OUTONO NOS BOSQUES DE GALICIA, É TEMPO DE COLLEITA E LEDICIA!

10 de Outubro do 2022

É tempo de esforzada colleita e tamén de leda celebración.

As castañas asoman nos sorrisos que desde o chan nos ofrecen os ourizos. Na gastronomía galega temos una chea de deliciosas receitas con castañas, algunhas das cales poderás atopar na web da IXP (Indicación Xeográfica Protexida).

Porque ademais de asadas e cocidas, enchoupadas de leite ou caldo, tamén serven para acompañar potentes guisos de carne e mesmo para ser ingredientes principais de larpeiras sobremesas.

Probáchelas xa en forma de flan ou torta de castañas? E, como  excelso marrón glacé?

O outono en Galicia tamén é tempo de celebración, o Samaín, os magostos, ou o san Martiño! Son moitos os lugares de Galicia onde celebramos magostos e nos que as persoas que se achegan sodes sempre benvidas. A veciñanza, tras apañar as castañas, damos boa conta delas canda a torriscos e chourizos. E todo regado co viño novo da derradeira colleita!

E que dicir dos cogomelos! O outono nos bosques de Galicia é a época  máis acaída para a súa recolección.

               

As persoas afeccionadas á micoloxía atoparedes en Galicia un paraíso. Iso si, é imprescindible que as saídas para recoller cogomelos se fagan sempre da man experta de alguén que saiba distinguir axeitadamente as variedades comestibles. Afortunadamente, cada nova tempada, son máis as convocatorias de xornadas para saídas con especialistas e incluso hai casas rurais que gozan de persoas mestras na arte de apañar cogomelos e cociñalos deliciosamente.

Maceiras e pereiras  son  dúas das árbores froiteiras nas que Galicia é tamén reservorio de variedades únicas na península Ibérica. Grazas a que case que en cada aldea sobreviven vellas variedades de mazás e peras.

Sexa outono ou inverno, cando  te aloxas nunha casa de turismo rural de Galicia case seguro que á volta do paseo polo bosque, hante estar agardando unha lareira acesa e o arrecendo de exquisitos pratos maridados cuns excelentes viños. Unha boa conversa mentres saboreas un licor ou infusión será un bo xeito de ir rematando paseniña e deleitadamente a xornada.

Lembra que, de novo este ano 2022, poderás apuntarte ao Outono Gastronómico, degustar produtos amparados polas D.O. (Denominacións de Orixe) e as IXP (Indicacións Xeográficas Protexidas) nos exquisitos menús que se ofrecen e desfrutar de fins de semana diferentes -a soas, en parella, coa familia ou as amizades- aloxándote en calquera dos 73 establecementos de turismo rural de Galicia.

Máis de 150 exquisitos menús  agárdante nesta décimo sexta edición!

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.