02 de decembro do 2022
Mercedes Prieto é unha caldeirada de bailes, e Sergio Cobos é tan intenso e delicado coma unha muiñeira. Así se define, entre si, esta parella musical de feito e de facto que se dedica ao baile social por excelencia: danzas e músicas da terra para todas as idades. Porque bailar, segundo eles, ademais de ser belo, fai á xente independente e equilibra moito.
Como os pes de Sergio eran de voar nos escenarios, e os de Mercedes de sacarlle puntos aos bailes do mundo, ambos tropezáronse nun palco da Francia. Unha forza superior sacounos a danzar, e tanta enerxía deberon de recargar que, anos despois, decidiron bailar agarrados por convicción, e soltos para celebrar a vida e entenderse sen falar. Desde entón, comparten moito tempo bailando xuntos e, cada pouco, poñen distancia de por medio para que aos seus calcañares non lles saian feridas.
Ambos viñeron á vida nos estertores do franquismo: ela en Leirado de Salvaterra de Miño, cos pes arraianos dacabalo dunha fronteira natural, que non cultural, entre Galicia e Portugal. Filla e neta de serradores, naquela terra de piñeiros sen luxos había, en cambio, tesouros de xogos cantados e un grupo folclórico propio. El, neto da avoa Amelia -bailadora natural- e fillo de Henrique, cociñeiro profesional, foi alumado no barrio de San Pedro -á carreira dun can da catedral de Santiago- por María Luz, danzante de agrupación folclórica, dos tempos da sección feminina.
Estas dúas persoas creadoras, de falares calmos e opinións contundentes, levan décadas zapateando detrás das cancións -para xogar e bailar- e dos bailes -para rir e cantar- que andaban esmorecendo nas arcas do país. Militantes activos da cultura galega por devoción, reivindican plans de estudos en Ciencias da Educación para futur@s pedagog@s e crear a disciplina do baile tradicional galego para ser impartida por especialistas.
Personalidades inquedas por natureza, a Mercedes gustáballe tanto a ciencia, o baile e o mundo, que se licenciou danzando na química e doutorouse na educación, poñéndolle pasos de baile até ás matemáticas. Sergio, rebelde desde o berce, non quixo facer nada que levara etiquetas, por iso, ademais de tocar con quen lle peta -grandes ou pequenos-, danzar do mesmo xeito en cociñas que en afamados palcos, ou ilustrar zapateados e coreografías, acabou facendo até o que non estaba escrito: debuxarlle partituras ao baile.
Desde a Federación Galega de Turismo Rural, conversamos con esta parella bailadora, musical, investigadora e docente, para quen a curiosidade dos que bailan músicas do mundo é tan infinita coma o propio mundo, porque bailar non é opinable. Queremos saber un chisquiño máis destes intérpretes que consideran o proxecto Abertas de Par en Par como unha fórmula máxica de repensar o rural: ofrecer ás poboacións pequenas e afastadas dos núcleos urbanos unha proposta cultural que inclúe a música, o baile e a palabra.
Mercedes, Sergio, Salvaterra de Miño e Santiago bailan?
-Mercedes: Salvaterra de Miño bailaba moitos xogos que viñeron de Portugal e que temos en común estas dúas terras irmáns con fronteira natural pero non cultural. Xogos bailados que facían os mozos e as mozas para se divertiren. Que pasa?, que, como na maior parte dos lugares, houbo un corte e deixouse de bailar naturalmente, nas airas, nas festas... Viñeron as orquestras, a emigración, Internet..., unha serie de cousas que fixeron que se fora deixando de bailar daquel xeito tan natural e espontáneo, onde a xente nova, e a non tan nova, se divertía. Nestes intres, en Salvaterra báilase nos grupos folclóricos e o que estamos tentando é que se normalice de novo, que forme parte do divertimento da xente.
-Sergio: Santiago é a maior aldea do mundo, realmente. Xa lle gustaría a moita xente bailar como se baila en Santiago... Temos agora mesmo unha cantidade de persoal, non so en Santiago, senón en toda Galicia, organizando moitos seráns, moitas foliadas espontáneas nas que a concorrencia baila; e por aí hai unha grande recuperación e unha forza viva de xente que quere facer isto como expresión propia.
E canto bailan, Salvaterra de Miño e Santiago, nos vosos pes?
-Mercedes: No meu caso moito, pois Leirado e Salvaterra son algo das miñas raíces, da miña esencia, coma o xogo da carrasquiña que levamos ao Ciclo de Abertas de Par en Par: un baile que nos guíe como persoas que somos nun mundo diverso.
-Sergio: Santiago báilame todos os días, as 25 horas ao día. Desde a miña formación na agrupación Cantigas e Agarimos, pasando polo traballo de campo na recolla de danzas populares, até a organización das foliadas espontáneas.
Así pois, de quen vides sendo en Salvaterra e Santiago?
-Mercedes: Eu son filla de serrador e de serradora, miña nai traballaba tanto coma meu pai, porque ademais do serradoiro tiña o campo e os fillos. Son de Leirado, zona de Salvaterra con moitos serradoiros. O meu avó, de familia moi pobre, foi o primeiro en ollar para a casca dos piñeiros... Morreu moi novo e deixou ao meu pai no seu sitio, con catorce anos. Meu pai era coxo, entón non bailaba (ri)... -Bailaba agarrado- intervén Sergio (máis risas)-. Como era coxo, so podía bailar a rumba (ri).
-Sergio: Eu son fillo de mestra e de cociñeiro profesional. A miña nai era bailadora, xa non natural, pero si de agrupación folclórica, dos tempos da sección feminina. A miña avoa Amelia si que era bailadora natural.
Cales son as vosas raíces musicais?
-Mercedes: As miñas veñen do grupo folclórico de Leirado, a única escola de baile á que tiña acceso. Ir até Vigo ou a sitios mais lonxanos era completamente imposible. Daquela tiña 12 ou 13 anos, como era a maior do grupo, cando a profesora faltaba, quedaba como responsábel dos outros. Así comecei a tocar as cunchas e a pandeireta pra marcarlles o ritmo. Pero non avancei máis ca iso (ri). O meu era bailar.
-Sergio: A memoria musical mais afastada que teño é de dous grupos que me marcaron moito: Fuxan os Ventos e Os Beatles. Viviamos en Tenerife e os meus pais, como bos galeguistas que eran, tiñan moita música do mundo, pero naquel entón, a música galega gravada era moi pouca. Comecei a bailar coa miña nai. A primeira peza que me ensinou foi Sementar, Sementarei, na versión de Fuxan Os Ventos, xa de volta de Tenerife. Montouna, como muiñeira que é, no grupo escolar de Forte-Boqueixón, onde ela daba clases de baile. Tres anos despois, comezou en Santiago a miña formación en Cantigas e Agarimos.
E antes de bailar, que queriades ser de maiores?
-Mercedes: A min gustábame moito a ciencia e fixen química. Pero non exercín porque as primeiras aulas de baile que din, desde a perspectiva pedagóxica, foron nos centros galegos do exterior con programas da Xunta. Aquelas clases marcáronme para sempre, debido á parte afectiva que recibía da xente. Sempre me gustou viaxar, como a miña nai me puxo de nome Mercedes, non me quedou outra que andar dun lado a outro, coma o coche...
-Sergio: Eu nunca souben realmente o que quería ser de maior. Pero si sabía que o centro da miña vida ía ser artístico. Empecei a bailar cando tiña dez anos, como dixen, coa miña nai en Tenerife. Con 13, xa de volta en Santiago, ela propúxome se quería aprender a bailar na agrupación Cantigas e Agarimos. Aceptei e, desde aquela, nunca máis me perdín. Convertino no centro da miña vida. Todo o que fago está á volta do baile.
Mercedes, a ocorrencia de Sergio de crear un sistema de notación para o baile tradicional galego, foi porque lle bailan até os miolos ou porque non ten nada mellor que bailar?
-Mercedes: Hum!... Creo que ve figuras bailando na súa cabeza, constantemente (ri). Ten o baile, a música, a cultura e o deseño, sempre presentes... Toca e baila, e baila e debuxa e toca... De aí debeu sacar os Bailegramas: a representación gráfica das ideas e do movemento. Os Bailegramas para o bailador son como a partitura para o músico. Poder ler Bailegramas da moito xogo e é unha idea moi interesante (ri).
Sergio, e o de Mercedes de ensinar a bailar xogos, é porque lle ferven demais os puntos nos pes ou porque non quere fuxir da nena que foi?
-As dúas cousas son a mesma. Unha vai coa outra e non sabemos moi ben onde empeza cada unha. Ela é das grandes docentes de baile que coñezo, prepara de máis todo o que eu preparo de menos. Ninguén debería perder de vista a nenez nunca, nin desde o xogo nin desde a inquietude, porque cando as persoas descobren o baile, gozan. O importante é desfacer o sentido do ridículo imperante á hora de bailar, para entender que o baile vai moito máis alá da pose, que é algo que te conecta cun estado de ánimo e cunha comunidade.
Mercedes, en que pista se tropezaron os vosos pasos?
-Mercedes: Nos bailes folk: eses festivais marabillosos que hai, sobre todo na Francia. Encontrámonos en Lisboa primeiro, e logo na Francia, el como músico e eu como ensinante de danza tradicional galega, no festival Le Grand Bal de Léurope de Gennetines, en 1998. É un festival moi grande que xunta a moitísimos ensinantes de danza de diferentes sitios de Europa. Pra nos aquelo foi un cegamento moi grande... Entón, atoparte nun sitio lindo, con bo ambiente, con músicos que tocan ben e cun home que baila ben, pois... é todo. Naquela altura el namoraba cunha persoa e eu con outra... Logo a vida levounos cara outros camiños e, uns cantos anos despois, atopámonos nun baile folk en Santiago. Estabamos os dous dispoñíbeis, con ganas de ter fillos... Alá bailamos dúas melodías lindas, unhas mazurcas. Bailar unha mazurca con alguén que baila ben, é unha das cousas que da máis gusto. Desde aquela, hai 17 anos que bailamos xuntos (ri).
Sergio, naquel encontro onde xuntastes os pasos, quen sacou a bailar a quen?
-(Risa breve de Mercedes). Iso aí... foi unha forza superior. Non sei moi ben. Estaba alí pra nos.
Mercedes, ten Sergio celos dos teus pes?
-Si (ri). É que eu son un pouquiño máis flexible (máis risas), no sentido de facer outras cousas co corpo, outras cuestións máis de expresión. El está moi especializado no baile tradicional galego, eu fun máis polo outro lado. A verdade é que souben da velocidade dos pes de Sergio sen coñecelo a el: foi nun vídeo que sacara Cantigas e Agarimos, alá polo 1997. Sergio bailaba unha carballesa cuns zocos enormes a unha velocidade fora do normal.
Sergio, ten Mercedes celos dos teus?
-Si, máis non (risas de Mercedes). Houbo un momento en que fun tan lonxe tan lonxe bailando que, como Forrest Gump, tiven que parar porque xa estaba farto de correr. E creo que, máis que celos, a Mercedes dálle un certo coraxe, porque temos un baile tradicional tremendamente sofisticado, e non é fácil ensinar á xente sen frustrala se corremos moito. Anque iso tamén é o que o fai atractivo.
Como Dúo, sodes parella artística por comenencia ou por convicción?
-Sergio: Polas dúas cousas, anque máis por convicción porque, Mercedes e eu, a pesares de sermos parella, á hora de traballar xuntos ensinando a bailar con música en directo -con máis ou menos dificultades- facémolo harmonicamente.
-Mercedes: Por comenencia tamén: hai que alimentar a dous rapaces. Pero por convicción dame moito xeito ter a alguén que me toca en vivo, a quen poido acompañar profesionalmente. Agora ben, non cabe dúbida de que desgasta: estar xuntos no traballo e na casa esgota a parella. Vivimos en Portugal, pero temos a sorte de que Sergio tamén traballa en Santiago, e iso vennos ben para separarnos cada tanto e deixarnos espazo para a creación.
Mercedes, en xeral, por que os homes bailan menos cas mulleres?
-Um!... Uf!... Tradicionalmente, os homes bailaron sempre até que a diversión e socializar, para encontrar parella, xa non foron necesarias. Hoxe en día, de moi pequeniños, todos, nenos e nenas, bailan. Pero logo, ao medrar, hai tantos condicionantes sociais que nos separan: os xogos, a estética da vestimenta, a maneira de expresarnos coa linguaxe. Nas miñas clases, teño maioría de mulleres, so dous homes.
Sergio, cal é a túa apreciación?
-Popularmente bailaban todos, é certo. Galicia era unha terra de bailadoras e bailadores excepcionais. Bailaban porque era unha necesidade, non era unha opción: o baile era o protagonista do espazo do ocio, o único que tiñan onde podían ir ben lavados, vestidos, perfumados, principalmente para namorar. Porque bailan máis as mulleres?, porque os homes, nun momento histórico dado, sumaron aos condicionantes que citou Mercedes, o prexuízo derivado de que bailar se converteu nunha arte que so pertencía ás mulleres e aos efeminados.
Mercedes, dime un tipo de baile que defina a personalidade de Sergio e porqué.
-Sergio é Muiñeira, porque é un baile moi intenso (ri). Moi intenso e moi delicado ao mesmo tempo. Ten un ritmo máis rico, movementos moi rápidos e tamén unha mestría excepcional.
Sergio, con que baile a relacionarías a ela?
-Penso que Mercedes é unha caldeirada de bailes... (risas). Pero un que leva facendo desde que baila e que a define moi ben é o Xogo da Carrasquiña. Porque é unha peza que adora, da súa terra e que comunica moi ben coa xente.
Como se liga máis, hoxe en día, co baile solto ou co agarrado?
-Sergio: Bailando. Bailar namorará sempre.
-Mercedes: A min gústame moito o que di Sergio: que o solto pode ser tan ou máis agarrado ca un agarrado. Porque cando bailas solto cunha parella e te compenetras ben con ela, sen estar abrazados ou agarrados, pode ser completamente excitante e fermoso.
-Sergio: Ademais, o abrazo compromete, eh! Mentres que un bo solto pode ser moi intenso. Por exemplo, o baile solto actual -perreo, reguetón e todo isto- (risas de Mercedes), xa ten unha carga de sensualidade, sexualidade e romanticismo tal, que simplificalo ou derivalo a unha hiper-sexualización, é innecesario. Pillar cacho, como se di, non ten nada que ver coa naturalización do baile, é levalo a amosar a parte que menos precisa ser amosada. Iso é unha esaxeración, unha protuberancia estraña da sensualidade intrínseca do baile.
-Mercedes: Bailar é moito máis do que iso. Máis que a parte erótica ou de conquista, bailar tamén é patrimonio, raíz, celebración da vida. Hai tantos bailes que teñen significacións diferentes... Iso de estar xuntos collidos da man e mirarnos aos ollos é máxico, das cousas máis fortes que podemos ter, porque nos entendemos sen falar.
-Sergio: Sobre todo, tamén, porque o baile é unha linguaxe completa e a simplificación ata isto ao que estamos asistindo, é moi empobrecedora.
Hai nivel educativo para estudar baile tradicional en Galicia?
-Mercedes: Nos programas que existen desde a Xunta de Galicia para a escola, hai unha parte en música e outra en educación física, que é a dedicada á danza tradicional e a danzas do mundo, ese é o nome nos programas. O problema é que logo non o fan, porque ou son mestres de música ou de educación física, e non teñen formación especifica. A súa capacitación ven dunha formación base nas ciencias da educación, que non ten dentro do seu programa educativo a danza como materia, salvo clases complementarias que pode impartir xente coma nos. E o profesorado, ademais, laiase desta situación.
-Sergio: Non debemos esquecer que a humanidade está feita para o movemento. Nada no mundo está quieto, nin sequera as pedras. E a danza e o baile equivalen á excelencia do movemento.
Que solucións propoñedes, logo, para que o baile e a danza teñan máis presenza na Educación?
-Mercedes: Comezar polos plans de estudos en Ciencias da Educación para futur@s pedagog@s e crear a disciplina do baile tradicional galego para ser impartida por especialistas. A danza é arte e comunicación. A nivel educativo traballa moitas áreas, pero sobre todo o coñecemento do corpo, a concentración, a relaxación, a respiración, a intelixencia emocional: todo o que se considera tan importante para as escolas hoxe en día.
-Sergio: E ademais, cando se baila, o espírito principal que aflora é o espírito cooperativo, a necesidade de que @ outr@ o faga ben contigo, para que amb@s desfruten, elude calquera ambiente negativo ou de agresividade.
Como Dúo, cal foi o auditorio máis entregado que lembrades?
-Mercedes: Uf!... Tal vez nos festivais, non si Sergio? (Asinte). Por exemplo Andanças, un festival que leva moita xente e no que temos sempre grandes ovacións.
Apreciades algún tipo de diferencias entre o público galego e o portugués?
-Sergio: (Silencio). Entre o público portugués do Norte e o galego, practicamente ningunha. Do norte de Portugal para abaixo, sobre todo na zona centro-sur (Alentejo) costa máis poñer ao persoal a danzar. Non sabemos moi ben porqué, pero o baile no Norte ten unha presencia forte, é xente que ten unha vontade de bailar grande.
-Mercedes: Eu diría que, nos tempos que corren, en todos os lados, cada vez costa algo máis poñer á xente a bailar.
Estas dúas culturas irmáns, a galega e a portuguesa, levan séculos de costas entre si, de quen ten sido a culpa dese distanciamento?
-Sergio: Principalmente, dos gobernos en plural. Agora mesmo está na mesa o tema das comunicacións por ferrocarril entre ambos países e a cuestión é cal tren convén mais, se o de Lisboa-Madrid, ou o de Lisboa-Ferrol. Está no traballo dos lexisladores solucionar iso, pero os políticos son escollidos pola xente, polo tanto, máis que culpa, creo que é responsabilidade de todos un pouco. Tamén afecta esa tendencia a ollar mais cara os grandes, mal entendendo o que é ser grande ou pequeno. Tanto nos medios de comunicación coma socialmente, trátase moito máis o que ocorre na Francia que o que acontece aquí ao lado, en Portugal.
-Mercedes: Eu vivín en Portugal a metade da miña vida. Cando cheguei a Lisboa, dinme conta de que alí tamén había unha reacción de rabia histórica cara os españois. Esa cousa do pasado na que España quería anexionar Portugal. Iso está aí, anque cando se fale de Galicia as percepcións sexan diferentes. Por outra parte, tamén persisten notas dunha relación de amor-odio histórico entre veciñ@s. Por exemplo, o tema dos casamentos dun lado e doutro, pero ao mesmo tempo o clasismo ou desprezo de quen se cree máis rico ou poderoso.
Pódese vivir da danza tradicional en Galicia e Portugal?
-Mercedes: Pois nos facémolo, eh!... (risas retranqueiras de ambos).
-Sergio: Depende da cantidade de traballo que teñas.
-Mercedes: E do que sintas como vivir ben... Hai anos moi duros, coma os da pandemia... Para nós, que vivimos en Portugal e non temos a familia cerca, a parte máis difícil é coordinarnos, tanto entre os dous coma cos rapaces.
E como vedes, actualmente, o panorama artístico e musical na Galicia.
-Sergio: O musical, véxoo moi forte. Iso ten que ver con que somos un pobo cunha grande esquizofrenia cultural. Dun xeito ou doutro a nosa música sempre tivo poder na nosa terra, con mostras dunha enorme calidade: Berrogüetto foran nomeados a un Grammy. A música dáme menos mágoa ca danza e o baile. Despois de tanto tempo, sigo sen ver ningún tipo de inclinación institucional para que os circuítos teatrais para danza sexan estimulados. Sobreviven porque hai unha paixón por isto enorme. Entón, do lado administrativo véxoo como sempre, alleo e ollando cara outro lado, cando non desprezando. A xente que se dedica ao baile e á danza faino a base dunha forza e un ímpeto incríbeis.
-Mercedes: Si. Concordo. Sempre foi máis forte a parte musical ca danza profesional. Queda moito por facer. Hai un centro coreográfico que debería estar movéndose máis, porque ser bailador é diferente a ser músico. O tempo de vida profesional dun bailador é moito máis escaso. Cando chegas a unha certa idade, xa non podes facer malabarismos co corpo. E isto hai que protexelo. Están marchando pra outros países as persoas que queren dedicarse á danza. Non hai xeito de ter compañías e proxectos cos que poidas vivir. Hai que recoñecer que a nivel de danza estamos mal.
E na contorna da vosa escena, a quen seguides?
-Sergio: A Nova Galega de Danza, que felizmente está a traballar moito dun tempo a esta parte, a Clara Andermatt de Portugal, a Patxi Laborda, un dos grandes danzaris que teñen en Euskadi. En Galicia están Oscar Cobos, Xabier Iglesias, Fran Sieira, Chisco Feijoo, Henrique Peón, todos sempre traballando cun enormísimo esforzo.
-Mercedes: Eu teño de compañeira a Montse Rivera, a quen admiro moito pola súa capacidade de traballo: unha muller que lle gusta ir á raíz das cousas.
Tratemos agora o aspecto vital, que é o que vos fai erguer a vos cada maña?
-Mercedes: Os fillos son moi importantes. Pero tamén, emocionalmente, toda a xente á que lle gusta o traballo que facemos. Recibimos continuamente azos deste persoal que puxa por un. Dalgún xeito, eles tamén fan que cada mañá te ergas con ganas de continuar.
-Sergio: Coincido e engado: a beleza -sacándolle o sentido mais ridículo da palabra-, esa capacidade que temos de facer diste mundo algo mellor. So ten un custo, o pequeniño esforzo que hai que facer para equilibrar as emocións, iso que di José Múgica, -o político que debeu ser presidente do mundo-: la felicidad es el equilibrio de las emociones. Bailar equilibra moito. Entón, a min o que me fai erguer é iso, a beleza, entre a que inclúo , por suposto, aos nosos pequeno+s, porque están aí e son os grandes protagonistas das nosas vidas. Isto, e o feito de que te agarden. Que alguén te agarde significa que o vai pasar ben contigo. Como cando me esperan os meus alumnos: é algo grande.
Que vos parece este humilde proxecto de Abertas de Par en Par que pretende levar a música e a palabra en directo ao rural galego?
-Mercedes: Eu xa tiña este proxecto na miña cabeza hai moito tempo, sabes? (risas). Bailar nun sitio coa música en vivo, nun espazo íntimo, é fascinante. Esas casas tan antigas e belidas, que foron de familias que viviron nelas, que as coidaron, e que agora lle dan nova vida, que fan parte do noso patrimonio, que, ao cabo, tamén é o que nós facemos co baile e a música. Esas casas son os lugares onde a min me fai sentido levar a nosa proposta, tan preto da xente, sen amplificacións, sen grandes necesidades técnicas. Por iso desexo de corazón que o proxecto de Abertas continúe. O feito, ademais, de que viñera a veciñanza e se mesturara coa xente que estaba hospedada na propia casa rural, iso resultoume fermosísimo. Repensar o rural para ofrecer este tipo de ofertas culturais en lugares pequenos, onde normalmente non hai estas actividades, paréceme moi importante e de subliñar.
-Sergio: Como para min bailar non é opinable... A xente cando baila, esquécese até de que lle doe algo, e neste Ciclo de Abertas de Par en Par, puidémolo comprobar.
Por casualidade, sodes hóspedes habituais do turismo rural galego?
-Sergio: So accidentalmente.
-Mercedes: (Case ao unísono). Porque, como por causa do noso traballo acabamos por viaxar bastante, cando nos quedamos a facer noite, hospedámonos onde as organizacións dispoñen, e non acostuma a ser nas casas de turismo rural.
E que é o que máis valorastes das casas de turismo rural onde actuastes?
-Sergio: A xente de alí. A nos tocounos pola zona de Lugo. E debe ser algo que teñen por aló: esa calma diante da vida... Ven outra cousa... Tal vez porque a soidade na que viven permítelles teren unha visión máis ampla e colorista e porque habitan lugares de paisaxes marabillosos.
-Mercedes: Certo. Pero eu o que máis valorei foi o silencio que se sentía e respiraba.
Óscar Fernández e Manu Fraguela, Soledad Felloza, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, Sofía Espiñeira, Dúo ConcertArt, Fernando Barroso, Germán Díaz, Charo Pita e Manuel Vilas, coñecedes a estes colegas de reparto nesta I Edición de Recitais ao serán?
-Mercedes: Pois..., coñecemos a Fernando Barroso, que fomos veciños, a Germán Díaz
-Sergio (Interrompe): Germán Díaz é un dos mellores zanfonistas do planeta terra e Óscar Fernández e un dos destacados referentes da nosa música en Galicia. Ter tesouros coma estes por aí circulando, foi un luxo incríbel.
Pois luxos aparte, para que pode servir bailar, nun mundo tan convulso coma o actual?
-Mercedes: Para existir. Bailar para erguerse cun sorriso. Para quererse a un mesmo e para logo querer aos outros. Bailar para estar máis san, para relacionarse co mundo, para botar o cabreo fora.
-Sergio: A curiosidade dos que bailamos músicas do mundo é tan infinita coma o propio mundo. Acabas por ouvir, aprender a bailar e aprender a tocar, músicas de todos os lados posíbeis, porque hai tanta beleza en todos os lugares que é inesgotábel. Polo tanto, eu converto a miña resposta en pregunta: como se pode vivir nun mundo tan convulso sen bailar?
Que así sexa, Mercedes e Sergio!
Moitas grazas por compartir os vosos sentires connosco!
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.