O Fam Trip en torno ao Camiño do Norte xa está aquí

25 de novembro do 2021

Ca fin de promocionar o Turismo Rural de Galicia, no marco do  XACOBEO 2021-22, a Federación Galega de Turismo Rural inicia hoxe no Camiño do Norte unha viaxe de familiarización de axentes de viaxes turísticos con aloxamentos de Turismo Rural.

Na visita prevista ata o 27 de novembro cóntase coa presenza de 12 axentes de viaxes turísticos que coñecerán de preto a vinculación do turismo rural co Camiño do Norte no tramo entre Ribadeo e Mondoñedo.

Promoción do Turismo Rural de Galicia. Xacobeo 2021-22

Viaxes de Familiarización de axentes de viaxes turísticos con aloxamentos de Turismo Rural nos Camiños de Santiago

Grazas ao convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) en colaboración coa Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI), estamos a organizar viaxes de familiarización (fam trips) en catro dos camiños de Santiago (Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía). Trátase dunha primeira aproximación ao turismo rural e a súa oferta diferencial e de calidade para as persoas que peregrinan. Confiamos que axiña teña continuación!


Máis de 50 axentes de viaxes de Galicia e de diversos puntos de España - 12 dos cales achegaranse ao Camiño do Norte- van poder comprobar por eles mesmos a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias presentes a carón dos camiños, coas que logo elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.

Entre o 23 de novembro e o 3 de decembro este programa de promoción do turismo rural galego inserido no marco do Xacobeo 2021-22 combinará o amplo abano de experiencias coa oferta de aloxamento e gastronomía que seguiremos a ofertar os establecementos de turismo rural galegos no vindeiro ano 2022.

O  turismo rural de Galicia, na situación de pandemia que  vimos vivindo,  ven sendo un dos principais recursos turísticos nos que as persoas atopan unha inmellorable posibilidade de descanso e lecer na nosa terra.

Este programa vai permitir explorar novos públicos e novos territorios para as persoas que desexan e procuran nos camiños de Santiago- na súa paisaxe e patrimonio natural e cultural- e na singularidade do rural galego, razóns dabondo para o reencontro consigo mesmas,.

O encontro entre persoas propietarias de establecementos e as que traballan no sector das axencias de viaxes propiciará sen dúbida un achegamento de traballo e intercambio nos espazos previstos en cada un dos fam trips, buscando precisamente definir novas sinerxías que contribúan á desestacionalización e diferenciación do turismo rural galego.

Turismo Rural a carón do Camiño do Norte

Datas: do 25/11 ao 27/11

Programa da viaxe de familiarización:

25 de novembro: chegada para xantar e recepción do Alcalde de Mondoñedo. Visita ao Camiño do Norte en Mondoñedo.

26 de novembro: visita á Basílica de San Martiiño e ao Espazo Caritel (Foz) e acto institucional co Alcalde de Foz. Visita as praias de Barreiro cunha interpretación xeolóxica na Praia das Catedrais. Pola tarde, visita cultural a Lourenzá (ruta da faba). As 18:30, encontro de traballo entre establecementos de turismo rural e axencias de viaxe en Casa do Mudo.

27 de novembro: almorzo, con visita a Sargadelos e despedida.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.