26 de decembro do 2021
A piques de celebrar con ledicia e sentidiño o Aninovo, as persoas que estamos ao fronte dos aloxamentos de turismo rural de Galicia imos lembrar este 2021 cunha boa mestura de sentimentos. Son parte desa mestura a confianza e o agradecemento a tantas e tantas persoas que optastes durante o verán e o outono pasados polas casas rurais de Galicia para descansar e desfrutar de estadías. Tamén o é o sentir que contribuímos a que puiderades gozar dun xeito calmo e seguro do voso tempo de lecer ou de repouso tras cada etapa no Camiño. Todo elo está a servir para repoñer en nós ilusión e novos azos para continuar.
Que satisfacción produce reler tantas testemuñas nas que, con xenerosidade e emoción, ides transmitindo o ben que vos sentan os paseos respirando saúde baixo a sombra das árbores, por ribeiras e montañas; ou como vos aleda sentir os aloumiños das raiolas do sol mentres vos deslizades ou mergullades nas augas de ríos e mares.
Que difícil disimular a satisfacción que nos producen os vosos entusiastas e xenerosos parabéns ao descubrir aromas e sabores únicos, nos pratos que con mimo elaboramos, ou ao degustar os excelentes viños e licores das D.O. de Galicia!
Compartir sobremesas larpeiras e conversas ao pé das lareiras ou achegarvos informacións e recomendacións, seguen a alentar a estima polo noso.
Todo elo reafírmanos na ineludible necesidade de asociarse, de traballar o común, de xuntar forzas e fomentar sinerxías. Precisamos das habilidades e capacidades para procurar un modelo de turismo consciente e responsable. Un modelo que nos compromete a promover un turismo no medio rural profesional, diferenciado, sostible e de calidade.
Vivimos tempos duros, pero seguimos a sementar día a día o bo trato e o bo facer. Gústanos mimar e coidar da terra e ofrecer o moito e bo que ela nos regala para benvivir. Queremos seguir a tecer canda vós experiencias que emocionen, conforten e aloumiñen desfrutando do patrimonio que esta terra atesoura.
Contamos con vos para facer do turismo rural de Galicia outro dos corazóns que dinamizan e fortalecen ás persoas que vivimos nas vilas e aldeas desta bendita terra.
Permitídeme manifestar o orgullo polo compromiso das persoas do equipo directivo da FEGATUR. Canda a Ana, Filipe, Cesáreo, Xosé Manuel e Xosé Antón reitérovos que contribuír a procurar un mellor futuro para as persoas que vivimos no rural e ás que nos visitades é o que nos move e alenta.
Grazas a cantas persoas desde as administracións, institucións, asociacións, empresas, colectivos e a título persoal acotío arrimades o ombreiro para turrar con ben deste carro.
Agardamos que a vida vos permita seguir a desfrutar dela canda nós, na compaña das persoas que ben queredes.
Neste 2022 que xa alenta, desexámosvos Boa vida, paz e ben!
Francisco Xabier Almuíña Chorén
Presidente da Federación Galega de Turismo Rural FEGATUR
26 de decembro do 2021
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.