FEGATUR. ENTREVISTA A XOSÉ ARTUR CUNS

22 de Novembro do 2022

                                                                     “ALGUÉN SE BENEFICIA, CANDO HAI POBREZA”

Xosé Artur Cuns, voluntario na loita solidaria sen ánimo de lucro desde a adolescencia, activista social nun regueiro de oenegués, formado en administración e dirección de empresas, dirixe en Santiago de Compostela a Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social, en inglés coas siglas EAPN, un lobby dedicado a realizar incidencia política pra intentar cambiar as leis que afectan ás persoas en pobreza ou exclusión social.

Este camiñante, incansábel, chegou ao mundo dous anos antes de que outros marcharán á lúa, nunha cidade con nome de heroe da cristiandade que, naquel intre, non era capital de nada, senón, mais ben, unha vila grande rodeada de grelos, vacas e xente do común sacrificándose para que a súa descendencia tivese un futuro mellor.

Home teimudo cal quixote, con lanza de soños posíbeis, de azoute dialéctico e pragmático para avariciosos de todo signo e envergadura. Con voz sonora e concisa, debulla un discurso sólido e rotundo. A cabeza vaille máis de presa ca palabra; e é tanto o que quere dicir e matizar que non lle chegan parénteses e guións na construción das sentencias. Seguro de si mesmo e do que di, fala con palabras acertadas e conclusións non dubitativas, recoñecendo que a paciencia é a clave do seu traballo, porque os grandes obxectivos acostuman a chegar a anos vista; e a frustración é o seu grande inimigo invisible.

De bo, pero pouco sono, todas as horas lle son poucas para darlle voltas á cabeza na procura de remedios. Realízase coas vitorias das pequenas batallas e a admirábel retranca coa que o agasalla a xente pobre cada día.

Ten tan claras as causas da pobreza e as súas solucións que, con mentes preclaras e pro-activas como esta, é inxustificábel que teñamos que agardar décadas, e ás veces morrer, antes de que @s gobernantes executen as accións pertinentes para erradicar a miseria.

Desde a Federación Galega de Turismo Rural, conversamos con Xosé quen, a través da Rede EAPN en Galicia, está en plena convocatoria dun concurso fotográfico, no que precisamente colabora a FEGATUR, para visualizar a exclusión residencial en Galicia. Queremos saber un chisquiño máis deste tenaz verbo fácil, decidido a demostrarlle aos políticos que as súas propostas son reais e factíbeis; e que cos temas da pobreza e da exclusión, non se xoga.

En que lugar de Santiago ves ao mundo e como era ese lugar de pobre cando ti naciches?

-Nacín en Santiago, son picheleiro de toda a vida. Non teño consciencia de ter vivido en pobreza, pero si dos sacrificios que significou para os meus pais poder darme alimentación, educación e saúde. A percepción de como era Santiago de pobre cando eu nacín, loxicamente, está feita a posteriori, cando te decatas de que a túa nai apenas comía carne, porque os cartos que aforraban eran, principalmente, para ofrecerme un futuro mellor ca o que eles tiñan: unha familia que viña do rural preto de Santiago, miña nai cosendo e meu pai traballando de cociñeiro, con soldos escasos e traballando día e noite.

E coa consciencia da túa madurez, como é Santiago de pobre hoxe en día?

-Santiago, dentro das sete cidades galegas, é a que menos taxa de pobreza ten. Non tanto polo que inviste en gastos sociais o concello, que estaría entre un dos mais baixos dos sete grandes concellos, senón debido ao elevado número de persoas que traballan na administración pública, o nivel de empresas, o nivel de ingresos e polo turismo. Iso non quita que haxa bolsas de pobreza importantes, normalmente asociadas a barriadas de vivenda de baixa calidade, onde non hai medios de eficiencia enerxética, onde non hai accesibilidade; e logo tamén familias monoparentais onde, maiormente, unha muller coida soa de vari@s fill@s.

Cando te decatas de que vas facer da loita contra a pobreza en Galicia, a túa bandeira?

-Inicieime como voluntario, cando estudaba no colexio Lasalle -aos 16, 17 anos-, con algo que lle chamaban o dez por cento. Isto era, destinar o 10% que nos daban da paga, para mercar alimentos. Aí, acompañando á xente de Cáritas, empecei a coñecer a realidade da situación da pobreza. Naqueles principios dos oitenta do século XX, a situación da pobreza en Santiago era máis grave do que é agora. Logo fixen ciencias empresariais, son de ADE (administración e dirección de empresas), non son traballador social, co cal optei por traballar en pobreza no chamado entón, terceiro mundo. Dediqueime moito á cooperación internacional, e, durante bastantes anos, estiben a traballar, primeiro, como voluntario e logo profesionalmente en temas de cooperación, desenvolvemento e loita contra a pobreza nos países do sur: en Oxfan Intermon, en Estudantes Solidarios, en Mans Unidas, na Coordinadora Galega de Ongs. Mentres estaba alí descubrín entidades de discapacidade, como Cogami, a Asociación Galega de Hemofilia... Gustoume moito o traballo e, a partires de entón, comecei a conectar de novo coa pobreza e a exclusión social en Galicia. Traballei primeiro nun programa de formación, na rede contra a pobreza en EAPN; e logo collín a coordinación en Galicia.  

As siglas da Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social, en inglés EAPN, teñen o mesmo sentido e aplicación en toda Europa?

-Si. Esta foi unha rede creada primeiro a nivel europeo, de organizacións do chamado terceiro sector, da sociedade civil, para ter unha única voz diante da Comisión Europea e reclamar temas relacionados coa pobreza e a exclusión. É un funcionamento moi semellante ao da Unión Europea. Cada estado ten a súa EAPN e nas comunidades autónomas hai EAPNS autonómicas, independentes pero confederadas. Aquí en Galicia son 31 entidades de todo tipo que, á súa vez, como varias son federacións, acabamos representando a preto de 147 entidades.  

Que fas, diariamente, como director desta entidade non lucrativa e de acción social?

-Basicamente, tres tipos de traballo. O principal é de incidencia política. Somos un lobby. Inda que sexamos pequenos e teñamos pouco orzamento, en nome das nosas entidades, dedicámonos a facer incidencia para tentar cambiar as leis que afectan ás persoas en pobreza ou exclusión social: tratar de aumentar os orzamentos naquelas partidas que creemos están moi por debaixo do que deberían. Por exemplo, na RISGA, a tarxeta básica, a campaña da vivenda; e atender as intervencións en medios e redes sociais para dar a difundir as demandas.

Logo temos outra liña de traballo, que a min é a que máis me gusta: a participación de persoas en pobreza e exclusión social. Sempre que se poida, que sexan as propias persoas afectadas as que falen do que lles ocorre, do que demandan... Aí temos accións de todo tipo, como que as persoas en exclusión poidan entrevistarse directamente cos políticos ou coa valedora do pobo e proporlles as demandas. Somos como unha Xunta en pequeniño, porque á xente en exclusión aféctalle a educación, a industria, a sanidade, o traballo...    

Desde ese lobby, que resulta máis ameazante para o planeta hoxe, os recortes económicos de carácter social, os conflitos armados ou a involución das democracias occidentais?

-Centrándonos na pobreza aquí, a principal ameaza que temos é o tempo e a frustración: conseguir cambios en perspectiva dunha xeración. Este é un traballo que esixe moita constancia, dous pasos para diante e un e medio para tras. Por exemplo, o ingreso mínimo vital, que agora empeza a arrincar, levounos case 10 anos de incidencia, até que o conseguimos: xuntanzas cos partidos políticos, a nivel europeo, a nivel autonómico.... Agora, coa crise do Covid conseguimos -con medidas como os ertes, o ingreso mínimo vital, a tarxeta básica na Xunta- evitar que case un millón e medio de persoas caeran na pobreza. Logo, se se asume que, pase o que pase, imos tentar defender ese colchón, anque os conflitos armados, a guerra de Ucraína, ou a crise da inflación, supoñan un impacto brutal a moitas familias, asegurando que non vai haber recortes nese colchón de ingresos, hai certa esperanza.

E, se mo permites, outro reto é vencer a ameaza da aporofobia, ese termo que inventou a filósofa Adela Cortina: “odio ou desprezo ás persoas en pobreza”. Iso nolo atopamos continuamente. Ese discurso de que as persoas son pobres pola súa culpa, de que algo fixeron para estar así, de que, perante as axudas gratis, algo teñen que facer a cambio... Ese discurso recíbeno, día a día, as persoas en pobreza diante da administración, nos servizos sociais, nos servizos de emprego, no ámbito político... E temos que defender continuamente que non, que a persoa que está en pobreza, non é mellor nin peor ca calquera outra. Quitar a palabra culpa é un contínuum contra o que temos que estar loitando, porque é moi desmobilizador, moi paralizante. Se ti es culpable, ou te sentes culpable do que che pasa, para que vas a facer algo, se total...

Dinos, quen son os xestores causantes da crise, aos que a miúdo te tes referido en abstracto?

-Nunca se pode falar de pobreza sen falar ao mesmo tempo de riqueza e desigualdade. Inda que no último ano se freou, grazas a medidas a nivel de goberno central e autonómico, a cota de desigualdade entre ricos e pobres é algo que non deixa de medrar nos últimos anos: as persoas ricas son cada vez máis ricas e as persoas pobres son cada vez máis pobres. Polo tanto, alguén se beneficia cando hai pobreza. Nos, non criminalizamos a riqueza, pero si vemos que moitas veces, quen máis presiona para diminuír impostos ou para reducir axudas ás persoas en pobreza, dalgún xeito, é un xestor da crise. Como di o noso presidente de AEPN en España, “nunca vin ningún avaricioso saciado”; e cando a avaricia non ten limite, motiva que haxa máis diferencias entre ricos e pobres. Ás persoas en pobreza cóstalles moito máis a educación, a alimentación, as medidas de saúde, as condicións da súa vivenda...

Na pobreza galega, logo, hai tamén crases e problemas de xénero?

-Eu diría que na propia pobreza se fomenta moito confrontar aos pobres para crear clases tamén entre eles. Un dos argumentos pra que aumente a desigualdade é enfrontar aos pobres cos máis pobres. Esa é, precisamente, outra das parcelas do noso traballo: rachar esa idea de que hai parcelas dentro da pobreza e o enfoque de xénero. A pobreza, onde aumenta, é entre as mulleres, especialmente aquelas que teñen que verse soas coidando d@s fill@s. Diso que se chama familias monoparentais, case un 54% están na pobreza. Ese si que é un factor ao que lle falta bastante por avanzar: a protección específica desas mulleres, das viúvas con pensións inferiores ás dos homes, das mulleres con acceso a emprego máis precario e con condicións inferiores ás dos homes... Esa diferencia de xénero é un factor empobrecedor que, por desgraza, segue a ser unha constante á hora de loitar contra a pobreza.

Crees que o rural podería mellorar a situación das cidades e as cidades a situación do rural?

-Esa é unha das razóns positivas polas que fixemos a colaboración coa Fegatur. Normalmente, as familias galegas e o terceiro sector, somos moi de cidades e especialmente cidades do eixo atlántico (Coruña, Santiago, Vigo). Moitas veces iso permea nas propostas, no que demandamos. Por iso é importante que se teñan en conta medidas que veñan do rural para a sociedade, non desde as cidades para o rural. Iso é algo que as nosas entidades do rural nos transmiten constantemente. Por iso nos gusta moito que estea Fegatur colaborando no proxecto de EAPN. As demandas de emprego ou a contratación de profesionais en alta na seguridade social, con formación previa, é moi diferente cando se expoñen desde as capitais, a cando nolas propoñen desde as casas de turismo rural. A partir de aí, o que o ámbito urbano pode aportar ao rural é escoitar. Non ir ao rural con mentalidade urbana. Entender unha filosofía de vida, un xeito de ter ingresos e de relacionarse coa natureza. Fomentar a súa organización, a súa difusión de actividades. Dese xeito, grazas a Fegatur, cada sema ímonos decatando de iniciativas positivas, de emprendemento, de cooperativas, pero segue estando pouco coñecido e difundido. A maioría dos medios seguen a ser moi urbanitas.  

A xente pobre, é igual de pobre no mundo rural ca no urbano?

-A ver... Unha das cousas que sae na última información do estado de pobreza, que vimos de publicar, no que entende a oficina de estatística da Unión Europea -Eurostat-, por medio rural e urbano, saen os datos de que a pobreza no mundo rural é moi diferente e superior, normalmente, á do eido urbano. Por que? Pois hai factores específicos. Algúns axudan, como a alimentación, que é máis orgánica e directa. Pero outros, como o transporte para acceder a servizos e centros de saúde, a exclusión financeira ou unha vivenda digna, provocan un sobre-custo a calquera persoa que viva no rural. Por iso nos apetecía moito que, no concurso fotográfico que temos en marcha, se fixera fincapé nese aspecto: a escaseza de vivenda digna para as persoas que queiran establecerse no rural.

Daquela, como é posíbel que haxa xente sen teito, nun país con milleiros de aldeas abandonadas e pisos pechados, aínda en mans de entidades bancarias?

-Pois iso nos preguntamos nos. E é algo que, como dixemos no Parlamento, frústranos un pouco. Non conseguimos colocar a emerxencia do acceso á vivenda, tanto no eido urbano coma no rural. Durante os últimos 20-25 anos, a política de vivenda, en España e en Galicia, foi moi mediocre. Temos un dos parques de vivendas sociais máis básicos da Unión Europea. En España, pero en Galicia por parte da Xunta principalmente, a política de vivenda deixouse abandonada. Así como felicitamos á Xunta en política social, en vivenda apenas se fixo nada nos últimos anos e, por concellos, so puntualmente. Co cal atopámonos cunha situación de emerxencia, de dificultade de acceso á vivenda rural e urbana, pero onde hai que facer máis aporte é en ver se os fondos Next Generation realmente chegan a persoas e a vivendas en situación de pobreza vulnerábeis.

Hai que facer todo e a correr, cando o que cumpría era unha política de vivenda masiva e xeneralizada para favorecer a vivenda baleira destinada a alugueiro social. É dicir, favorecer aos propietarios para que rehabilitasen vivenda e a puideran prestar, no canto de destinala a uso turístico. Por iso tentamos que, así se vive en Galicia, o referido concurso de fotografía, sexa un xeito de amosar como viven as galegas e os galegos... É certo que se mellorou un pouco nos últimos dous anos cos fondos da Unión Europea, co plan nacional de vivenda; e tamén aumentou algo o parque dela en Galicia, pero as necesidades de fogar son tan brutais e xeneralizadas que, nas próximas eleccións municipais, queremos que sexa un dos temas prioritarios de debate entre candidaturas políticas: cantas casas vai asegurar no mandato 2023-2027 o meu concello?

Pois xa que temos as eleccións ás portas, sintetiza, por favor, as túas propostas de solución para este problema.

-Tres titulares que empezan con tres ces, algo que demandamos en calquera proposta de política social e nesta especialmente.

Compromiso en orzamentos e en planificación. Compromiso implica dicir canto se vai destinar en fondos, cada ano comprometido, a políticas de vivenda; e cantas vivendas imos ter no próximo mandato.

Coordinación. Non vale que o concello vaia por un lado, a Xunta por outro e o estado polo outro. Independentemente das diferencias entre partidos políticos, institucionalmente hai que sentarse e ver como se favorece o parque de vivendas baleiras para dalas de alta, cantas vivendas se poden facer e como se utilizan os fondos europeos e estatais para vivenda. Para conseguir todo isto é imprescindible a coordinación.

Causas: non valen as axudas puntuais durante un tempo, que so serven para pagar o alugueiro ou a hipoteca. Ir ás causas implica o como se constrúen vivendas especificas, como se fai unha política de acceso a vivenda estable.

E como corolario, transparencia: que se vexa o que se fai de xeito fácil e que sexa comparábel.

A realización de tan considerábeis titulares, quítache o sono, ou dormes ben?

-A ver... eu teño insomnio sobrevido (Sorrí) -a todo lle poñen nome-. Entón, durmo moi ben, pero ás 6 da mañá esperto e empezo a darlle voltas á cabeza. O bo sería conseguir o equilibrio entre a vida persoal e as ideas, pero o equilibrio é algo difícil; e cando fas presión política e incidencia, aínda peor. En fin, é o pan de cada día nas entidades de acción social.

E nese pan de cada día, hai algunha cousa que che quite a fame?

-(Responde sorrindo). Algo que me quite as gañas de comer é complicado, porque é das poucas satisfaccións que teño. A ver... as cousas negativas hai veces que me afectan, e moito, pero, segundo pasan os anos, hai que ter o exercicio do auto-coidado e da disciplina mental para tratar de separar a parte emocional da racional, porque senón, estás vendido e fas máis dano que ben. Recentemente, quedei moi tocado cando unha familia me dixo que, a raíz da inflación, o litro de leite que antes lle daba para os fillos, agora ten que lle botar auga para que lle siga dando. Pola contra, compénsame que teño boas novas todos os días: persoas que, a pesares de estar en situación de pobreza, son capaces de solucionar problemas con enxeño, capaces de facer medrar a solidariedade entre eles, sen perder a dignidade nin o sentido do humor. Ensínannos aos demais: con todo o que están a padecer e son mestres absolutos da retranca.

Pois xa que che gusta comer, falo dun xeito san, ou non tes tempo para exquisiteces?

-Trato de comer o máis san que poido. Este fin de semana descubrín os callos veganos, con cogomelos no canto da carne, e foi unha delicia... Meu pai foi un cociñeiro bastante recoñecido en Santiago. Agora, está xubilado e témolo en exclusiva a min miña nai e máis eu. De vez en cando tento facer algo pola miña conta, pero non me queda tempo pra cociñar como me gustaría.

Por que un concurso fotográfico para visualizar a exclusión residencial en Galicia?

-Tentamos visualizar o tema da exclusión residencial dende hai varios anos. Cóstanos facer entender a políticos, Xunta e concellos, a gravidade deste tema. Fixemos pregunta no Parlamento, grupos de traballo, documento de propostas en vivenda... Pero o problema é tan grande que non o conseguimos... Por que non hai unha comisión no Parlamento sobre vivenda? Por que non hai unha consellería de vivenda?, se o problema é tan grave como o amosamos. Empezamos a facer presencia en medios, en redes sociais, pero nin así. Co cal, xurdiu esta idea, que funcionou moi ben outras veces: crear un concurso fotográfico, implicar á cidadanía, para logo facer unha exposición e levala ao parlamento e ás institucións... A día de hoxe, o nivel de recepción de fotografías xa vai por moi bo camiño.

                                                                  Foto doutro concurso anterior: A Quintana dos pobres.

E que pode aportar, entón, o turismo rural galego?

-O turismo rural, o que xa está aportando é desenvolvemento con criterios: non é un tipo de negocio que desembarca nun lugar de calquera xeito. Non. Son negocios implicados no medio rural, comprometidos co resto da cidadanía, que procuran favorecer a relación co medio rural a todos os niveis: cohabitar coas persoas, nun xeito de convivencia e de traballo, moi recoñecíbel, que coincide coa filosofía das nosas entidades. Ademais, aportan posibilidades de inclusión para as xentes que se queiran asentar no medio rural. Temos a filosofía de traballo conxunto. Hai varios casos de acordos con entidades e con vivendas para compartir experiencias. Pero, sobre todo, compartimos a filosofía de entender o desenvolvemento e a loita contra a pobreza, porque, o turismo rural, xa o está a facer no directo, integrado no seu propio traballo, favorecendo produto local, creando e fortalecendo pequenas e medianas empresas, etc.

Por casualidade, es hóspede habitual do turismo rural galego?

-Si. Bastante habitual. Coa idea de casa de turismo rural, non de vivenda turística. De ir, gústame convivir e aprender un pouco. Desfrutar da contorna, a desconexión e a tranquilidade. Consigo durmir moito mellor... Non teño tantos estímulos e os que teño son agradábeis. Sempre que podo, alo menos, vou varias veces ao ano. Á Ribiera Sacra, teño unha necesidade vital de ir, unha vez ao ano. Vou so, en compañía, ou con ocasión de eventos, coma no caso do outono gastronómico.

Que é o que máis valoras cando chegas a unha casa de turismo rural?

-A hospitalidade. A acollida. O coidado, con ese trato tan persoal. O Ambiente tranquilo. Non ver cemento, poder camiñar...

Daquela, que che gusta facer no teu tempo libre?

-Moitas cousas. Pero principalmente, o cine, viaxar e o sendeirismo.

E entre tantas frontes abertas e empeños profesionais, con que soñas, cando soñas esperto?

-Os meus soños son moi operativos cando soño esperto. Quizá, debido aos anos, actualmente soño esperto co que sinto que poido pelexar, cando vexo algo que me amola ou incomoda, sexa grande ou pequeno. Por exemplo, unha campaña que iniciamos hai dous anos sobre unha persoa en pobreza á que un banco lle cobrou 40 euros trimestrais de comisión, sen dereito. Dous anos de reclamación, ir á valedora do pobo... Agora, acáballe de devolver o banco as comisións. Os meus soños teñen que ter algo de pequenas vitorias polo camiño. Eses son os soños que me gusta soñar: non quedarme quieto, como mínimo conseguir algún pequeno cambio.

Que así sexa Xosé!

Moitas grazas por compartir os teus sentires connosco!

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.