ENCONTRO ENTRE PERSOAS PROPIETARIAS DE ALOXAMENTOS DE TURISMO RURAL CATALÁS E GALEGAS

10 de Outubro do 2022

Dito encontro desenvólvese en dous momentos e territorios, o primeiro tivo lugar en Galicia, entre o 18 e o 21 de outubro do 2022, e o segundo terá lugar en Cataluña na primavera do  2023 cando unha expedición galega lles devolvamos a visita.

 

O pasado venres 21 de outubro retornaron as vinte e tres persoas compañeiras propietarias de casas da Asociación de Casas Turismo Rural Girona que desde o martes 18 participaron no encontro. Percorreron lugares emblemáticos de Galicia coñecendo e compartindo vivencias e saberes con persoas compañeiras propietarias de empresas e establecementos de turismo rural. Lideradas por Ramón Corominas e Teresa Vilà, presidente e xerente da Asociación. @s desprazad@s desde Cataluña desfrutaron de experiencias únicas deixándose levar a lugares emblemáticos como ás terras de Noia, Fisterra, Vimianzo, Val do Barcala ou Compostela, tamén da Ulloa e a Ribeira Sacra.

Agasallo despedida do Cluster de Turismo de Galicia

Tras a súa chegada, o martes 18, e acompañadas por Francisco Xabier Almuiña, presidente da FEGATUR (Federación Galega De Turismo Rural) achegáronse á Galicia costeira, chea de sabores e aromas. En Noia fixeron parada pra se achegaren ao seu rico patrimonio histórico, mais tamén ao esforzado e duro traballo que desenvolven as persoas mariscadoras e mariñeiras  para extraer os manxares que viven no mar.

Pola tarde navegaron co maxín polos sete mares, da man do esgrevio capitán do Museo da Pesca de Fisterra. Deseguido desenvolveuse un animado parladoiro, no mesmo Faro. Foi unha mesa de encontro, conversa e intercambio de ideas, experiencias e retos que o sector estamos a vivir con compañeiras do turismo rural da Costa da Morte. Sen dúbida  as reflexións aportadas han servir para orientar cara a onde imos, que nos agarda na inmensidade da oferta turística na que navegamos, e que recursos temos que poderían resultar máis eficaces e útiles para seguir a estrela que nos guíe e nos posicione en rumbos axeitados.

Na mañá do  mércores asaltaron pacificamente o Castelo de Vimianzo onde coñeceron anacos de historia e fixéronse cos segredos da artesanía do barro, do liño ou do encaixe, iso si, da man das persoas que alí saben desas cousas. Logo, cruzando o val do Barcala, en Montevalado, seguiron compartindo experiencias colaborativas de desenvolvemento rural da man de Carme Freire nas instalacións “Daquí Darredor”.

Nas terras ulloás de Palas de Rei e da man de José Luís Carrera souberon e saborearon Arqueixal, o proxecto de desenvolvemento rural integral que desde hai anos agroma vizoso neste espazo eco agro turístico.

Desde alí trasladáronse á Ribeira Sacra onde recibiron a benvida da man da xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Alexandra Seara e de Francisco Almuiña, presidente de Ribeira Sacra Rural e da FEGATUR.

Tras descansar, o xoves 20 de outubro foron na procura de tesouros, comezando cunha rota sensorial polo “Paseo das ben amadas” entre viñas, bolos e carballos. Desde Santo Estevo remontaron en barco o Canón do Sil até Doade. Na adega Algueira cataron e degustaron os seus exquisitos viños.

Pola tarde no Pazo do Piñeiro en Chantada, tivo lugar o segundo Parladoiro, unha moi interesante mesa de encontro, conversa e intercambio de ideas canda a compañeiras do turismo rural das comarcas do Deza, a ribeira Sacra, Allariz e o Ribeiro. Sen dúbida serviu para orientarnos entre tanto baile de números; para preguntármonos se nos cadraban as contas, se levamos o compás e o ritmo ou como facer ese complicado “cambio de parella” tamén coñecido como relevo xeracional.

Da man de Mercedes Prieto e Sergio Cobos desfrutaron dun dos vinte cinco recitais ao serán que co proxecto I Edición de Abertas de Par en Par se veñen celebrando en establecementos de turismo rural da nosa terra. Foi un sorprendente, divertidísimo e relaxante obradoiro de danza “Bailando cos números”. Na cea acompañounos Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober e presidente do Consorcio de turismo da Ribeira Sacra.

Cantas persoas asistimos, compartimos que experiencias coma esta serven para promover e potenciar a cooperación, o uso de ferramentas, e a creación de redes colaborativas que axudan no intercambio de referencias de negocio, establecemento de redes e no fomento do asociacionismo; que o achegamento a proxectos, experiencias e actividades, ao patrimonio e á cultura, permite que as persoas descubramos e tomemos en consideración novas sendas que están florecendo ao noso carón.

Encontros coma este contribúen a facernos aínda máis conscientes da complexa situación actual, mais tamén do interese que o sector ten para Galicia, alentándonos a seguirmos coa tarefa de acadar un rural forte e diferenciado, con valores propios excepcionais que lle engaden valor grazas á unha oferta renovada e novidosa. Sabedores, ao fin, que o rural e o turismo é o común interese que nos une, comprometémonos a que a FEGATUR siga contribuíndo e traballando en acadar un turismo rural sostible, colaborativo e rexenerador.  

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.