FEGATUR. ENTREVISTA A SOLEDAD FELLOZA

18 de Novembro do 2022

                                           “SON ARTISTA, MESTURA DUNHA E OUTRA BEIRA DO ATLÁNTICO”


Soledad Felloza, actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Así, por este orde, comeza a descrición do seu propio perfil unha malabarista dos oficios capaz de bailalos todos coa chanca dun so pé.

Esta polifacética e incansábel creadora charrúa galega-galega charrúa, con saudades de ida e volta e un galego máis galego có de moitos galegos, tamén é directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, docente e articulista. A muller de cor canela, á que un galego e Galicia namoraron de vez, é, ademais, laureada autora de literatura infantil e ten amosado as súas artes por escenarios da península ibérica e de máis de medio mundo.

Naceu na ribeira do río dos paxaros pintados, que leva nome dun país e rega a dous máis, Arxentina e Brasil. Tal vez por iso, navegar cara un cuarto, conquistalo e ser conquistada polos andares, sentires e falares, so pode conseguirse cando as cuncas dos ollos son tan grandes como para abrazar ríos e mares. Veu a Galicia pra facer o que mellor sabe, vivir do conto, pero trouxo de agasallo un exuberante sorriso, memoria das amplas fragas charrúas, e un caleidoscopio: ela mesma dando cores diferentes a un mesmo sentir.

Desde a Federación Galega de Turismo Rural, conversamos con Sole, despois de ternos descuberto a memoria das mulleres fronte ás cociñas de ferro, cos seus contos para adultos Ao Pé do Lar, no ciclo da I Edición de Abertas de Par en Par. Queremos saber un chisquiño máis desta autora, inqueda e curiosa, que, de maior, so aspira a ter a casa chea de amigos e amigas de todas as idades, para conversar, crear, contar, cociñar e compartir.

Naciches na ribeira do río Uruguai, cal é o nome desa ribeira?

-Paysandú, que en lingua guaraní -I-pao-sandu- significa algo así como “-o paso do río Uruguai” e en voz lírica, “o que durme no paso do río Uruguai”, o río dos paxaros pintados. Ao nacer nun sitio con eses nomes, tes todas as posibilidades de ser poeta, artista ou algo polo estilo.  

Daquela, Paysandú conta historias?

-Si, si, conta, conta historias. É unha cidade pequena, cento e pouco mil habitantes, pero cunha historia moi potente. De feito, coñecese como a heroica, porque é unha cidade que loitou, e moito, contra as invasións portuguesas e brasileiras, tamén punto de encontro das batallas entre España e Portugal, foi asediada varias veces e sempre resistiu. Por iso é considerada a cidade heroica de Uruguai. Ten moitas máis historias, pero esa é a que vai por diante.

E canto conta Paysandú na memoria de Soledad Felloza?

-Bastante. O feito de terme criado nunha familia moi grande, de moitísimas tías, curmáns, unha avoa omnipresente, con moita forza, moi de ensinarche as cousas da vida a través das historias, pois iso sempre aparece en min dalgunha maneira. E despois, esa condición moi marcada, tanto de Paysandú como de Uruguai todo, de ter unha ollada cara o social, o que significa a identidade, algo inherente á xente da miña terra.

Así pois, en Paysandú, ti de quen ves sendo?

-Pois veño sendo a filla dun señor moi negro, moi negro, moi negro, que naceu dunha señora moi branca, moi branca, moi branca, que estaba casada cun señor moi branco, moi branco, moi branco. E a partir de aí, a historia complicouse moito porque así chegaron á miña vida unha serie de avoas e avós indíxenas, portugueses, africanos, italianos, e vascos, que acabaron nisto que son eu. Crieime con todas esas persoas que marcaron, e moito, a miña maneira de ser. Pero tamén son unha muller que lle gusta o que conta o lugar onde mora, o lugar onde ten o corazón e a vida. Son uruguaia pero estou perdidamente namorada de Galicia, da súa xente, da súa lingua... Como di Eduardo Galeano, as persoas somos coma árbores: onde nacemos termos as raíces e delas nos alimentamos, pero, ao medrar, alimentámonos tamén das polas e das follas onde agromamos. Ou sexa que son unha mestura dunha e outra beira do Atlántico.  

Iso de que cando naciches, segundo a túa nai, o mundo toleou, contáchesllo ti a alguén ou xa forma parte do conto?

-(Sorpresa e risa breve). Iso ven de que, cando eu nacín comezaban as viaxes á lúa, e miña nai estaba convencida de que iso era sinónimo de que empezaba a fin do mundo; e se por riba eu era concibida nese momento, a cousa non ía ir moi ben. Ademais, toda a miña infancia e parte da adolescencia foran anos moi convulsos, entre ditaduras, tanto a do Uruguai como a da Arxentina. Entón, para a miña nai, que nacera no campo, nunha aldea moi pequena, aquelo era como a fin de todo.  E logo hai outro tema que me remarcaba miña nai: se algún día saes nos xornais, que sexa por algo decente (entre risas). E iso tiña que ver co tema da negritude.

Eu decateime que non era negra cando fun a Cuba, porque alí as miñas profesoras dicíanme: “pero mi hija, si usted apenas es café con leche”... En cambio, no Uruguai, había un índice bastante importante de poboación negra e indíxena das que se renegaba na miña nenez. De feito, en Uruguai, chegou a haber un exterminio sistematizado da poboación indíxena. E no caso da poboación negra había unha frase que era, “negro gente”. Como se eras negro non chegabas á categoría de xente, cando había un negro ou unha negra que tiña formación, ascendía á categoría de “negro gente”, porque os negros so saían na prensa por cousas vencelladas á delincuencia ou aos roubos. Agora mellorouse moito con respecto a este tema. Malia que haxa un sector minoritario no que perdure o racismo, as actitudes dende o estado, a educación e as institucións, son absolutamente diferentes aos tempos da miña infancia e adolescencia.

Sentes algún tipo de discriminación en Galicia debido á cor da túa pel?

-Eu concretamente, non. Ao contrario. Cando estaba no sur de España, si que o notaba e moito, no transporte e nos espazos públicos. Aquí sempre atopei outra actitude de cara aos que viñamos de fora, supoño que polo feito de que o galego emigrara tanto ao outro lado do Atlántico.

Cando e porqué decidiches vir a contar historias a Galicia?

-Hai vinte anos. Daquela estaba traballando nunha compañía de teatro, no sur de España. Ao chegar o verán ía ir pasalo en Alacante, pero dous grandes amigos meus galegos, Paula Carballeira e Quico Cadaval, advertíronme que ía morrer de calor alí, que mellor me viñera pra Galicia. Fíxenlles caso, pasei o verán e coñecín ao que é actualmente meu home. Ao xuntar os nosos camiños en Galicia e sendo el galego, tiven claro que ía a falar en galego e a seguir a miña carreira aquí en Galicia.

Así que quedaches por amor. Namorácheste ou namoráronte?

-(Sorprendida. Sorrí). Agora que o dis, é un matiz importante. Namoráronme, namoráronme. Je, je! Namoroume el, pero tamén me namorou este país, a xente, as costumes, a tradición... Namoroume todo. De feito, agora xa non o digo, pero uns anos atrás dicía: igual podo mudar de home, pero de Galicia xa non marcho. Ademais, como me dicían os veciños na aldea, xa plantaches unha figueira, agora vas morrer aquí.

Dinos, logo, un xantar galego co que namorar en Uruguai, e unha cea uruguaia coa que namorar en Galicia.

-Temos unha grande cousa en común que é a carne: o churrasco. Este xantar funciona alí e aquí. Certo que hai diferencias no corte do produto, pero arrasaríamos nos dous sitios. Agora, unha cousa ben sinxela de Uruguai que vai moi ben nunha cea, son as tortas fritas. Ese pan que se fai rápido de fariña e auga, que serve para acompañar todo. E se de aquí tivera que levar algo que alá namorara, sería un cocido.  

Es actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora, dramaturga, docente, articulista, directora dun festival, todo isto foi pra compensar as vinte irmáns da túa nai que ti non tiveches, ou é para resarcirte do significado do teu nome?


-(Risa). A verdade é que son unha muller con moitas inquedanzas e moi curiosa.... De todos os xeitos, esas cousas que mencionaches, son, sinxelamente, diferentes maneiras de contar: a través do teatro, dos contos, coa cámara, coa escritura. Pero si é certo que a todo o mundo lle sorprende, a min a primeira, sempre rodeada de moitísima xente, algo que desfruto enormemente, que me enche.  

Pero, de onde saca tempo unha muller no século XXI pra dar feito todo iso e poder contalo?

-(Gargallada breve). Durmo pouco (risa). Tampouco se superpoñen todas as cousas. Vai por etapas. Por exemplo, na fotografía, este mes teño o calendario do románico: vou ás casas a preguntar polas chaves das igrexas, falo coa xente, iso en Galicia remata nunha cociña, e como mentres cociñamos a lume manso contamos historias, entón, estás fotografando, pero a vez, oíndo contos, dos que nalgún intre sairán historias e algunha merecerá ser escrita, ou convertida nun artigo, ou levada a unha obra de teatro... Polo tanto, o que fago é deixarme guiar polo que vou topando no camiño. Cada cousa inspírame; e o que non me inspira no momento, vou  agardando a que agrome. Non me estreso. Ademais, é marca da casa, porque meu home é coma min: de dez mil inquedanzas. Xuntouse a fame coas ganas de comer.  

E inda por riba, dáche tempo a amasar e a cocer.

-(Risa). Hai que dicir quer iso ten truco. Cando necesito analizar libretos, collo fariña, empezo a amasar e memorizo os libretos en nada. Entón, para min, a cociña é case como algo terapéutico, primitivo. O feito de cociñar, de cocer, de facer o pan... é dar aos demais algo que fas coas mans. Cando ás veces @s alumn@s me preguntan como memorizar textos, dígolles: ponte a facer algo coas mans e a cabeza funciona sola.

Pois agora, no canto de preguntarche polo teu próximo proxecto, o que me pide o corpo é saber que queres ser de maior.

-(Gargallada). Pois, de maior, quero ser unha muller que teña máis paciencia, unha persoa coa casa sempre chea de amigos e amigas, de todas as idades, que sintan que alí están a gusto, que poden ter un lugar onde conversar, crear, contar, cociñar e compartir.

Pois antes de chegar a ese estado, dinos dunha expresión popular uruguaia que te defina.

-Uf!... (Gargallada grande, entre micro espazos, como pra facer tempo). Creo que, unha expresión que hai no Uruguai: maracanazo. Aquelo que pasou no ano 1950, cando Uruguai gañou o mundial de Brasil, contra todo prognóstico. O mundo estaba preparado para que Brasil fora campión, e chega un equipo pequeno, humilde, case sen recursos, e gaña... Ao longo da miña vida percibo a sensación de que teño ido facendo como pequenos maracanazos, derribando porterías, metendo goles cando ninguén os agardaba... E, como fixeron os uruguaios daquela, sen saír a festexar moito, sinxelamente regresando á casa para seguir traballando e vivindo.

Entre tantos eidos que labras, hai referencias neles de creadores que te marcaran?

-Si. Si, si. Evidentemente. De Uruguai, Eduardo Galeano. Ten sido un escritor que me marcou moitísimo. E de Galicia, Emilia Pardo Bazán, e Cunqueiro foron fundamentais no que ten que ver coa ollada literaria sobre o mundo. Entre o que atinxe ás cousas pequenas da vida mesma, están as mulleres da miña familia e as mulleres que vou topando en Galicia, ao pe dos lares. Creo que a memoria universal é unha tea xigante e cada un de nos é un fío desa tea. Se falta un deses fíos, a tea ten un buratiño. No meu traballo o que tento é coller a maior cantidade deses fíos.

E a día de hoxe, a que artistas segues?

-(Rotunda, case sen deixar rematar a pregunta). Quico Cadaval. Si. Quico Cadaval é o grande referente, un home ilustrado, un home brillante, pero, á vez, cunha sensibilidade e unha maneira de contar, dende o próximo, dende o pequeno, que é absolutamente marabillosa. Para min é unha grande inspiración este home.

Como ves, en xeral, o presente do panorama artístico galego no que te encadras?

-Por un lado con moita forza e por outro cunha preocupación, que sucede en todo orde da vida, a do relevo xeracional. Estou moi interesada, e dende o festival é un tema que promovemos moito, nas novas narrativas. A oralidade ten diferentes manifestacións, maneiras e estilos. Entón, así como no primeiro momento alguén me abriu a porta a min, pois tento, dende o Festival Internacional de Narración Atlántica, que estean as voces consolidadas, pero tamén toda a xente nova que ten inquedanzas, maneiras distintas de contar, que experimenta... Estou convencida que alí é onde este fío de memoria e de historia vai a continuar.

Agora mesmo, pois, pódese vivir do conto contando en galego?

-(Rotunda e sen pensar). Si. Si, si, si, si, si. Si que se pode. Non estou dicindo que sexa un buah!, pero si que se pode. Recoñezo que é máis difícil se contamos so para adultos. De feito, unha das cousas que máis valorei do ciclo de Abertas de Par en Par foi que foran espectáculos concibidos na maioría para adultos, porque hai moitísimo traballo dedicado a nenos e nenas, un pouco menos a adolescentes, pero para adultos xa estaba baixando un pouco antes da pandemia e a pandemia pechou moitísimos espazos. Por iso agora é o momento de sachar, volvendo a abrir escenarios, tanto os de preto coma os teatros. Son das que promovo que se volva a contar, que conte todo o mundo, os profesionais e a xente, porque quen conta escoita.

Para promocionar iso, entón, está tendo o conto galego suficiente eco nos medios de comunicación, tanto galegos coma do resto do estado?

-A ver... Um!... En xeral, hai de todo... Despois tamén acontece que a cultura galega é riquísima e hai moitas cousas para cubrir, pero en Galicia, en particular, a narración oral ten un cariño especial por parte dos medios, un respecto e unha valoración. Tal vez o que máis falla nos fai son os circuítos profesionais. O que sucedeu en Abertas de Par en Par, dalgún xeito, foi crear un novo circuíto. E iso é magnífico. Remitíndome á miña experiencia directa no Festival Atlántica hei dicir que os medios nos apoian moito. Unha vez pregunteille a unha xornalista, precisamente, por que ían a cubrir un Festival oral?, e ela respondeu que porque sempre tiñamos unha boa historia que contar. E concordo. O que se necesita son boas historias. Neste tempo de tantas imaxes, as historias ben creadas, narradas, enfiadas e rescatadas, sempre teñen cabida. Porque un dos grandes perigos que vexo, hoxe en día, é a repetición de contido. Todo o mundo quere facerse viral; e ao final reducimos o contido, porque se todos compartimos o mesmo, acabamos falando so dun tema. Nesa cantidade inxente de repeticións desaparecen cousas pequenas, auténticas marabillas que andan por aí agochadas.

Daquela, no teu repertorio, hai algunha historia que non deixarás de contar xamais?

-Si. Si que hai historias que, ás veces, aínda me digo a min mesma: para, para xa. Incluso hai historias que a xente me pide. Tamén é verdade que co tempo decátaste que estás contando o mesmo tema dende diferentes lugares, como se fora un caleidoscopio: estás dando cores diferentes a un mesmo sentir.

E no aspecto vital, que é o que te fai erguer cada mañá?

-(Suspira). Pois mira: Manuel. Si. É Manuel, si. É meu home: comprometido coa cultura e o patrimonio, que ten un soño e loita cada día por conseguilo. Ter unha persoa así na túa vida, inspira e complementa. E fai que te movas!


Se el te fai erguer a ti, para que poden servir os contos, actualmente, no abandonado rural galego?

-Buf! A ver... Son das que creo que, para fixar poboación no rural, precísanse servizos: educación, sanidade, transporte..., pero tamén lecer, actividade cultural. Cando sabes que nunha contorna rural na que vives tes esas cousas, pois se convirte nun lugar mellor para vivir. Ademais, os contos están entre nós dende o principio dos tempos: esa cousa familiar que sucedía ao redor do lume. Pero tan importante é para o rural escoitarnos a nos, como para nos escoitar á xente do rural. Dise, e non é un erro, que unha persoa maior é unha biblioteca con pés. Polo tanto escoitar, rexistrar e logo contar, é todo un sinónimo de coñecemento: unha guía de ida e volta.  E iso é dar máis valor do que xa ten o rural, é moito máis que aldeas. É un universo moi rico.

Nese senso, que che parece esta iniciativa de Abertas de Par en Par que pretende levar a música e a palabra en directo ao rural galego?

-Paréceme fantástica, porque é volver a onde eu che dicía: a onde nalgún momento, mentres se cociñaba a lume manso, contábanse historias. Unha das cousas que vivín máis bonitas, polas casas de turismo rural, foi a conversa posterior. Nese intre dos pinchos que, no concepto galego, son dúas potas de callos e dan para moita conversa. Aí, de repente, remexes na memoria das xentes do lugar e sáenlles cousas que nin se decataban que as tiñan xa. O persoal dicíame que se emocionara, que rira moito, pero a que saíu premiada fun eu, porque o que levaba despois de cada sesión en cada casa era marabilloso. Aparte, esa cousa de que se xuntaran os hóspedes da casa co público que veu do lugar, dun xeito totalmente integrado, estivo redonda. Para min foron casas abertas de par en par, pero tamén corazóns abertos de par en par, porque se recibe moito. E é algo no que coincidimos o resto d@s compañeir@s de reparto cos que falei ao respecto.

Dou por feito, logo, que coñeces a Óscar Fernández e Manu Fraguela,Fernando Barroso, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez,  Sofía Espiñeira, Dúo ConcertArt, German Díaz, Mercedes Prieto e Sergio Cobos, Charo Pita e Manuel Vilas.

-Si, si. Practicamente á maioría. Con algúns levaba relación de antes e por outros xa tiña profunda admiración.

Por causalidade, es hóspede habitual do turismo rural galego?

-Si, polo meu traballo. Porque como ando moito a monte, pola fotografía, porque fago sendeirismo e son unha tola dos cogomelos, pois si. De feito, varias das casas que estaban dentro do ciclo xa as coñecía como hóspede.  

E que é o que máis valoras cando chegas a unha casa de turismo rural?

-A parte humana. O contacto, que non sexa impersoal. O coidado, os detalles, o feito de que unha persoa en directo cociñe para ti e che sirva con afecto. Gústame a identidade: chegar a unha casa e atopar fotos dos devanceiros, obxectos... Impórtame mais a vinculación que poida ter a xente da casa con quen chega e coa súa contorna que a última xeración de aire acondicionado. Síntome mais cómoda, con máis mornura.

Consideremos sintetizar as disciplinas ás que te dedicas profesionalmente, na que sería a base imprescindíbel para desenvolver as demais: a cociña. Con que alimentarías á xente que está vindo á vida para que maña poidan contar un mundo mellor?

-(Pausa longa, exclamación e gargallada). Pois mira, eu..., teño horta, sonunha tola da horta. E ao sermos dous na casa, como planto sen criterio, pois sempre teño moita horta para compartir; e de todas as cousas que comparto, creoque, o que máis, é o tomate. Explícome: é un alimento brillante, diferente, especial,onde o pos, sempre está en festa, cru ou cocido. Espesa unha salsa, alegra un peixe,unha carne, con azucre convértese en marmelada. Pero tamén, se estás malo,podes comer un tomate e non pasa nada. E alguén me podería dicir, si, perofalta máis alimento. Vale, pero tamén sacia a sede; e sabemos moi ben que setemos sede, mala cousa. Entón, mira, pan e tomate e tiramos pa diante.  

Que así sexa Sole!

Moitas grazas por compartir as túas historias connosco.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.