O OUTONO: GRANDE FOLIÓN DE CORES

10 de Outubro do 2022

Tras o verán, o bosque en Galicia celebra o outono cun espectacular folión de cores. As primeiras choivas traen de novo auga aos regatos e mananciais. A ampla mostra de verdes vai deixando paso a unha grande variedade de tonalidades, amarelas, avermelladas, ocres e marróns. Proba subir a un outeiro ou asomarte aos miradoiros e contemplar de xeito calado e quedo tan espléndido tapiz de cores. Vivirás unha das máis emocionantes e ledas experiencias contemplativas que a vida che teña ofrecido.

As follas das árbores ao son do ar, vanse soltando de vagariño, iniciando no colo do vento unha fermosa e hipnótica danza en liberdade.

Mentres camiñas sobre unha alfombrada senda  de follas secas, escoitarás a música do vento e o murmurio da auga, o latexo do teu corazón e o son das túas pegadas.

En Galicia, no outono, chove miudiño. A choiva outoniza en Galicia é suave. Abonda con equiparse axeitadamente para gozar vendo como relocen a pedra e as plantas que as pingas da chuvia foron mollando.

De paso has percibir o petricor, ese arrecendo da terra húmida cando comeza a chover.

Por momentos sentirás que todo semella transportarte a outros tempos.

O outono é quizais a época do ano no que as persoas entusiastas da fotografía atoparedes un sen número de motivos a capturar co obxectivo da cámara. Segundo din, a luz do outono e a máis axeitada do ano para que poidas fotografar a natureza. A diversidade de motivos a retratar nos bosques e nas ribeiras de ríos e lagoas, ou polos camiños sombríos onde a luz do sol apenas chega, permitiranche obter imaxes espectaculares.

Nunha entrada anterior no noso blog, suxerímosvos 7 paseos que facer no Outono en Galiza. Preme aquí.




Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.