1 de decembro do 2021
Ca fin de promocionar o Turismo Rural de Galicia, no marco do XACOBEO 2021-22, a Federación Galega de Turismo Rural iniciou onte na Vía da Prata unha viaxe de familiarización de axentes de viaxes turísticos con aloxamentos de Turismo Rural.
Na visita prevista dende o 30 de novembro ata o 3 de decembro cóntase coa presenza de 12 axentes de viaxes turísticos que coñecerán de preto a vinculación do turismo rural coa Vía da Prata, con paradas o 1 de decembro en Monterrei e Allariz e o 2 de decembro en A Estrada.
Grazas ao convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) en colaboración coa Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI), estamos a organizar viaxes de familiarización (fam trips) en catro dos camiños de Santiago (Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía). Trátase dunha primeira aproximación ao turismo rural e a súa oferta diferencial e de calidade para as persoas que peregrinan. Confiamos que axiña teña continuación!
Máis de 50 axentes de viaxes de Galicia e de diversos puntos de España - 12 dos cales achegaranse á Vía da Prata - van poder comprobar por eles mesmos a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias presentes a carón dos camiños, coas que logo elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.
Entre o 23 de novembro e o 3 de decembro este programa de promoción do turismo rural galego inserido no marco do Xacobeo 2021-22 combinará o amplo abano de experiencias coa oferta de aloxamento e gastronomía que seguiremos a ofertar os establecementos de turismo rural galegos no vindeiro ano 2022.
O turismo rural de Galicia, na situación de pandemia que vimos vivindo, ven sendo un dos principais recursos turísticos nos que as persoas atopan unha inmellorable posibilidade de descanso e lecer na nosa terra.
Este programa vai permitir explorar novos públicos e novos territorios para as persoas que desexan e procuran nos camiños de Santiago- na súa paisaxe e patrimonio natural e cultural- e na singularidade do rural galego, razóns dabondo para o reencontro consigo mesmas,.
O encontro entre persoas propietarias de establecementos e as que traballan no sector das axencias de viaxes propiciará sen dúbida un achegamento de traballo e intercambio nos espazos previstos en cada un dos fam trips, buscando precisamente definir novas sinerxías que contribúan á desestacionalización e diferenciación do turismo rural galego.
Programa da viaxe de familiarización:
30 de novembro: chegada de axentes de viaxes.
1 de decembro: pola mañá, visita e actividades en Monterrei. Pola tarde, visita cultural a Allariz. As 18:30, encontro de traballo entre establecementos de turismo rural de Ourense e axencias de viaxe na Aldea Rural Santo André.
2 de decembro: desprazamento ata A Estrada, con actividade a carón da sidra. Despois do xantar, realización dun tramo do camiño a carón do Pazo de Oca. As 18:30, encontro de traballo entre establecementos de turismo rural de Pontevedra e axencias de viaxe en A Casa do Lagoeiro.
3 de decembro: almorzo, avaliación e despedida.
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.