FEGATUR. ENTREVISTA A SOFÍA ESPIÑEIRA

Once de Outubro do 2022

FEGATUR. ENTREVISTA A SOFÍA ESPIÑEIRA

Sofía Espiñeira fala, como canta no escenario, coa voz espida e sen artificios. Sinxela e íntima, considérase unha artista creadora multidisciplinar.

Foto: Guillermo López Garabatos

Non resulta difícil imaxinar a esta muller inqueda saltando valados no rural galego para enchouparse da natureza que tanto ansía. Contradicindo á superstición do mundo teatral, no seu actual perfil de wasupp viaxa leda nun vintage citroën dous cabalos, rabiosamente amarelo. Ten sorriso franco, presente até cando lembra a quen xa non lle está. Os ollos ándanlle sempre abertos coma pratos, para non perderse nada. A voz fresca, chóutalle ao cantar coma se estivera danzando na punta dos pés. Seica a curiosidade infantil nunca se lle quixo marchar de vez e ela, máis teimosa ca nunca, non deixa de aprender maneiras de seguir preguntando, porque quere sabelo todo. Amante do agarimo e dos abrazos, ten alma de sentir e compartir en común.

Desde a Federación Galega de Turismo Rural, conversamos con Sofía, despois de ter recibido o Premio Martín Codax 2022 na categoría de Cantautora, para saber un chisquiño máis desta mugardesa, para quen o mar é un dos seus grandes amores e “as miñas flores” son ese tema do primeiro disco que non deixará de cantar xamais.

Foto: Pixelínphoto

Sofía, Mugardos canta?

-(Risas). Pois si, Mugardos canta, claro que canta, coma todos os pobos. Cantamos e desfrutamos do que cantamos. O primeiro recordo que eu teño de cantar de Mugardos é o máis próximo posíbel, a miña nai, que canta moi ben e de aí un pouco me ven a cousa esta de cantar.

E canto canta Mugardos nas letras de Sofía Espiñeira?

-(Risas de novo). Pois mira, creo que o que máis me influencia de Mugardos nas miñas letras é o mar. Son mariñeira, son de Mugardos, a miña casa está ao lado do peirao. Crecín alí, vivín alí… Desde os 18 anos que marchei a estudar a Santiago, Mugardos acompáñame moito nesa melancolía que me entra ás veces e nese amor que lle teño ao mar e aparece nas miñas cancións e nas miñas letras porque a paisaxe de onde un ven crea un carácter nas persoas e nos pobos.

Daquela, en Mugardos, ti de quen ves sendo?

-Pois fixen precisamente unha canción moi especial para o meu pai, que xa hai moito que non está aquí. O meu pai influénciame moito nas miñas letras e cancións porque hai toda unha forma de vida e moito compartido con el. Moito del está en min. O meu pai é esa poesía que teño, a reflexión, as formas de ver o mundo. Sobre todo que era un amante da música e tiven a sorte de que era o pincha. De pequena era o que pinchaba a música na casa. Púñame de todo, desde Silvio Rodríguez até Queen, moito Beatles, música moi variada… Por iso, a primeira canción que abre o meu primeiro disco, tal e como nace Sofía Espiñeira, é a canción A Cabalo, adicada ao meu pai con todo o amor do mundo. Pola outra parte, da miña nai levo ese cantar, esa alegría de vivir, esa intensidade, ela é a máis faranduleira.

Fixeches xornalismo, danza, circo, teatro. A ver, ti realmente, que queres ser de maior?

-(Gargallada). Mira, esa pregunta deume tanto que sufrir cando era pequena. Desde moi nova son moi curiosa de moitos mundos... Quero sabelo todo, quero probalo todo… Estudei xornalismo porque non houbo máis tempo para decidirme, que senón cada mes cambiaba de opinión. Era moi amante das letras, das ciencias e das artes. O que pasa é que en Mugardos non tiven moito contacto coas artes, entón non me decatei de que quería ser artista porque non tiña referentes, pensaba que eran cousas moi alleas a min, da televisión ou doutros mundos. Mais ao estar a Santiago, mentres estudaba xornalismo, si que dixen: aaaah!, aquí… hai moito artista por Compostela… e hai escolas onde se poden aprender outras cousas... Daquela, ao rematar xornalismo, fun a unha escola de circo porque quedei namorada, e de aí ao teatro e despois á música. Unha cousa foime levando á outra. Tiven durante moito tempo ese complexo de sentirme intrusa, porque me preguntaban, es bailarina?, non, porque non fun a unha escola de danza, es música?, tampouco, porque so fun a un conservatorio catro anos. Entón ao final, co termo artista síntome máis a gusto e creo que aproveito moito cada unha das disciplinas que fun aprendendo. Agora véxolle a todo máis sentido.

Pois xa que entre un deses mundos estivo o xornalismo, danos, por favor, unha entradiña que te presente.

-(Máis risas). Pois son un pouco camaleón, pero no tema artístico preséntome como artista e creadora multidisciplinar. Adícome sobre todo á música e ás artes escénicas e, dentro destas, as artes do movemento, teatro físico, danza, circo…

E no eido da música, concretamente, cales son as túas raíces?

-Teño as miñas dúbidas porque, como dicía, a diversidade musical deuma o meu pai dende moi pequena. Escoitei moita variedade e iso abriume moito a mente. Hai unha parte dos cantautores, como Silvio Rodríguez, que si me marcou. A Queen e aos Beatles adorábaos, na adolescencia funme metendo na música de raíz… ritmos brasileiros, africanos, e máis adiante entrei en contacto coa música tradicional. Hoxe en día non me identifico cun estilo concreto. Cada vez que compoño boto man desa biblioteca vital das músicas que nalgún intre me tocaron e aparecen por aí os referentes, pero non sabería dicir dunha raíz en particular.

E a día de hoxe, a quen segues na música actual?

-Nos últimos dous anos escoito moito o que se está a facer en Galicia, pero teño tendencia a escoitar a música de raíz. En América do Sur, Pascuala Ilabaca, Natalia Lafourcade, en Cabo Verde Mayra Andrade..., ese tipo de mulleres con ritmos case ancestrais… Entre a xente galega, Antía Muiño, que levou o Premio Martín Codax como artista emerxente, me parece espectacular, Xoan Curiel, amigo nomeado, tamén o escoito moito, Catuxa Salom, é unha rapaza que está facendo cousas moi interesantes, mesturando a electrónica con ritmos de América do Sur, Belém Tajes, coa que tiven o pracer de colaborar… Hai moita mestura coa que me sinto identificada. Esa música de raíz e de autora con eses ritmos do outro lado do Atlántico; e tamén me paseo por Xabier Díaz, por cousas máis tradicionais…

Citaches a varios artistas que compartían nomeamento contigo nos Martín Codax, que supón pra ti este premio que leva nome dun trobador galego do século XIII-XIV?

-(Gargallada). Para min é un recoñecemento inmenso. Supón moitísimo porque, xa o dixen na propia gala, sinto que este camiño que fago na música, mentres vou alimentando outras artes, ás veces, éncheme moitísimo e outras fáiseme moi duro, porque é un proxecto no que estou soa, non coma outros que son máis de equipo... entón, este recoñecemento do camiño que levo feito todos estes anos, fíxome sentir que formo parte dunha familia na música. Deume ademais moita confianza. Foi como unha aperta, como recibir un recoñecemento por parte dun colectivo que admiro e do que agora me sinto un pouquiño máis parte.

Como ves o presente do panorama musical galego?

-Dentro do coñecemento e a experiencia que teño, creo que hai moitísima música de calidade, moita xente artista e música, pero a infraestrutura para sostela ten moito que mellorar. Creo que deberíamos ter máis boas condicións en moitos casos, que hai moito traballo por facer. Inda así, alucino coa cantidade de xente que está a facer un montón de cousas con moitísimo esforzo. Pero para a cantidade de xente música que hai en activo, faltan figuras clave para acompañala, principalmente no eido da produción e a distribución. Senón, quen as coñeza que me chame (rise). Moit@s facemos un pouco de todo, facemos multitarefa. Isto pasa no ámbito artístico en  xeral, pero na música moito.

Agora mesmo, Sofía, pódese vivir da música cantando en galego?

-En canto ao idioma galego, creo que cada vez está máis aceptado na música. En cambio, vivir dun so proxecto musical, non creo que haxa moita xente neste intre que teña esa sorte, haina pero non é maioría. Da que coñezo fai outros traballos ou está noutros proxectos.

Danos un titular para que a música galega teña máis eco nos medios de comunicación, tanto galegos coma do resto do estado.

-Creo que é unha cuestión de amar a nosa cultura.

Desde o punto de vista dos medios, a nosa visualización aínda está moi pechada. Supoño que hai aí unha historia de complexos e que non se corresponde coa cantidade de grupos que cantan en galego. Nos medios non hai esa presenza para nada. Non se está amosando toda esa diversidade que realmente hai. Temos que rachar moitos muros e valorar a nosa lingua tal e como é,  que forma parte da nosa cultura e do noso xeito de expresarnos. Segue a estar vista, dalgunha maneira, como algo máis pobre. Por outra parte, tampouco hai moitos medios valentes, porque creo que é unha cuestión de derribar ese muro. Se algún dos medios que teñen algo de nome, os máis grandes, o fixeran, os demais irían detrás.

Musicalmente, no teu repertorio, hai algún tema que non deixarás de cantar xamais?

-Penso que… As Miñas Flores. Forma parte do meu primeiro disco e téñolle cariño porque é moi íntimo, saíu dunha maneira moi visceral e gústame cando compoño dese xeito. Así non adoitan saír moitas cancións. Esas que saen así de repente, case sen pensar, que saen doutro lugar, non sei moi ben de onde, saen moi por necesidade. A temática está inspirada nas historias de vida, nas dores, nos sufrimentos das mulleres que me preceden persoalmente, pero mais alá do persoal, tamén das mulleres do mundo. Ao final partimos do persoal para falar do universal. É como unha homenaxe ás devanceiras e ven moi das entrañas esa canción. A nivel musical saíume cunha estrutura pouco habitual, diferente, gústame. Desfruto moito cantándoa.

E vitalmente, que é o que te fai erguer a ti cada mañá?

-A natureza, porque me move moito polas mañás. Agora mesmo estou vivindo na cidade, pero vivín toda a vida ao lado do mar en Mugardos, logo, vivín nunha aldea moi pequena… A natureza axúdame moito a erguerme. Ese contacto directo cos espazos naturais, co bosque, co campo, co mar…

Para que pode servir logo a música no abandonado rural galego?

-A música sempre crea comunidade. Xa para empezar, o feito de que a música tradicional estea viva, como está viva na nosa terra, onde cada sitio pequeno ten unha asociación, onde se baila, se canta, se toca música… ese é un fío moi grande que crea comunidade e crea unión nas aldeas, proximidade co rural e coa contorna, porque, ao final, na música tradicional fálase do que está a suceder na contorna, onde nace a música da propia xente.

En relación con esas aldeas, es hóspede habitual do turismo rural galego?

-Teño máis experiencia de ser hospede da miña furgoneta (risas)…, que son moito de ir por aí á natureza, pero cando vou coa familia si que me aloxo nas casas de turismo rural galegas.

E que é o que máis valoras cando chegas a unha casa de turismo rural?

-A familiaridade no trato e a sensación de que te sentes máis coma na casa. Tamén o entorno, o coidado dos espazos. A min gústanme moito as casas moi tradicionais, que me lembren as miñas raíces, as casas de aldea.

Que che parece esta iniciativa de Abertas de Par en Par que pretende levar a música e a palabra en directo ao turismo rural galego?

-Marabilloso. De feito, cando me chamaron para participar, estaba contentísima porque vai en sintonía co meu proxecto, coa miña forma de ver e de vivir a música e o rural. Aínda que so fixen un concerto, a sensación foi marabillosa, porque era como xuntarnos no salón da casa. Xente que somos descoñecidos entre nós, de repente parecía que eramos unha familia, alí, de sobremesa, que collemos unha guitarra e nos puxemos a compartir a música, tan de preto. Creo que estamos desexosos dese achegamento polo que vivimos estes anos. Paréceme súper bonito e súper especial.

Óscar Fernández e Manu Fraguela, Soledad Felloza, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, Germán Díaz, Dúo ConcertArt, Fernando Barroso, Mercedes Prieto, e Sergio Cobos, Charo Pita e Manuel Vilas, coñeces a estes colegas de reparto nesta aventura de recitais ao serán polas casas de turismo rural de Galicia?

-Á maioría non. So coñezo a algún e teño moi pendente indagar nos que non coñezo. Danme moitas gañas, se puidera, de ir ao resto dos recitais que forman parte do ciclo.

As túas próximas actuacións son o 22 de outubro en Casa Ramirás e o 5 de novembro na Reitoral de Chandrexa, ambas en Ourense. Adiántanos algún misterio co que se topará a xente que te vaia ver.

-Si, dous. Por un lado hai unha viaxe que imos emprender. Non digo como nin en que imos viaxar. O segundo é un misterio que imos ter que resolver entre quen esteamos alí: unha historia que pasou nunha aldea, que eu teño recollida nunha canción.

Nun dos teus temas falas dunha utopía, os soños en liberdade, cales son os soños en liberdade de Sofía Espiñeira?

Pois o máis grande que teño é que as relacións entre as persoas sexan cada vez máis amorosas e máis respectuosas. Que poidamos crear lazos entre nós pero dos de verdade, non só dos de palabras bonitas, dos de verdade de corazón. Outro dos meus grandes soños en liberdade é que poidamos poboar un mundo onde a natureza teña o seu espazo, que se poida expandir dunha maneira mais profunda.

Que así sexa, Sofía. Parabéns por ese premio e moitas grazas por compartir os teus sentires connosco.

Foto: Lydia Queiruga

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.