FEGATUR. ENTREVISTA A IRINA GRUIA E ILDIKÓ OLTAI

25 de Novembro do 2022

                                 “O NOSO PÚBLICO MÁIS ENTREGADO FOI O DE ABERTAS DE PAR EN PAR”

                                                                       Ildikó Oltai, izquierda. Irina Gruia, derecha.

O Dúo ConcertArt, son dous lúdicos violíns virtuosos, un romanés e o outro húngaro, con dúas graciosas voces, ás veces empastadas, outras cómplices, de dúas mulleres que se complementan tanto, que non teñen tempo nin de discutir entre elas: Irina, de significado -muller que trae a paz-, busca a rebeldía e Ildikó -pronúnciese Íldiko-, muller guerreira, é unha loitadora pola paz.

Ildikó Oltai e Irina Gruia nacen, cunha una escasa década de diferenza entre elas, en Budapest e Brasov, cidades de dous países que compartían fronteiras e réximes comunistas coas particularidades de cada casa: na Hungría, Budapest era o París do leste, e toda a Romanía era máis soviética ca propia URSS. As dúas artistas naceron en fogares melómanos, ambas educadas en escolas musicais con moita disciplina, a magiar no método método Koldáy, e a dacia seguindo o modelo competitivo ruso.

As súas vidas, tanto persoais como profesionais, están cheas de coincidencias: empezaron a estudar violín aos cinco anos, Ildikó porque na súa casa non había piano, que era o que lle gustaba, e Irina porque o piano xa o tocaba a súa irmá. Na súa temperá mocidade, Irina rachou as súas raíces para aproveitar unha bolsa de estudos superiores de violín e de música de cámara en Estados Unidos. Ildikó, no corazón da súa mocidade, foi probar fortuna a Galicia. Ambas se atopan, anos despois, na orquestra Real Filharmonía, con sede en Santiago de Compostela. Ningunha das dúas pensa en regresar definitivamente aos seus países de orixe, entre outras cousas, porque aquí atoparon o amor.

Nin a Irina lle chegaba con terse graduado en 2002 na especialidade de violín polo Conservatorio Hartt en EEUU, onde estudou con Philip Setzer e Eugene Drucker, violinistas do famoso Emerson String Quartet, nin a Ildikó lle era dabondo con Graduarse en 1995 como Profesora de Teoría da Música e Directora de Coro en Budapest. Ademais de ter actuado diante de miles de audiencias e de educar a futuros intérpretes coa súa especial pedagoxía, o que as realiza é diversificar o seu traballo, crear e desenvolver as súas ideas. Por iso, partindo dun interese común pola música, crearon un proxecto propio e diverso canda outr@s compañeir@s, onde conflúen artistas de Romanía, Hungría, Alemaña, León e Galicia: Ensemble ConcertArt, para difundir a música de cámara de todos os tempos e divulgar o repertorio de compositores tanto históricos como contemporáneos, a través de diversos formatos e conceptos.

Desde a Federación Galega de Turismo Rural, conversamos con Irina e Ildikó, veteranas mestras violinistas, creadoras musicais, docentes, artistas que, a pesar de teren tocado diante dos máis críticos públicos, nos máis prestixiosos auditorios do mundo, con todo, recoñecen, emocionadas, que o seu público máis entregado foi o de Abiertas de Par en Par. Queremos saber un chisquiño máis destas intérpretes para quen, toda unha vida de sacrificio e sufrimento entregada á música, vese compensada cando, como lles sucedeu en Abertas de Par en Par, a xente interiorizou a súa música, sentiuna e, ademais, tras o concerto dirixiuse a elas para contarlles persoalmente o porqué.

Irina, o teu nome significa, “muller que trae a paz”, sentes que o nome che pertence, ou puxéroncho porque si?

-Creo que mo puxeron porque si; e como a min gústame facer xusto o contrario do que se me manda, (gargallada pícara)… eu traio paz e alegría, pero tamén un pouco de guerra. Son moi rebelde.

Ildikó, o teu equivale a “muller guerreira, loitadora”, tamén cho puxeron ou perténceche?

-Tampouco me pertence, (gargallada convencida)… Guerreira, guerreira, non son. Loitadora si, pero pola paz.

Entón os vosos violíns, ademais de amarse, poden tamén pelexarse?

-Irina: Claro… E como non? (ri).

-Ildikó: E tanto!

Como Dúo, sodes parella por comenencia, ou por convicción?

-Ildikó: Por convicción, claramente!

-Irina: (Breve silencio). Vale, si. Estou de acordo.

Rin ambas e, entre risas, exclaman:

-Ildikó: Empezamos mal!…

-Irina: Comeza a guerra!…

Irina, a túa consorte musical, é celosa das túas mans, cando tocan o violín?

-Ah…, bo, máis ben son eu a celosa das súas, porque ela tamén sabe tocar o piano (rin as dúas á vez).

Ildikó, o es ti das dela?

-(Aínda rindo). Celosa non estou, pero admiro moito a súa técnica e as súas habilidades.

Irina, preséntame a Ildikó tal como ti a ves, en dúas ou tres palabras.

-Dúas ou tres palabras?..., nunha: moi divertida. Tanto, que o noso espectáculo “xogando a dúas voces” naceu da palabra diversión.

Ildikó, Irina é…

-Creativa, xenerosa e rebelde, no bo sentido (ri maliciosa Irina); e atráeme moitísimo iso.

Cando vós nacestes, Brasov e Budapest, xa tocaban o violín?

-Irina: Je, je! Claro. Nos nosos países hai unha tradición musical moi profunda. En Romanía, dentro da propia escola obrigatoria pública, hai moitísimas clases especiais para música, e aí fráguanse amizades musicais desde os seis anos ata os dezaoito.

-Ildikó: A educación musical nos nosos países é algo natural. Practicamente todos os nenos aprenden algún instrumento. Na miña escola primaria de Hungría, por exemplo, o meu profesor de música dicíanos que cada un tiña que elixir un instrumento e tocar, polo menos, uns anos. Dos 23 que empezamos no seu día, 3 somos profesionais, que non é unha mala porcentaxe.

E esa tradición musical, ¿ven da época comunista, da cultura xitana, ou xa estaba no ADN dos vosos países?

(Silencio de ambas).

-Irina: Eh…, o comunismo, en xeral en todas as artes e na música moi en particular, impuxo unha disciplina que contribuíu a crear intensidade e exclusividade.

-Ildikó: Estou de acordo. Eu, que son maior que Irina, así o vivín desde ben prematuros anos: entrar en fila ao cole, a puntualidade… Á aquelas idades, a ideoloxía non estaba nas nosas cabezas, pero a disciplina si estaba presente como algo educacional e lúdico. Nas escolas dos nosos países, aínda hoxe, é algo impensable tutear aos profesores como aquí. Ademais, en Hungría, o éxito da educación musical vén do método Kodály, do compositor Zoltan Kodály que fundou, nos anos sesenta do século XX, un sistema de educación musical baseado, sobre todo, no canto. Cantar é súper importante porque é a base de todo tipo de música, aínda que sexa instrumental. El teimaba en que a educación non empeza de adultos con grandes profesores, nin con grandes solistas, nin con grandes mestres, senón que comeza cantando, desde a gardería. Todo nace desde a infancia co canto e a danza, así se educan a voz e o corpo. O método está tan recoñecido que, profesores e instrumentistas de todo o mundo, acoden a Hungría para aprendelo.

-Irina: En Romanía, en cambio, seguiuse máis o sistema musical da escola rusa: crear moitísimos solistas e instrumentistas para destacar. Ese era o obxectivo. Xusto o contrario que conta Ildikó de Hungría.

Canto canta, pois, Brasov e Budapest na vosa música?

-Irina (gargallada): Canta no meu sangue e en calquera cousa que fago. Obviamente, o lugar onde naciches, a educación que tiveches, a túa familia e as túas raíces, son unha parte fundamental de ti mesma.

-Ildikó: Efectivamente. Coincido e, como ademais, as dúas somos profesoras e damos clases, moito do que tentamos ensinar aos nos@s alumn@s vén dos nosos berces. Logo, cada unha engade a súa propia experiencia, a súa personalidade, e adáptase aos tempos: non podemos aplicar a disciplina que a nós imbuíron a nos, buscamos outras formas para conseguir algo semellante.

Cales son as vosas orixes familiares en Brasov e Budapest?

-Irina: Veño dunha familia moi unida e bastante grande. Os meus pais fixeron todo canto puideron pola miña educación e a da miña irmá. A miña nai foi a que insistiu coa música. Ela estudara piano. O meu pai é un dos meus amores e os meus avós sempre estiveron presentes na miña vida e na miña educación; e teño que mencionar aos meus profesores musicais, porque, para un músico, a relación co seu profesor particular, transfórmase nun vínculo familiar.

-Ildikó: No meu caso o meu pai, que foi un melómano impresionante sen ter ningún estudo musical, asubiaba e cantaba arias de ópera e humillábame cada día ao recoñecelas todas na radio mellor ca min. Ademais, foi o meu fan número un durante toda a miña educación musical. A miña nai, pola súa banda, foi o meu gran apoio e o poli malo da película: a que me machucaba sempre para estudar máis. Como Irina, destaco a importancia de conectar co teu profesor. Tiven tres e todas me achegaron moitísimo. De feito, parte das clases que imparto hoxe en día, son unha réplica do que herdei delas.    

Iso de tocar un dos instrumentos máis difíciles do mundo, elíxese ou imponse?

(Rin xocosas as dúas, case a un tempo).

-Irina: Para min foi pura coincidencia. A miña irmá maior recibía clases de piano cando eu apenas tiña cinco anos. Naquela época en Romanía non existían as aias. Entón, a miña nai mandábame con ela ás súas clases. Para non aburrirme atendía e, cando ela non sabía algo, eu sopráballo. Por mor diso, a profesora recomendou á miña nai que aproveitase o meu oído musical. Como a miña irmá xa tocaba o piano, suxeriu o violín.

-Ildikó: O meu foi diferente. O profesor ao que mencionei da escola primaria, cando nos pediu que elixísemos instrumento, elixín o piano, que adoraba, pero non aceptou porque non tiñamos instrumento na casa para practicar. Coma min, había outros casos parecidos. Entón, outra profesora, un tanto bruxa, mandou erguer a todos as mans e mirándoas foi dicindo: ti tes mans para violín, ti tamén, e ti… Dos 23 da clase, creo que fomos 15 os que empezamos a tocar o violín (risas cómplices de Irina). Non me arrepinto de ter cambiado polo violín, pero o meu amor polo piano continúa, aínda que non a nivel tan profesional.

-Irina: Non, perdoa, nivel profesional (ri).

-Ildikó: Bo, vale. Nivel profesional, pero non superior (ri tamén).

E cantas horas de estudo vos fixeron falta ao día para domar ao instrumento?

-Irina: Ah…, non sei se podería contar as horas (ri). Pero pódoche dicir que moito, moito, moito tempo. Ademais, houbo momentos de sacrificio. Acórdome cando, na miña mocidade, as miñas amizades ían xogar á rúa e eu quedaba alí na casa, mirándoas a través da xanela, mentres estudaba (gargallada resignada). Ser artista implica moitas cousas, ademais de estudar un instrumento: ler, cultivarse, viaxar, coñecer as tradicións musicais...

-Ildikó: A miña profesora que tiña pinta de bruxa, aínda que non o era, impoñíanos o tempo que tiñamos que practicar cada día, segundo o curso e  o ano. Os meus pais tiñan que asinar nun caderno que practicara de verdade; e non había enganos posíbeis, porque o que dicía a mestra era sacro. Pero a música non é só cuestión de horas senón tamén de constancia: non existen fins de semana sen practicar, nin festivos, nin veraneo. Cando ía ao pobo da miña avoa de vacacións, o violín viaxaba comigo.

-Irina: Si, si, si. E durante as vacacións era cando máis tempo lle podías dedicar ao instrumento e cando máis aprendías.

-Ildikó: E ir a todos cantos concertos podías, porque non había internet, nin compact disc. Como moito un tocadiscos, se tiñas sorte de que o houbese na casa. Era a fame de cultura e de escoitar música o que nos facía crecer.

-Irina: Un día veu á casa o director da orquestra da nosa cidade -que se implicou moitísimo en vari@s de nosoutr@s- e díxolle á miña nai que eu debería estudar media hora de escalas e técnica de violín, nada máis espertarme, antes de almorzar e ir á escola. Foi un ano de calvario, especialmente para a miña irmá, que quería durmir un pouco máis (ri nostálxica), pero axudoume moito a aprender que, se de verdade queres facer algo, tes que disciplinarte e sacrificarte.  

Con todo ese tempo investido tocando, quedouvos oco para o resto da vida?

-Irina: Ah…, que che vou a contar (rindo). Eu atopo oco onde non o hai (máis risas). Si, como non. Ademais, os meus mellores amig@s seguen sendo @s daquela época da miña vida; e no meu caso, tod@s eramos músicos, entón, viviamos xunt@s as mesmas experiencias.

-Ildiko: Si. Foi un pouco así. Volvemos ao mesmo: nunha vida disciplinada, realmente hai tempo pra todo. Todo, talvez, máis limitado, pero moi ben aproveitado.

Que vai primeiro na música, o virtuosismo ou a emoción?

(Silencio).

-Irina: Non utilizaría a palabra virtuosismo, porque a emoción sen a técnica non pode ir e a técnica sen a emoción non ten sentido. Un ten que aprender a dominar o instrumento e o mundo da música da mellor maneira posíbel; e logo, cada un achega o seu son, a súa experiencia e a súa personalidade.

-Ildikó: Estou de acordo. Aos meus alumnos compárolles tocar un instrumento con ser actor ou actriz. Cando reciben un papel, len, viven e tentan imaxinarse de que se trata. Pero o primeiro que teñen que aprender é o texto, no noso caso é a técnica. Despois debemos engadir a emoción, a expresividade, a calidade do son. Aínda que, ata certo punto, isto debe estar calculado, porque iso chámase interpretar, e quen ten que vivir a emoción é o público.

E que é o que más vos emociona da música á hora de interpretar?



(Silencio longo de ambas).

-Ildikó: Buf!, difícil…

-Irina: A min emocióname moito a fase de aprendizaxe dunha obra nova.

-Ildikó: Si. O mesmo. Porque cando descobres unha obra nova que, por algunha razón, chámate ou gústache, o que te propós é transmitir esa mesma sensación que sentiches. Se conseguimos expresar esa sensación é algo sublime, e se, ademais, logramos que alguén do público senta iso mesmo, entón xa non che podo nin contar…

Por que escollestes a música clásica para realizarvos profesionalmente?

-Irina: Tocaches a miña fibra. (Gargallada plena). Eu empecei con cinco anos. A esa idade fas o que che di mamá e papá. Con todo, desde moi moza sempre me gustou ir un pouco ao contraxeito. Elixiron por min o violín, gustoume, pero levo xa uns anos descubrindo outras facetas da miña vea artística. Á parte da música clásica, gústame moitísimo a música popular, a folk, tentar adaptar ao violín a música que lle vai aos mozos de agora.

-Ildikó: Por que música clásica? Porque sempre me gustou. Nunca me propuxen facer outro tipo de música. Teño dous irmáns maiores que me levaban a concertos de música folk en Hungría, mesmo a clubs onde se bailaba folk. Aprendín a bailalo e sempre me gustou, pero a música clásica tamén abarca un pouquiño iso. Hai moitas obras clásicas que se basean na música folk. Tamén fixen licenciatura de coro e un pouquiño de jazz. Con todo, a música clásica non che limita, ao contrario, abárcao todo.        

Dicídenos unha peza musical dun compositor que vos defina persoalmente.

-Irina: Oh!...

-Ildikó: É que… (Pausas longas das dúas).

-Irina: Non se me vén á cabeza ningunha obra musical que me defina, pero si a que determina a miña vida profesional: unha obra que nunca toquei, o triplo concerto de Beethoven  para violín, piano e chelo. Xa de moi nova había unha parte que me chiflaba e, como daquela só había vinilos, acabei raiando o disco de tanto que poñía a agulla naquel fragmento. Escribino, aprendinmo de memoria e díxenme: isto é o que quero facer.  

-Ildikó: Tampouco sei se hai unha que me defina, pero o Réquiem de Verdi marcoume definitivamente. Interpreteino por primeira vez con quince anos na escola onde estudaba, un par de anos máis tarde canteino en coro, toqueino moitas veces en orquestra e sempre digo que non quero morrer sen  tocalo, polo menos, unha penúltima vez. Paréceme unha obra impresionante e aínda que Verdi non é o meu compositor favorito, esta obra é o máis.

Por que decidistes no seu día saír de Brasov e Budapest?

-Irina: Antes de vir a España, fun estudar ao conservatorio superior a Estados Unidos, aproveitando unha bolsa que se me ofrecía alí. Aínda que tiña praza no conservatorio superior de Bucarest, decidín, co apoio dos meus pais, viaxar e vivir aquela experiencia educativa ao outro lado do Atlántico, porque intuín que así o meu futuro musical tería máis portas abertas; e así foi, acabei tocando na Orquestra Real Filharmonía de Galicia.

Ildikó: Estaba a rematar o conservatorio superior cando me decatei que facían unha proba en Budapest para a orquestra Real Filharmonía en Santiago. Presenteime e fun admitida. Como me faltaba un ano para concluír o superior, a miña idea era estar en Galicia dous ou tres anos -as condicións económicas eran bastante mellores cas de Hungría-, aforrar e regresar. Pero, cruzouse no meu camiño un galego e atoume aquí, con consentimento, claro (ri).

Irina: (Risa pícara, antes de rematar Ildikó). No meu caso, non sabía moi ben porqué seguir aquí até que tamén me atopei, fai tres anos, co amor da miña vida.

(Gargalladas sonoras e cómplices).

E desde que estades na Galicia, tedes morriña da vosa terra?



-Irina: Ah…! Si e non. Rachei raíces con 18 anos, momento duro e traumático cando crucei o Atlántico… Na miña mente sempre vivín cunha maleta debaixo da cama, desde moi nena. Pero si que hai morriña, aínda que me custe recoñecelo (Risa ampla). Tento minimizala conversando coa familia, cos amigos, viaxando a Romanía sempre que podo e, se non, visitando as tendas de comida romanesa que atopo (Gargallada).

-Ildikó: Morriña, creo que non sinto. Máis ben teño nostalxia puntual dalgunhas cousas. En Hungría están as miñas raíces e éncheme de orgullo saber do meu país, pero non teño intención de volver, porque agora as miñas raíces están transplantadas en Galicia. Ademais, aquí tamén achego as miñas cousas, porque todo o mundo enriquece o país a onde vai.

Está a orquestra Real Filharmonía, onde traballades, á altura das súas homológas no resto de Europa?

-Irina: Ah…! (Pausa). Non me gusta clasificar ás orquestras. Pero, desde logo, o nivel profesional da Real Filharmonía está, sen dúbida, entre os mellores de Europa.

-Ildikó: Tamén o creo. A grande vantaxe que ten esta orquestra é que está composta por tantas culturas de tan diversos países, que se enriquece enormemente.

E hai nivel educativo para estudar música de cámara en Galicia?

-Irina: A xente que se vai a estudar fóra, non o fai porque aquí non haxa nivel, senón porque quere abrir máis as súas ás.

Ildikó: Uf! Non sei se mollarme… Concordo con Irina, pero gustaríame engadir que a grande diferenza que vexo na formación de ventos e cordas en Galicia -e podería dicir que a nivel xeral tamén en España- é que, talvez, falta tradición de tocar en orquestras desde as máis temperás idades e iso na educación nótase. Son necesarias moitas máis orquestras de cámara infantís e xuvenís. Na miña escola de música en Hungría, por exemplo, desde os oito anos tocabamos no que se chamaba orquestra de grilos, aos primeiros dous ou tres anos de instrumento. Logo pasabas á orquestra de grao medio, logo á superior e finalmente á profesional, sempre como alumno aínda. Este tipo de formación é imprescindible e aquí iso non existiu. Comeza agora nalgunha escola de Galicia.

Como Dúo ConcertArt, cal foi o auditorio máis entregado que lembrades?

-Irina: (Ri). O último concerto que fixemos en Abertas de Par en Par. Iso foi maxia co público da casa de turismo rural. Tan íntimo. Tan próximo e cálido.

Ildikó: Certo. De verdade que estabamos atafegadas coa reacción do público. É que non sabiamos como corresponder.

Irina: Houbo tantas e tan diversas reaccións: uns choraban, outros reaccionaban perplexos de emoción...

Ildikó: Si. Con tanta sinceridade e tanto corazón que os aplausos non tiñan fin. Ademais, despois a xente viña dicirnos porqué lles gustara tanto contándonos as súas historias persoais. Foi unha hora longa de post-concerto inesquecible e única nas nosas vidas. Todo o noso sacrificio, todo o sufrimento e o traballo xa pagaron a pena por concertos como este. E non estou a esaxerar.

E apreciades algún tipo de diferenzas entre o público galego e o dos vosos respectivos países?

-Irina: A gran diferenza é a educación musical. En Romanía o público que vai aos concertos de música clásica ten formación musical e é moi crítico. O galego recibe a música clásica dunha forma máis persoal. Interiorízaa e séntea, máis interesado no emocional que en xulgar a interpretación técnica dos músicos.

Ildikó: Si. É verdade. En Hungría pasa un pouco o mesmo.

Despois dun cuarto de século frotando as cordas profesionalmente, xa o facedes a cegas, ou aínda vos faltan cousas por descubrir do violín?

-Irina: Uf! A min fáltanme, polo menos, outros dous ou tres cuartos de século máis, (risa), para chegar a tocar como a min me gustaría.

-Ildikó: Estou de acordo. Pódoche contar unha anécdota de Pau Casals que responde á pregunta mellor ca min. Cando con 90 anos aínda practicaba, alguén lle preguntou que por que o facía á súa idade, e el respondeu algo así como: practico porque creo que estou a mellorar. (Risas acólitas).

No proxecto Ensemble ConcertArt están artistas musicais de Romanía, Hungría, Alemaña, León e Galicia, quen o fundou e que pretendedes con el?

Ildikó: A cerebro deste proxecto, claramente é Irina.  

-Irina: Antes da pandemia, ocorréusenos a idea de ir á aula de pediatría do hospital clínico de Santiago, a tocarlles aos nenos para utilizar a música como terapia na súa cura. Foi durante a Pandemia cando xurdiu a idea de Ensemble ConcertArt: partindo dun interese común pola música, tentar difundir a música de cámara de todos os tempos e divulgar o repertorio de compositores, tanto históricos como contemporáneos, a través de diversos formatos e conceptos.

Entón, pódese vivir do traballo nunha orquestra de música clásica en Galicia?

Irina: Si se pode.

-Ildikó: O que pasa é que nós o que buscamos con Ensemble ConcerArt é diversificar o noso traballo, porque temos as nosas ideas, outras inquietudes para crear e desenvolver. A música de cámara é complementaria.

Como vedes, por tanto, o presente do panorama musical clásico galego?

-Irina: Galicia ten moitísima sorte ao dispor dun abano bastante grande de oferta: a Real Filharmonía, a Sinfónica de Galicia, a Orquestra 430 de Vigo ou a Orquesta de Cámara Galega. O que boto en falta son máis posibilidades de tocar en música de cámara. Por iso estamos a desenvolver este proxecto de Ensemble ConcertArt, porque necesitamos expresarnos doutros xeitos.

Ildikó: Si. En Galicia cada vez emerxen máis formacións, xusto por esa necesidade de poder facelo, e como nas nosas orquestras non hai prazas, hai moitos mozos que remataron as carreiras e están a buscar a súa oportunidade, por iso xorden outras alternativas.

E que outras músicas escoitades, ademais da clásica?



-Irina: Gústame o jazz e recorro moito á música da miña mocidade: Queen, George Michael.

-Ildikó: Clásica non escoito, porque se non sigo enganchada. Para desconectar prefiro o pop de boa calidade: Alicia Keys… E como teño un fillo de 20 anos, pois compartimos cousas como  Imagine Dragons, que me encanta.

Tratemos agora o aspecto vital, que é o que vos fai levantar a vós dous cada mañá?

-Irina: En primeiro lugar, teño dous fillos que debo coidar (risa). Logo teño un marido, que tamén me gusta atender (ri) e espertar; e teño unha cadela á que hai que sacar a facer as súas necesidades pola mañá (gargallada).

-Ildikó: (Ri tamén). Vaia. Rouboume o chiste Irina. Non... A ver, somos persoas normais, coas súas rutinas, como todo o mundo.

Que vos parece este humilde proxecto que pretende levar a música e a palabra a persoas comúns no rural galego?

-Ambas: Extraordinario!

-Irina: Para min foi un descubrimento, tanto os lugares e os anfitrións das casas coma o público que veu escoitarnos.

É a poboación rural un público receptivo á música clásica?

-Irina: Fantástico. Fantástico. Ás veces, moitísimo mellor incluso ca o público que está educado na música, porque non vén con prexuízos nin coa necesidade de analizalo todo. Vén para escoitar, aprender cousas novas e gozar.

-Ildikó: Concordo e engado que, nestes concertos realizados no medio rural, comprobamos que alí a música non é elitista. Como a puxemos en escena dun xeito lúdico e divertido, iso creou proximidade e ninguén sentiu a necesidade de ser un entendido.

Por casualidade, sodes hóspedes habituais do turismo rural galego?

-Ildikó: Eu non tiven ocasión aínda, pero por falta de tempo. Encantaríame. Díxenlle ao meu marido que ao primeiro oco iremos, porque son espazos preciosos, moi especiais.

-Irina: Tamén lle propuxen ao meu marido unha escapada. Aínda que, mentres non chegue o momento, alo menos, cruzáronse nas nosas vidas profesionais estes lugares marabillosos.

Que é o que máis chamou a vosa atención cando chegastes ás casas de turismo rural?

-Ildikó: Que son realmente casas, non hoteis. O trato persoal, a proximidade, foi como ir a casa dun parente moi próximo.

-Irina: Si. O familiar do trato e, ademais das casas, as contornas e as paisaxes contempladas desde as vivendas. Xa me gustaría a min ter esas vistas desde a miña! (gargallada de ambas).

Óscar Fernández e Manu Fraguela, Soledad Felloza, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, Sofía Espiñeira, Germán Díaz, Fernando Barroso, Mercedes Prieto e Sergio Cobos, Charo Pita e Manuel Vilas, coñecedes a esta xente, colega de reparto, nesta I Edición de Recitais ao Serán polas casas de turismo rural de Galicia?

-Irina: A parte de Soledad Felloza, que tamén está no proxecto Esemble ConcertArt, non tiven esa sorte.

-Ildikó: Xa me gustaría, pero tampouco tiven a ocasión.

As dúas impartides clases de música a nenos, adolescentes e adultos, que papel creedes que debera ter a música no noso sistema educativo para que ao mundo fose mellor?

-Irina: (Risa breve). Pra responder ben a esta pregunta, teriamos que facer outra entrevista aparte. En xeral, no mundo, non só na Galicia e na España, a música e as artes están a perder a súa importancia na educación.

-Ildikó: Si. Por iso é imprescindible investir moitos máis recursos económicos no sistema educativo -escolas, institutos, conservatorios-, para desenvolver a música e as artes ao nivel que merecen e necesitan l@s alumn@s, para que ao mundo fose mellor.

A educación musical é fundamental. A parte da cultura, a disciplina musical é un dos piares máis importantes da vida adulta. Deberiamos educar na paciencia e no sacrificio, formar para o presente e o futuro, fuxir da tiranía dos resultados inmediatos de hoxe en día.

-Irina: E se os pedagogos musicais conseguimos transmitir a paciencia e o sacrificio, dunha forma lúdica e entretida, lograremos chegar aos mozos -o futuro do mundo-, que o que buscan, sobre todo, é sentirse ben.

Que así sexa, Irina e Ildikó!

Moitas grazas por compartir os vosos sentires connosco!

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.