FEGATUR. ENTREVISTA A FERNANDO BARROSO

10 de Novembro do 2022

                                                      “A MANEIRA DE ESTAR NO MUNDO APRENDINA EN FERROL”

                                                                                      Fotos: Juan Luis Rúa                                                                                          

Fernando Barroso, compositor de oficio e guitarrista por vocación, é un ferrolán da quinta do derradeiro ano da década dos setenta do século XX, xusto cando os festivais de música e folclore, ademais de espallarse por toda Galicia, batían records de asistencia. Fala coa voz a medio ton. De ouvido atento e resposta precisa, non pasa de esguello polas preguntas e implícase, con valentía e sen vacilacións, nas respostas.

A fusión córrelle polas veas de xeito natural a este fillo de nai galega e pai andaluz. Tal vez por iso a predilección pola guitarra e os instrumentos de corda lle veña de serie grazas aos caprichos da xenética.

O artista ten compartido escenario con bandas por todo o orbe e, desde 2016, iniciou a súa carreira persoal con discos como Intropía, Silence Lovers Club-Mandolin Pieces ou Xograr. Ten colleitado premios e formou parte, canda músicos de Europa e Latino América do laboratorio creativo NEXO, dirixido por Donald Shaw. En cambio, non lle presta moita atención ao relato da súa carreira musical. Sinxelo e xeneroso, prefire empregar o pouco tempo que lle queda en teimar en compoñer, xogando como anda sempre con ritmos e melodías de aquí e de acolá.

Este músico, que gusta da conversa tranquila e non lle fai noxos á divagación -se se presta-, cando quere desconectar de verdade, so ansía volver ao seu Ferrol natal para ver á familia, aos amigos e escoitar música clásica e jazz. Entre outras cousas, porque a actual maneira compulsiva de consumir contidos artísticos nos teléfonos móbiles, parécelle unha loucura.

Desde a Federación Galega de Turismo Rural, falamos con Fernando, despois de ter rematado os seus recitais ao serán no ciclo da I Edición de Abertas de Par en Par, para coñecer un pouco máis deste xograr para quen un mundo máis libre sempre é un mundo con máis esperanza.

Fernando, Ferrol canta?

-Ferrol é unha terra de resistencia..., é unha comarca moi obreira, centrada no tema naval, que sufriu moito no económico, pero no social hai moita vida cultural e moi rica.

E canto canta Ferrol na música de Fernando Barroso?

-Si que canta en min, si, moito. Crieime alí deica os 18 anos, sempre rodeado de músicos. O que eu son e a maneira de estar no mundo aprendina alí. Creo que Ferrol é un berce moi rico en moitos aspectos, no cultural tamén. Volto sempre que poido, porque teño familia e amigos alí, porque Ferrol está presente na miña vida.

Daquela, en Ferrol, ti de quen ves sendo?

-(Repite a pregunta entre unha media risa serena). O meu pai é andaluz, a miña nai é galega. Por avatares da vida coñecéronse e viviron en Ferrol no tempo en que eu cheguei ao mundo. Entón, teño familia galega e familia andaluza. Así que, eu son unha mestura, sumada a todo o pouso que vai deixando o lugar onde pasas a infancia e a adolescencia, que tamén é parte dun.

Cales son as túas raíces musicais?

-(Respira fondo e exclama). Uf! Empecei a escoitar música na radio. Con dez, once anos, xa quería ser músico e gravaba o que máis me gustaba, naquela época, os clásicos de rock principalmente. De aí a tocar a guitarra eléctrica e a acústica deica os 18 anos. Despois empecei a coñecer a nosa música popular, o folk. Aí iniciei a colaboración con gaiteiros e xente do universo tradicional galego. Os meus primeiros proxectos musicais foron en Ferrol, cun grupo folk que tiñamos, EL Rincón de Morgan. A partires da maioría de idade marcho a estudar a Vigo; e dese tempo ven a miña participación na banda Riobó, ou en Os Cempés. Logo foi chegando a relación con músicos portugueses e o afondamento nos instrumentos de corda (bouzouki, mandolina), porque en Galicia non temos esa tradición de instrumentos de corda tradicional como teñen en Portugal, onde ai unha ducia de instrumentos tradicionais de corda. Iso contribuíu a que eu fora tirando cara o país veciño e alí coñecín tamén a músicos de Brasil, Italia...

E cal foi o nexo que te enganchou á música popular portuguesa?

-Non hai un nexo claro, foron un conxunto de acontecementos. Desde que empecei a traballar en Galicia, xa participaba en bandas portuguesas. Con Ardentía fixeramos algún concerto en conxunto coa Brigada Victor Jara, logo viñeron as miñas colaboracións directas con Julio Pereira, Luis Peixoto. A partires de aí foi todo in crescendo, Celina da Piedade, Sebastião Antunes...

Estas dúas culturas irmáns, galega e portuguesa, levan moitos séculos de costas entre si, de quen ten sido a culpa dese distanciamento?

-De nós mesmos e da historia. Porque hai unha fronteira marcada polas fortalezas entre ambas beiras do río. Ou sexa que moi xuntos non queriamos estar. O que está claro é que son culturas diferentes xa. Creo que son 8 séculos os que pasaron desde que as linguas se empezaron a separar. É lóxico que oito séculos despois as culturas sexan distintas, non so en termos de idioma, senón tamén en termos musicais. Aínda que temos raíces de base común, como as podemos ter con Asturias ou Castela León, ao final temos diferencias.  

Considerando, polo tanto, os antecedentes e as inter-relacións actuais, que futuro teñen estas dúas culturas?

-Pois o futuro destas culturas, coma o da cultura en xeral, depende en boa medida, por un lado do talento dos creadores e dos proxectos e, por outro, de quen administra a sociedade, quen xestiona os cartos, non so os de cada estado, se non tamén os que veñen de Europa. Creo que o diñeiro non sempre se reparte como se debe, ou non se crean ideas interesantes que poderían facer medrar aos profesionais do sector. Este é un traballo profesional e os profesionais para medrar, ás veces, precisamos dun impulso, porque son moitos os obstáculos no camiño.

Como ves, entón, o presente do panorama musical galego?

-Ai cousas que se fan ben, temos redes, pero o problema non é a falta de talento, senón a falta de profesionalización, de creación dunha industria. E logo, os artistas tamén debemos facer cousas interesantes. Temos que avaliar o noso propio traballo para que a xente nos escoite. Mais ben o entendo como unha cuestión de simbiose entre a xestión cultural e o talento.

Logo, desde unha perspectiva profesional, pódese vivir da música en Galicia?

-Ai xente que vive da música. Eu vivo dela. Agora, do que se trataría sería de valorar como é esa calidade de vida entre os profesionais que se dedican á música; e non é nada fácil. Esta é unha profesión de moito sacrificio e moita disciplina, pero supoño que coma calquera outra que teña que levar a cabo unha persoa autónoma.

Dinos, a que profesionais segues na música actual?

-Hum! Pois..., anque cando tes o móbil na mao e abres unha aplicación é inevitable que che salte musica actual, a verdade é que o tempo que teño para escoitar música, que non é moito, escollo música para desconectar do meu. Así que sempre tiro máis pola clásica e o jazz.

Como músico, seica bebes de fontes tan diversas coma o jazz, a música clásica, os ritmos e sons brasileiros e até os que flúen da cultura persa. Que hai de certo en todo isto?

-Iso ven dunha nota de prensa que saíu co último disco que fixemos, Xograr. Como esa obra é unha fusión de todos eses conceptos, pois ao final acabouse por sintetizar así, para explicar os ingredientes da mesma. O que eu fago, basicamente, é música orixinal. Compoño toda a musica que creo, entón, neste caso non podemos estar a falar de música tradicional, ou folk. O que traballo moito é xogar cos ritmos e coas melodías, sempre desde a referencia que tiven en Galicia coa nosa tradición e co que me foi aportando a música de fora. Gústame inventarme patróns rítmicos, collendo ideas de aquí e de acolá.

Es Doutorado en física e química, como conxenia iso de tocar tubos de ensaio co de tanxer guitarras?

-En España debe haber moitísimos doutores que están a traballar noutras cousas. Iso é un erro do método educativo, creo. Hai unha falta de orientación por parte do sistema de educación. Do que se debería tratar sería de descubrir e fomentar para que valen os cativos, non crear individuos idénticos. No meu caso, xa tiña vocación de músico e de feito tocaba mentres estudaba, pero a decisión veu por inercia: estabas no instituto, facías a selectividade e tiñas que escoller unha carreira... Collín a vía que consideraba máis atraínte. Aprendín ciencia, que foi moi interesante e non estou arrepentido, pero para o ben da sociedade e dos cativos, debería haber unha boa orientación.

Pois xa que che resultou de interese a física e química, habería algún elemento químico co que te identifiques e que te defina persoalmente?

-(Exclamación, silencio, leve riso, pausa longa e gargallada). Pois, tal vez si..., o carbono. Hai unha cousa curiosa que sucedeu na miña licenciatura en relación a isto. Na orla de fotos de fin de carreira, a de química tíñaas colocadas como se fose unha táboa periódica. Casualmente, a miña foto estaba co carbono, polo tanto eu son o carbono. Esta pura casualidade, sempre me fixo pensar, son o carbono, que ben! Porque son moi teimudo, tiro sempre para diante, e o carbono como tal é símbolo de vitalidade, a base da materia orgánica, o principio da vida.  

Sendo logo tan teimoso para conseguir os teus obxectivos, nun mundo tan caótico coma o actual, que papel crees que debera ter a música?

-A música ten o seu papel fundamental. Creo que debe haber moi pouca xente que non escoite música ao longo dun día. Outra cousa é a maneira de consumila actualmente. Nese senso estou preocupado, porque nos están facendo entrar nun curral moi enfastiado que é o consumo das cousas súper breves. Se dedicas dúas horas, ao longo do día, a estar co telefono na man, non escoitas dúas horas de música, escoitas 15 segundos dun artista, quince segundos doutro... As redes sociais son ferramentas útiles e prácticas, pero creo que se están a usar dunha maneira moi compulsiva. Ademais, a calidade do son e das imaxes está moi comprimida. Non é un consumo de calidade.

E para ese mundo de compulsión que describes, no teu repertorio musical, hai algún tema que non deixarás de tocar xamais?

-Hai algúns aos que lle fun collendo aprecio e que ao final son máis interesantes para tocar nos concertos. Por exemplo as Danzas do Espazo-Tempo, as Muiñeiras do Cuarto Baleiro, O Barqueiriño, que gravei a dúo coa violonchelista Margarida Mariño, ou a peza que teño con Sebastião Antunes, A Cantadeira de Belém.

Vaiamos á perspectiva vital.  No teu almanaque diario, que é o que te fai erguer cada mañá?

-Pois..., o que me fai erguer con enerxía..., mira, creo que cando descobres unha paixón, o traballo, de repente, fica máis leve. Desde que tomei a decisión de me dedicar á musica, érgome cada día coa alegría e a enerxía de que vou facer o que me apaixona. Iso motívame moito. O demais e ir medrando e acadando obxectivos.

Que che parece, logo, este humilde proxecto que pretende levar a música e a palabra en directo ao rural galego?

-Como proxecto paréceme interesante e como artista que participou nel foi unha experiencia boa porque descubrín lugares que non coñecía. Os concertos de pequeno formato coma estes son, ademais, moi íntimos. Creo que como idea para o futuro pode funcionar, que é un ciclo chulo no que se fusionan tres aspectos fundamentais do noso país: o rural, as tradicións e a cultura.

Óscar Fernández e Manu Fraguela, Soledad Felloza, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez,  Sofía Espiñeira, Dúo ConcertArt, German Díaz, Mercedes Prieto e Sergio Cobos, Charo Pita e Manuel Vilas, coñeces a esta xente colega de reparto nesta I Edición de Recitais ao Serán polas casas de turismo rural de Galicia?

-Creo que a coñezo a case toda. Con algúns teño compartido incluso proxectos. Con Oscar Fernández, concretamente, toquei moitos anos en Os Cempés.

Por causalidade, es hóspede habitual do turismo rural galego?

-Lamentabelmente non, porque me atopo case sempre fora de Galicia por motivos de traballo; e cando vou á terra é para estar coa familia, os amigos ou para desconectar na miña casa. Por iso a experiencia de Abertas foi chula, porque descubrín casas de turismo rural nas que, en canto poida, gustaríame pasar uns días. Temos unha riqueza impresionante no sector do turismo rural: centos de casas que constitúen un auténtico patrimonio.

E que foi o que máis valoraches cando, debido a esta experiencia, chegaches ás casas de turismo rural?

-A hospitalidade, que foi de diez en todas as que participei. Ese trato que te fai sentir coma na casa.

Na páxina de inicio da túa web, hai unha discreta imaxe en branco e negro dun corazón coas arterias cortadas polas que saen dúas ramiñas agromadas e seis paxaros. Isto a conto de que ven?

-Iso é parte do deseño do derradeiro traballo discográfico, Xograr. Na portada completa do disco, aparece un xograr que na súa mao porta ese corazón, que é como ofrecer a súa alma ao publico. Porque ese disco era unha homenaxe á figura do artista ao longo dos tempos. Das arterias saen ramiñas que florecen, que dan vida; e tamén paxaros como metáfora da liberdade.

Daquela, con máis ramiñas agromadas e máis paxaros voando, iríamos cara un mundo mellor?  

-Claro. Sen dúbida. Todas as persoas que coñezo do mundo artístico e da farándula, teñen unha visión do mundo, mais ou menos así. Un mundo máis libre sempre é un mundo con máis esperanza. Se toda a xente entrase nesa perspectiva, considero que o mundo sería ben mellor.

Que así sexa, Fernando!

Moitas grazas por compartir os teus sentires connosco.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.