I Edición Abertas de Par en Par

Dezanove de Setembro de 2022

É Galicia terra abondosa en persoas que fan das artes paixón e vida. Artistas que acotío veñen emocionando e enchoupando os corazóns e a memoria das persoas que gustan de vivir intres inesquecibles. Artistas de recoñecido prestixio que interactúan promovendo unha participación activa do público asistente.

Ben sabes que os aloxamentos de turismo rural de Galicia constitúen un rico patrimonio arquitectónico, etnográfico e cultural, que debera ser máis coñecido e en moitos casos mellor aproveitado. A súa maior utilización ha contribuír, ben seguro, á súa maior sostibilidade.

E é que un significativo número de aloxamentos de turismo rural de Galicia ofrecen espazos privilexiados que tan só agardan ser descubertos e utilizados como espléndidos e inmellorables escenarios onde amosar e gozar do bo facer artístico.

I EDICION DE RECITAIS AO SERÁN GALICIA TURISMO RURAL-FEGATUR

Conscientes da forza de tales razóns, desde a Federación Galega de Turismo Rural FEGATUR, e grazas ao apoio da Axencia de Turismo de Galicia, estamos a piques de estrear a primeira edición de Recitais ao Serán. Desde o 24 de setembro ate o 13 de novembro do 2022, en magníficos escenarios de 25 casas rurais de Galicia celebraranse vintecinco recitais onde a música e a palabra cobrarán vida da man do talento, creatividade e bo facer de 12 grandes artistas da nosa terra.

A ilusión, o alento,o traballo calado e na sombra de persoas compañeiras e a pro activa e xenerosa disposición de todas as persoas artistas, está a facer posible que reluza florido este ramalliño sinxelo e artístico de música, danza, teatro, literatura e memoria. Así que xa podes ir reservando e comezar a soñar ca túa estadía en algunha das vinte e cinco casas de turismo rural de Galicia abertas de par en par, este outono.

En cada unha delas celebrarase un recital ao serán no que artistas e persoas que, coma ti, vos queirades achegar, habedes desfrutar de máxicos e inesquecibles intres en recantos cheos de engado.

CALENDARIO I EDICIÓN DE RECITAIS AO SERÁN GALICIA TURISMO RURAL-FEGATUR

A tempada de Recitais ao serán abrirase nesta I Edición con dúas almas XEMELGAS, concerto do dúo de zanfonas que forman Óscar Fernández e Manu Fraguela, autor e intérpretes da banda sonora da Sinfonía dos abrazos, que é a campaña de spots publicitarios por estacións cos que este ano a Federación Galega de Turismo Rural FEGATUR ven amosando o espírito da anfitronía a cantas persoas procuran hospedarse nos aloxamentos de turismo rural de Galicia. Podes velos na nosa canle de Youtube https://www.youtube.com/watch?v=p6MCSlkVVMg.

Os recitais continuarán con Soledad Felloza contando contos para adultos “Ao Pé do lar”, Sofía Espiñeira, flamante finalista dos premios Martín Códax coa súa “Canción de autora-Música deraíz”, Pablo Carpintero sempre coa paixón por diante ofrecerá unha moi amena charla concerto titulada “Música e evolución”, Germán Díaz, grande entre os grandes, un dos revitalizadores da zanfona en Galicia e responsable da súa incorporación á música do noso tempo convidará a experimentar a maxia do sublime e inefable con “Música para manivelas”.

Tamén haberá espazo para a Música clásica pra tod@s ”Xogando a dúas voces”co Dúo ConcertArt que forman Irina Gruia e Ildikó Oltai , violinistas da Real Filharmonía de Galicia.

Mercedes Prieto e Sergio Cobos achegarán danzas populares ao público, dun xeito ledo e sinxelo. Fernando Barroso en “Concerto”, outro dos magnos músicos e compositores da nosa terra -ferrolán e trotamundos vencellado á música popular galega e portuguesa-, bebe de fontes diversas desdeo jazz á música clásica, desde ritmos e sons brasileiros ate os que flúen da cultura persa. Charo Pita e Manuel Vilas poñerán o broche de ouro a estes recitáis ao serán fundindo Narración Oral e arpa medieval para emocionar coa obra “De Como O Cabaleiro Roboán Lle Preguntou Ao Emperador Por Que Non Ría”.

Con ilusión, en nome da Federación Galega De Turismo Rural e a través da súa web www.galiciaturismorural.es preséntoche este saudable obsequio para ti e as persoas que queres.

Date un agasallo!, sorprende á túa parella, familia ou amizades cun inesquecible e agarimoso galano.

Ven vivir seráns máxicos en casas rurais da nosa terra. Vintecinco casas rurais agardan por ti, abertas de par enpar. Nelas terás doado desfrutar da gastronomía e o patrimonio natural e cultural da súa contorna e de recitais ao serán.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.