11 de agosto do 2022
MARTIN PAWLEY é o alcume co que asina este divulgador científico, membro directivo da Agrupación Astronómica Coruñesa IO e coordinador do grupo de traballo sobre contaminación luminosa. O alias fai referencia ao xoven personaxe do filme Centauros del Desierto, de John Ford, que conseguía manter o seu candor, a pesares da dura vida que o rodeaba.
Martin, home de verbo fácil, apaixoado pero pausado, certeiro coas palabras e acertado na análise, de retórica poética e sensatez aldeá, celebra con orgullo que a Asociación Astronómica Coruñesa IO, cumpre dúas décadas sendo a agrupación do sector coa maior masa social de Galicia, e estíe entre as dez primeiras de España.
Narrador incansabel, teceu para nós relatos contundentes encol de Rosalía e o Cosmos, sobreo Lume, a Despoboación Rural e a Noite co seu Ceo como recurso turístico sustentábel. Velaquí a súa transcripción resumida nos parágrafos seguidos.
ROSALIA DE CASTRO E O RÍO SAR, ESTRELA E PLANETA DO FIRMAMENTO
En 2019, a Unión Astronómica Internacional, entidade que agrupa a astrónomas e astrónomos profisionais de todo o planeta (13.000 persoas), cumpría cen anos. Entre as iniciativas daquel ano estaba a campaña Name Exoworld (Nomea Exoplaneta), na que seleccionaron un grupo de 112 estrelas sen nome, cun exoplaneta descuberto ao seu arredor. Asignaron unha estrela a cada país, 112 estrelas para 112 países, e convidaron ás entidades astronómicas de cada ún, a propoñer nomes pra esas estrelas. Os criterios eran que as nomenclaturas representasen valores de diversidade cultural significativos.
En España houbo varias entidades que propuxeron diversos nomes, e desde a Agrupación Coruñesa IO, un servidor propuxo o nome de Rosalía de Castro pra unha estrela. Para o seu exoplaneta, os membros da Asociación pensamos en topónimos que tiveran relación coa vida e obra de Rosalía. Comezamos polo río Sar, e deixamos en bandexa outros posíbeis como Laíño, Lestrove, Bastabales, de cara a futuros exoplanetas que no seu entorno poideran existir.
ROSALÍA DE CASTRO, NOME POR EXCELENCIA DA CULTURA GALEGA
Rosalía é, sen dúbida, a figura fundamental das letra galegas, o valor máis exportabel que ten Galicia, unha escritora que fixo un labor extraordinario como creadora, máis tamén unha muller adiantada ao seu tempo. A súa obra ensaística, narrativa e poética ten un discurso claramente feminista. Nela podemos ver tamén á dona e señora que puxo en valor e defendeu a paisaxe natural galega, sendo así unha ecoloxista precoz para a súa época.
A NOITE E A PAISAXE CELESTE EN ROSALÍA
Debemos darnos conta que a metade das nosas vidas transcorren de noite. De forma absurda, nas últimas décadas vimos negando a existencia da noite, pretendendo converter a noite en día, obsesión capitalista e grotesca que resulta unha maldición para o planeta e a humanidade.
No tempo de Rosalía iso non acontecía. Para calquer creador ou creadora do século XIX, a noite estaba presente nas súas creacións, porque formaba parte das súas vidas.
A obra de Rosalía está chea de referencias á noite e á paisaxe celeste, á lúa, ás estrelas, ás noitiñas, ás noites escuras, con estrelas que brillan marcando o camiño. É natural que as houbera, porque na época non había contaminación luminosa, e a paisaxe das estrelas formaba parte do día a día das persoas. Era unha paisaxe coa que convivían.
A NOITE E O CEO COMO RECURSO TURÍSTICO SUSTENTÁBEL PARA O RURAL
A noite, é un tempo diferente que deberíamos aporveitar máis e mellor, porque a paisaxe natural é distinta, non so polo ceo, tamén pola terra. Non hai os mesmos animais de día ca de noite. Non está igual a flora de día ca da noite. Non cheiran igual as plantas. A noite é outro dominio para a vida, ten valores diferentes que se poden gozar e desfrutar. Pódese promocionar a noite non acabando con ela. Tentar convertir a noite en día, é un disparate, pero sobre todo, unha agresión ambiental.
A Paisaxe da Noite e do Ceo é unha posibilidade máis de desenvovemento turístico sustentábel para o rural. Hai xente que mira paxaros de noite, que busca morcegos, volvoretas nocturnas, etc. Agora ben, para promocionar a noite, debemos protexer a escuridade da noite. Así, os visitantes saberán que despois do día tamén hai un panorama e unha vida por descubrir, máis aló da vida urbana nocturna, á que estamos acostumbrados.
REFLEXIONS DUN CIDADAN PARA MITIGAR OS LUMES E A DESPOBOACIÓN RURAL
Infelizmente, non existen as solucións máxicas. Son asuntos complexos que requiren solucións sensatas. Deberíamos poñer a vida do bosque en valor e ter en conta á xente que vive nos seus contornos. O problema é complicado e vai ir a máis, entre otras cousas polo quecemento global innegable, xa predecido e alertado polos científicos, desde os anos oitenta do século vinte, e provocado so pola cobiza humana.
E difícil que se poida repoboar o rural se non hai servizos. Hai aldeas nas que ir ao médico, ou ao comercio máis de perto é unha odisea, en moitos casos sen transporte público que permita resolver os traslados. A iso hai que sumar a necesidade dunha electricidade estable, bón acceso dixital, educación próxima e recursos económicos. Incluso deberiamos pensar en formas de desenvolvemento sustentable e razoable para o rural en cada caso, porque non é o mesmo Ourense que Lugo, ou a Coruña que Pontevedra.
O COSMOS ENSÍNANOS A COIDAR DO PLANETA
Se o miramos desde o rural, o firmamento ensínanos unha piasaxe que normalmente, nas cidades e na maior parte das vilas onde vivimos, está borrada, porque a luz artificial nola rouba, porque esas vilas e cidades, ao estar iluminadas en demasía, prívannos de ver unha paisaxe necesaria, á que temos dereito. Polo tanto excluir o cosmos da nosa visión, é unha inxustiza. Toda esa magnificencia enriba das nosas cabezas cada noite, esos centos de miles de millóns de galaxias, con centos de miles de millons de estrelas cada unha delas, nos ensinan que se todos nos comprometemos a reducir a contaminacion luminosa, xa lle estamos facendo un gran favor ao planeta.
E como colofón, permitídeme propoñer parao vindeiro venres 12 de agosto pola noite, que a xente colla o móvil, grabe o video do ceo e o comparta co cancelo #abrazaorural, pero despois, que o garde e se adique a contemplar a lúa e as estrelas.
Desde a FEGATUR (Federación Galega de Turismo Rural), agradecemos a Martin Pawley a súa xenerosidade por compartir o seu tempo e coñecementos con nós. Moitas grazas Martin!
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.