10 de setembro de 2021
Segundo a información dispoñible pola Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), os establecementos de turismo rural de Galicia confían en alongar a tempada e compensar así os longos meses pechados. Así se subliñou no encontro telemático que a FEGATUR celebrou este martes 7 de setembro, e que contou coa asistencia de preto de 50 establecementos de turismo rural de Galicia.
Tal e como recolle o informedo Observatorio Nacional del Turismo Emisor (ObservaTUR) e a enquisa “encuesta de Segittur y Minube” entre un 13 e un 30% dos españois ten decidido coller as súas vacacións a partires de setembro.
O presidente da FEGATUR, Francisco Xabier Almuíña sinalou que “a tempada primavera/verán serviu para reanimar e comezar a reencher ospetos baleiros, e depositar unha vez máis esperanzas en que a tempada se prolongue todo o outono”. Así mesmo, recoñeceu que se ben o arrinque foi progresivo, en xuño mellorou a actividade e en xullo as cifras de ocupación acadadas foron aceptables. Destacou que agosto permitiu acadar cifras de negocio superiores ás de 2019 prevendo que setembro tamén será mellor que o do pasado ano, con taxas de ocupación incluso superiores ás de 2019.
Adiantou que con esta perspectiva a maioría dos establecementos ficarán abertos ate decembro. Segundo a súa análise, as persoas viaxeiras que veñan a Galicia en setembro, tanto da nosa comunidade como do resto da Península, farano sobre todo a destinos consolidados, con estadías de entre catro e oito días.
Rematou destacando que “se a calidade na acollida, a profesionalidade nos servizos ofertados e a garantía de máxima seguridade sanitaria eran xa de por si elementos diferenciadores dos aloxamentos de turismo rural fronte a outras ofertas de aluguer que se están a difundir, o esmerado coidado e o agarimo na preservación do patrimonio arquitectónico, así como os espazos de natureza nos que se atopan todos os establecementos de turismo rural de Galicia, serven definitivamente para decidir onde pasar os días coas persoas que ben queremos”.
O Outono Gastronómico e o bono turístico animan a gozar do turismo rural de Galicia.
Desde a secretaría técnica da FEGATUR destacan que o Outono Gastronómico e o bono turístico animan a gozar do turismo rural de Galicia. Aínda así este ano estamos a sumarlle propostas que han permitir ao sector mellorar aínda máis a súa oferta e alongar a tempada. A salientar:
O Outono Gastronómico 2021, que a semana que ven será presentado pola Axencia de Turismo de Galicia e acada xa a súa 15ª edición. Nel o protagonista é o turismo rural, coas súas ofertas gastronómicas e de actividades complementarias. FEGATUR colabora activamente neste interesante programa de desestacionalización turística.
Por outra banda, baixo olema “Outono’21 chámase Galicia Turismo Rural”, desde a FEGATUR estamos a promover novas experiencias e actividades vencelladas ao outono (vendima, colleitade castañas e magosto, cogomelos, turismo de maiores, peregrinos). Tamén se ofrecerán ofertas de última hora, facilidades de reserva flexible e promocións. Toda esta actividade está recollida no portal GaliciaTurismoRural.es.
Pola súa banda, Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia e directivo da FEGATUR, lembrou ás persoas asistentes os bonos turísticos “quedamos en Galicia 2021”. Os 3,5 millóns de euros destinados a acelerar a reactivación do sector turístico, están a permitir que as persoas posuidoras das citadas tarxetas dispoñan de ate cincocentos euros para consumir en produtos e servizos. No caso do turismo rural poderano facer nos máis de 160 aloxamentos de turismo rural adheridos (ver mapa de participantes de GaliciaTurismoRural.es). Suxeriu a importancia de promocionar o seu uso, pois ademais de apoiar ao sector nos meses de baixa actividade e favorecer a desestacionalización, só poderá usarse ate o 15 de decembro.
É por todo isto que, máis que nunca, en Galicia gozar do Outono é gozar do Turismo Rural.
Contacto de Fegatur para medios: info@fegatur.org ou teléfono/whatsapp 631179252
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.