24 de novembro do 2021
Ca fin de promocionar o Turismo Rural de Galicia, no marco do XACOBEO 2021-22, a Federación Galega de Turismo Rural inicia hoxe no Camiño de Inverno as viaxes de familiarización de axentes de viaxes turísticos con aloxamentos de Turismo Rural. Na visita prevista ata o 26 de novembro está prevista a presenza de 16 axentes de viaxes turísticos que coñecerán de preto a vinculación do turismo rural co Camiño de Inverno no tramo entre Valdeorras e Chantada.
Grazas ao convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) en colaboración coa Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI), estamos a organizar viaxes de familiarización (fam trips) en catro dos camiños de Santiago (Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía). Trátase dunha primeira aproximación ao turismo rural e a súa oferta diferencial e de calidade para as persoas que peregrinan. Confiamos que axiña teña continuación!
Máis de 50 axentes de viaxes de Galicia e de diversos puntos de España - 16 dos cales achegaranse ao Camiño de Inverno- van poder comprobar por eles mesmos a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias presentes a carón dos camiños, coas que logo elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.
Entre o 23 de novembro e o 3 de decembro este programa de promoción do turismo rural galego inserido no marco do Xacobeo 2021-22 combinará o amplo abano de experiencias coa oferta de aloxamento e gastronomía que seguiremos a ofertar os establecementos de turismo rural galegos no vindeiro ano 2022.
O turismo rural de Galicia, na situación de pandemia que vimos vivindo, ven sendo un dos principais recursos turísticos nos que as persoas atopan unha inmellorable posibilidade de descanso e lecer na nosa terra.
Este programa vai permitir explorar novos públicos e novos territorios para as persoas que desexan e procuran nos camiños de Santiago- na súa paisaxe e patrimonio natural e cultural- e na singularidade do rural galego, razóns dabondo para o reencontro consigo mesmas.
O encontro entre persoas propietarias de establecementos e as que traballan no sector das axencias de viaxes propiciará sen dúbida un achegamento de traballo e intercambio nos espazos previstos en cada un dos fam trips, buscando precisamente definir novas sinerxías que contribúan á desestacionalización e diferenciación do turismo rural galego.
- Datas: Do 23/11 ao 26/11
- Camiño de Inverno por Valdeorras e a Ribeira Sacra: entre A Rúa e Chantada, con visitas a A Rúa, Quiroga, Vilachá, Monforte, Pantón e Belesar.
O 23 de novembro chegan aos establecementos de turismo rural.
Hoxe, 24 de novembro, comezaremos a partires das 10 da mañá cunha visita a A Rúa para coñecer a espectacular paisaxe que transitan as persoas que peregrinan polo Camiño de Inverno. Descubrirán Montefurado, logo o museo xeolóxico de Quiroga.
Tras o xantar na Casa Grande da Ferreiría de Rugando visita ás adegas de Vilachá e ao miradoiro da Capela. Ás 18:30 h acudirán á oficina do peregrino en Monforte de Lemos.
Rematará a xornada cunha cea servida na Casa Reboiro.
O día 25 iniciarase cunha visita á igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, acompañados polo recentemente nomeado párroco don Alberto Reádegos e unha guía de Máis que Románico. De seguido agárdaos unha rota sensorial polo “Paseo das Ben Amadas” polos viñedos de Tarrío e Belesar acompañados por Francisco Almuiña, guía turístico e presidente da Federación Galega de Turismo Rural e da Asociación Ribeira Sacra Rural. Tras o xantar na adega Vía Romana, servido polo Restaurante Os Pendellos, deseguido vivirán unha experiencia lúdica de xogos de escape na Casa dos Muros en Ferreira de Pantón.
A partires das 18:30 terá lugar un encontro de traballo e intercambio entre persoas propietarias de establecementos de turismo rural da Ribeira Sacra e os axentes de viaxes turísticos. Ao mesmo asistirá don Luís Fernández Guitián, presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e alcalde de Sober, quen, ademais de darlles a benvida, amosaralles os principais valores e recursos do territorio. Ao remate do mesmo servirase a cea. Este evento terá lugar na Rectoral de Castillón.
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.