REPENSAR O TURISMO… TAMÉN O RURAL". DÍA MUNDIAL DO TURISMO

27 de Septiembre de 2022

Reflexións de Francisco Xabier Almuiña Chorén, Presidente da FEDERACIÓN GALEGA DE TURISMO RURAL, sobre o Turismo e todo o que o vencella.

Boa vida.

A Organización Mundial do Turismo, no Día Mundial do Turismo convídanos a seguir ollando cara o futuro.

Se ben o inicio da recuperación está a retrasarse, e o recoñecemento político e público ao sector debera ser maior, no Día Mundial do Turismo 2022, a FEGATUR quere sumarse con ilusión ao convite da O.M.T.  de promover a oportunidade de repensar como facemos turismo.

Isto debe principiar por poñer as persoas e o planeta en primeiro lugar e por convidar a que todas as partes interesadas, desde administracións e empresas ata comunidades locais, traballemos arredor dunha visión compartida dun sector máis sostible, inclusivo e resiliente, que sirva para impulsar a recuperación, sementar esperanza e oportunidades na xente.

O turismo rural somos pequenas iniciativas de base, en lugares pequenos, coas que xente pequena vimos apostando, investindo e contribuíndo a manter vizosos moitos recantos da nosa Terra.

Nun momento de transformación como o que estamos a vivir, o  turismo rural debera ser recoñecido como un dos piares que contribúe ao desenvolvemento e progreso do noso campo, mesmo, cando os destinos e as empresas estamos a adaptarnos de forma proactiva para afrontar os retos e responsabilidades que se nos están a plantexar.

Cara onde vai o turismo rural?, cara a onde queremos ir?, e como imos chegar?

Este repensar está a convocarnos a todas as partes interesadas, a todos os elos da extensa cadea de valor do turismo rural, desde as persoas propietarias, os equipos directivos das asociacións, ate ás representantes comunitarias, políticas e institucionais. E faino poñendo ao turismo como un dos elementos clave da recuperación.

Repensar o turismo rural tamén debe servir para inspirar o debate que contribúa ao seu desenvolvemento -tamén a través da educación e o emprego-, e a ser conscientes do impacto do turismo na terra e das oportunidades de crecemento sostible que se nos ofrecen.

Ben seguro que das leccións aprendidas e das anotacións tomadas na vida, imos sacando proveito abondoso para o cambio que se precisa.

Moitos son os retos a afrontar sen demora e as rotas para seguir contribuíndo ao desenvolvemento sostible da nosa Terra; sirvan de exemplo os que deseguido van:

-Baixar a velocidade coa que transitamos pola vida para vivir, para vivila e gozala.

-Fomentar a autoestima e a  dignidade das persoas que viven no campo.

-Procurar fórmulas atraíntes para a xente moza que permita acadar o relevo xeracional.

-Apostar con decisión polo uso de enerxías renovables e non contaminantes.

-Apostar decididamente pola mellora nas infraestruturas de comunicación que permitan canles fluídos entre as persoas.

-Seguir na procura de alianzas e acordos, persoais, comunitarios e sociais.

-Deixarse axudar e compartir o mellor de cada quen, aproveitando os novos recursos e tecnoloxías para comunicación e o traballo en equipo.

-Reforzar espazos de formación e asesoramento.

Cómpre escoller ben os retos e as rotas polas que afrontalos.

Tanto o colapso ambiental que sobrevoa sobre toda a humanidade como as ameazas para a saúde que poidamos padecer, son realidades que debemos afrontar xuntas e sen demora.

Conscientes de que a época que nos toca vivir ten riscos de deriva e que para fuxir de ficar de novo a mercede dos elementos, precisamos reanudar a confianza, xuntar as forzas que nos quedan e revitalizar aqueles proxectos que sexan viables. Tamén é necesario buscar colaboracións e alianzas que sexan enfortecedoras.

Certo que vivimos tempos de incerteza e desacougo, mais tamén de esperanza, de solidariedade, de creatividade  e de novas oportunidades.

Todo o que de bo viña de atrás, xunto coa experiencia traumática derivada da pandemia, estanos axudar a mellorar en diferentes eidos das nosas vidas, tamén a implantar novas metodoloxías e estilos de vida.

A nosa Terra ven proclamando dende o comezo da historia que é un espazo privilexiado que se ofrece para dar o mellor de si, en froitos, en aire san, en calma, en paz, en silencio, espazos privilexiados para desconectar, para reflexionar e meditar.

É o gran eido no que podemos celebrar o don da vida, da natureza, da humana e divina dimensión das persoas. Estásenos a ofrecer unha oportunidade única, que temos a obriga de aproveitar.

É o momento de reorientar…

É, pois, ineludible, inaprazable repensar, reorientar os nosos proxectos vitais, os negocios, as estratexias. Temos que reducir os frenéticos ritmos de vida e de traballo. A teimuda realidade e a natureza están a berrarnos que compre parar e respirar, repensar e darse conta de que hai outros xeitos máis sinxelos e calmos de benvivir.

-É o momento das persoas, e da natureza, de recuperar harmonías, respectos, dereitos, máis tamén obrigas.

-Faise preciso que dunha vez por todas se valore con xustiza o traballo e adicación que as persoas labregas, gandeiras e mariñeiras están a desenvolver acotío.

-Cómpre animar e apoiar ás pequenas producións para que sigan a cultivar, a criar razas autóctonas. Compre confiar nas persoas transmisoras da memoria dos saberes, sabores e sentires da terra que ben dende as súas casas, ben desde espazos colaborativos, estean a ofrecer elaboracións e conservas artesanais, con receitas tradicionais ou  innovadoras.

Todas elas son imprescindibles para a nosa supervivencia.

-É tamén tempo de ser testemuña diante das novas xeracións, e de acompañalas na súa descuberta do futuro.

-Chegou a hora de, aprendendo de outros lugares, optar por favorecer paseos verdes, de terra, que permitan ás persoas o contacto saudable coa natureza, osixenarse, achegarse andando até lugares emblemáticos que ademais ofrezan a cada paso experiencias sensoriais (coas árbores, plantas, sons do silenzo, da auga, do vento e a choiva, dos paxaros e animais; vistas acalmadas, texturas, etc). Son moitas as persoas que poden atopar sustento acompañando, amosando e compartindo saberes, sabores e sentires que cada vez máis persoas procuran cando viaxan. Xente do común que dende os seus postos de traballo ou coa súa significativa presenza en determinados lugares poden ofrecer información relevante aos visitantes dun xeito espontáneo e natural.

-Retomar e fomentar a volta das embarcacións tradicionais e o seu uso para o lecer.

-Apostar decididamente polo uso de enerxías renovables.

Francisco Xabier Almuiña - Presidente da FEGATUR

Unha nova ruta despois da reorientación.

A estas alturas, temos asumido que estamos a ter que cargar -confío que dun xeito xusto e proporcional-, co altísimo custe desta catástrofe. É inxusto, unha vez máis, pedirnos ao común das persoas contribuintes, ás autónomas e ás pequenas empresas máis e significativos sacrificios.

Cómpre apostar porque as axudas vaian destinadas a repoñer a desfeita económica que, por moi longo tempo, estamos a padecer persoas, autónomas e pequenas empresas que vivimos, invertimos e contribuímos a soster viva a nosa Terra.

Reclamo que se continúe coa colaboración das administracións, apoiando, ao igual que se fixo noutras promocións, suplemetar as cantidades aboadas polas persoas usuarias. Sería ben interesante lanzar campañas que favorecesen colectivos como as persoas maiores, as persoas coidadoras ou cantas se están a ver implicadas dun xeito especial na loita.

Así mesmo propoñer a creación dun Panel de pequenas propostas e proxectos. O propósito é contribuír a que ás persoas que nos visiten dispoñan dun amplo abano de ofertas que lles permitan mergullarse en experiencias que as melloren na súa saúde física, mental e espiritual; á vez que nos permita ir mudando cara a un modelo de turismo consciente, sostible, que contribúa a dar futuro a toda a comunidade.

Se ben a estas alturas descoñecemos datas, tempos e ritmos de recuperación, reafírmome no convencemento de que ten sentido continuar ofrecendo experiencias e sabrosuras que a xeito de petiscos vaian calmando fames e ansiedades.

Para ir rematando...

O recoñecemento, alento e respecto a cantas persoas están a traballar por coidarnos e por ir recompoñendo persoas, empresas e natureza.

Tamén para as que co seu esforzo e sacrificio cumpren ca misión de xestionar e coordinar. Agradezo a escoita, a dispoñibilidade para compartir e alixeirar as cargas que levamos e o alento e ánimo que tanta xente está a nos transmitir.

A Federación Galega de Turismo Rural está a ser a plataforma de diálogo inclusiva que procura identificar solucións para aproveitar o potencial do turismo como vehículo de recuperación e cambio do rural. Así mesmo tenta amplificar a mensaxe do turismo como forza inspiradora e transformadora, procurando a implicación do sector na súa realización e consolidación.

Tamén tenta mobilizar a vontade política e a cooperación para garantir que o turismo rural estea no cerne da elaboración de políticas para a Galicia rural, suscitando cuestións a debater e promovendo solucións que sirvan para reencamiñar o futuro do turismo rural galego.

Paz e ben.

Francisco Xabier Almuíña Chorén.

Presidente da FEGATUR (Federación Galega de Turismo Rural).

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.