11de Novembro do 2022
Dado o crecente interese entre persoas maiores polo turismo rural, a FEGATUR, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, e coordinada canda a AGAVI ven de acompañar, desde o 25 ao 28 de outubro pasados, a viaxe de familiarización dun grupo de xornalistas e axentes de intermediación especializadas en turismo senior, que se achegaron a Galicia desde distintos puntos da península como Granada, Xaén, Valencia, Alacante, Madrid e León.
Durante tres días, tiveron a oportunidade de coñecer propostas aloxativas e experiencias vinculadas ao turismo rural, así como manter entrevistas con medios de comunicación e diversos encontros.
Trala súa chegada o martes a Santiago, dirixíronse cara A Estrada e as terras do Deza. o mércores pola tarde achegáronse as terras luguesas de Chantada, Taboada, O Saviñao e Sober. Deixaron o venres para descubrir ás ourensás de Celanova e Ramirás. A Casa Torres de Moreda en A Estrada e a Casa Grande de Rosende en Sober foron lugares de encontro con persoas propietarias de aloxamentos de turismo rural e representantes institucionais como o presidente do Clúster de turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal (ex-presidente da FEGATUR e actual tesoureiro da mesma), e con Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
A visita arrincou o martes 25 de outubro pola tarde e continuou o mércores 26 de outubro, a partires das 09:30 en A Estrada, na Casa Torres de Moreda, onde tras o almorzo, realizouse unha visita polo pomar da casa, na que tamén participaron persoas propietarias de aloxamentos rurais.
Tras o paseo, celebrouse unha moi interesante mesa de traballo que permitiu analizar a situación, recadar información, intercambiar propostas e continuar conversas, algo que tivo continuación o xoves 27 de outubro a partires das 20:30 horas na Casa Grande de Rosende en Sober coa presenza de novo de persoas propietarias de aloxamentos rurais.
Ditos encontros serviron para amosar e dar a coñecer o que os distintos aloxamentos rurais asistentes están a ofrecer, as magníficas realidades, potencialidades e expectativas que o turismo rural atesoura, -espazos e contornas, gastronomía, viños e licores, experiencias e actividades, patrimonio, e, sobre todo, persoas anfitrioas e prestadoras de servizos-. Tamén serviu para facernos conscientes das eivas, erros e melloras pendentes de realizar e que están a dificultar que poidamos transitar con normalidade e naturalidade polo camiño tan vizoso e cheo de oportunidades que o turismo rural ten para diversos segmentos de público, tamén para o senior, e que noutros lugares xa levan tempo desenvolvendo, mesmo con recursos ben máis escasos que os que a nosa terra ofrece.
Afortunadamente estes encontros están a servir para facernos máis conscientes de que só xuntas, seremos quen de achegarnos, escoitar e aprender, intercambiar e amosar o grande e potente abano de oportunidades que o turismo rural galego posúe e que as persoas axentes de intermediación están desexando poder incorporar aos seus catálogos, pois en nada desmerecen e mesmo superan as ofertas que están a promover.
Grazas a estas accións tivemos ocasión de presentar, ademais de aloxamentos de turismo rural galegos, diversas propostas e experiencias vinculadas. Tanto as persoas xornalistas como responsables de grupos de axencias e turoperadores e axentes intermediarias puideron tomar nota dos establecementos de turismo rural e empresas interesadas no turismo de maiores ca fin de elaborar e paquetizar produtos de turismo rural de Galicia dirixido ao público senior.
O RURAL E O TURISMO, O COMÚN INTERESE QUE NOS UNE
Conscientes da complexa situación actual, mais tamén do interese que o sector ten para Galicia, desde a FEGATUR seguimos a alentar experiencias coma estas co convencemento de que todas elas permiten promover e potenciar a cooperación e a creación de redes colaborativas que axudan no intercambio de referencias de negocio, establecemento de redes e o fomento do asociacionismo. De igual xeito, o achegamento a proxectos, experiencias e actividades, ao patrimonio e á cultura, está a permitir que as persoas descubramos e tomemos en consideración novas sendas que están florecendo ao noso carón.
Encontros coma este alentan a seguirmos na tarefa de acadar un rural forte e diferenciado, con méritos propios excepcionais que lle engaden valor grazas á renovada e novidosa oferta que o turismo rural ven ofrecendo. Desde a FEGATUR seguiremos contribuíndo e traballando para acadar un turismo rural sostible, colaborativo e rexenerador.
“Os aloxamentos rurais témolo doado para reanimar, reorientar e relanzar os nosos negocios.
Tan só precisamos reparar no que está a requirir e demandar o público senior que fuxe de grupos grandes, ofertas estandarizadas e de baixo custe. Abonda con preguntarse cales son os elementos de diferenciación e calidade propios do turismo rural que están a procurar moitas persoas maiores, ou como ofrecer modelos de turismo rural calmos, sostibles e rexenerativos. Exemplos que funcionan xa vai habendo”.
Esta acción enmarcouse dentro do convenio que Fegatur ten coa Axencia de Turismo de Galicia.
Nesta viaxe de familiarización exerceron de anfitrións Francisco Xabier Almuíña Chorén presidente da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) e Juan Rivadulla, presidente da AGAVI, e a compaña das persoas propietarias da Casa Torres de Moreda, Casa da Eira, Torre Lombarda, O Xastre de Anos, Casa do Romualdo, Casa dos Muros, Aira Sacra Souto, A Rousía, Casa Grande de Rosende e Casa Ramirás.
Francisco Xabier Almuíña Chorén.
Presidente da FEGATUR.
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.