volta que lle deu á pandeireta e ao canto. Agrádame Luís Caruncho, dos meus gaiteiros favoritos, e como grupo Os Melidaos. Pero compráceme escoitar de todo: o rock. De feito teño un grupo de rock cuns amigos (risas). Tamén a música clásica occidental..., e a clásica hindú fascíname. A música étnica... En fin, a música paréceme a cousa máis fenomenal que inventaron os humanos (gargallada pletórica).    

Vaiamos agora á perspectiva vital, que é o que te fai erguer a ti cada mañá?

-(Inmediato, sen pensar). A min gústame traballar. É o que me gusta. Gústame traballar nestas cousas. Gústame construír. Si.

Que che parece, logo, este proxecto de Abertas de Par en Par no que traballaches, para contribuír a levar a música e a palabra ao rural galego?

-Paréceme unha idea moi boa. Levar a música nosa ás casas de turismo rural é estupendo, porque nas casas é onde sempre se fixo a música. A música máis cotián, os seráns, as ruadas, iso facíase nos fogares, nas palleiras, nos muíños, nos fornos... As casas de turismo rural que temos en Galicia, dalgún xeito, representan a alma onde habitan os galegos. Esas construcións tradicionais que teñen a maioría delas, son encantadoras. Ao entrar nesas casas, sobre todo nas mais antigas, o primeiro que fixemos Rosa e eu foi exclamar: cantas foliadas se terán feito aquí!

Óscar Fernández e Manu Fraguela, Soledad Felloza, Fernando Barroso, Sofía Espiñeira, Dúo ConcertArt, German Díaz, Mercedes Prieto e Sergio Cobos, Charo Pita e Manuel Vilas, coñeces a esta xente colega de reparto nesta I Edición de Recitais ao Serán?

-Si, si. Coñezo a moitos deles. Algúns tamén de xeito persoal.

Por causalidade, sodes hóspedes habituais do turismo rural galego?

-Si que o somos, si, tanto en Galicia coma fora dela.

E que foi o que máis valorastes das casas de turismo rural galegas?

-A atmosfera, sen dúbida, porque se respira algo particular. Esa sensación de estar nun sitio con historia. Teñen como unha enerxía especial.

Entón, fora desas casas, nun mundo tan caótico coma o actual, para que pode servir a cultura inmaterial?

-Uf!... (Risa farta). Mi madriña! Vaia pregunta! O asunto é que sen esa cultura estamos perdidos, porque, todo o que facemos, en realidade, sae da cultura inmaterial. A xente no sei se ten consciencia diso, pero, a cultura material é froito da inmaterial. O coñecemento de tempos pasados é importantísimo non esquecelo, porque nalgún momento pode precisarse, en todos os ámbitos. O coñecemento almacenado durante miles de anos é súper importante. Os humanos non podemos perder a nosa tradición nunca. O que pense que si, que as cousas hai que deixalas atrás, é un completo ignorante. É o que creo eu, vamos.

Que así sexa, Pablo!

Moitas grazas por compartir os teus sentires connosco!

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.