30 de novembro do 2021
Ca fin de promocionar o Turismo Rural de Galicia, no marco do XACOBEO 2021-22, a Federación Galega de Turismo Rural inicia hoxe no Camiño de Fisterra-Muxía unha viaxe de familiarización de axentes de viaxes turísticos con aloxamentos de Turismo Rural.
Na visita prevista dende o 30 de novembro ata o 2 de decembro cóntase coa presenza de 18 axentes de viaxes turísticos que coñecerán de preto a vinculación do turismo rural co Camiño de Fisterra-Muxía, con parada nas terras de Outes.
Grazas ao convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) en colaboración coa Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI), estamos a organizar viaxes de familiarización (fam trips) en catro dos camiños de Santiago (Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía). Trátase dunha primeira aproximación ao turismo rural e a súa oferta diferencial e de calidade para as persoas que peregrinan. Confiamos que axiña teña continuación!
Máis de 50 axentes de viaxes de Galicia e de diversos puntos de España - 18 dos cales achegaranse ao Camiño de Fisterra-Muxía - van poder comprobar por eles mesmos a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias presentes a carón dos camiños, coas que logo elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.
Entre o 23 de novembro e o 3 de decembro este programa de promoción do turismo rural galego inserido no marco do Xacobeo 2021-22 combinará o amplo abano de experiencias coa oferta de aloxamento e gastronomía que seguiremos a ofertar os establecementos de turismo rural galegos no vindeiro ano 2022.
O turismo rural de Galicia, na situación de pandemia que vimos vivindo, ven sendo un dos principais recursos turísticos nos que as persoas atopan unha inmellorable posibilidade de descanso e lecer na nosa terra.
Este programa vai permitir explorar novos públicos e novos territorios para as persoas que desexan e procuran nos camiños de Santiago- na súa paisaxe e patrimonio natural e cultural- e na singularidade do rural galego, razóns dabondo para o reencontro consigo mesmas,.
O encontro entre persoas propietarias de establecementos e as que traballan no sector das axencias de viaxes propiciará sen dúbida un achegamento de traballo e intercambio nos espazos previstos en cada un dos fam trips, buscando precisamente definir novas sinerxías que contribúan á desestacionalización e diferenciación do turismo rural galego.
30 de novembro: chegada para xantar a Muxía (Casa do Peixe). Realización dun tramo do Camiño por Muxía. Aloxamento e cea nos establecementos (Casa de Trillo, Casa Castiñeira, Casa Ceferinos e Casa das Fiadeiras de Nemiña)
1 de decembro: visita a Serra de Outes: turismo activo e turismo rural. Xantar en Casa Perfeuto María. 16:30 Tramo final do Camiño a Fisterra. As 18:30, encontro de traballo entre establecementos de turismo rural e axencias de viaxe en Casa de Trillo.
2 de decembro: Visita á Praia de Nemiña. Despedida.
Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.