DO NOME DAS CASAS - GALICIA TURISMO RURAL

07 de Novembro do 2022

Con frecuencia o nome dalgúns aloxamentos rurais agocha máis claves das que apriori  un lle adiviña. Va que si?

Se es das persoas ás que lles gusta desvelar segredos, segue lendo....

Os tres Teixos: neste aloxamento das terras do Valadouro que miran cara a Mariña de Lugo, Manuela, que canda a Juan Carlos exercen a arte da anfitronía desvelarache ademais, do por que do nome, moito do espírito que guía e alenta este seu proxecto de vida. Sabedoría e xenerosidade?... memoria e inspiración?... Puidera ser! Tan só terás que te achegar ao Lugar de Martín,  no concello  de Foz (Lugo) .

Que unha casa teña por nome O Canto da Terra é razón dabondo para que no horizonte se esparexan diferentes sendas polas que o teu maxín podería transitar na procura dunha solución verdadeira. Claro que se che din que este aloxamento se asenta no lugar de Follés no concello de Pantón na Ribeira Sacra, e que toda ela respira harmonía e paz, ou que por veces o único son que se escoita é o do silencio ou o do rebulir dos paxaros, igual xa vas descartando unhas e achegándote á que é.

Construída en pedra e madeira, Luisa dirixiu con sabedoría a súa rehabilitación conforme a unha arquitectura ecolóxica e de confort. Mesmo a calefacción é por xeotermia!

E que pintará unha Torre Lombarda en pleno Allariz? Pois antes de disparar, xa che digo eu que quen mellor cho ha explicar é Mónica, a anfitrioa desde hai máis de vinte anos desta fermosa pousada. Paixón e bo facer son armas coas que defende e reivindica este histórico edificio. E faino mesmo sen deixar de atender as plantas que adornan os arredores, nin quitarlle ollo ao xarrete estufado con mencía que este outono alí poderás degustar.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.