O turismo rural de Galicia e as Asociacións de amigos do Camiño de Santiago, compañeiros de camiño

23 de setembro do 2021

En boa compaña polos Camiños do Norte

Os días 24, 25 e 26 de setembro terá lugar o Cumio Interautonómica Institucional do Camiño de Santiago do Norte que organiza a Asociación mindoniense “Abriendo Camino”, que preside o noso compañeiro José Luís Fernández Ansedes, propietario do establecemento de turismo rural "Finca El Remanso".
Como bo e veterano anfitrión esmérase día a día na boa acollida e na calidade dos servizos e dos espazos onde as persoas que peregrinan poidan aloxarse.


Por parte da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), asistirá o presidente, Francisco Xabier Almuiña Chorén, facendo presentes así ás casas de turismo rural no Camiño de Santiago que cada ano acollen tamén un significativo número de persoas que peregrinan a Compostela.
Vincular aínda máis o turismo rural ao Camiño é unha das liñas estratéxicas que a FEGATUR está a impulsar. Facémolo apoiados na ampla experiencia que nas casas rurais temos, involucradas e comprometidas como estamos dende hai ben anos en ofrecer servizos  seguros, sostibles, resilientes e de calidade; algo que, ademais, ven sendo recoñecido e agradecido polos milleiros de persoas que, percorrendo calquera dos camiños, prefiren os nosos establecementos para descansar e repoñer forzas. Aléntanos tamén o compromiso e apoio que desde a Consellaría  de Presidencia, Xustiza e Turismo, o propio Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou na xuntanza mantida canda a Nava Castro, directora  da Axencia de Turismo de Galicia, coa directiva da FEGATUR o pasado  13 de xullo.


O cumio arrincará o venres en Mondoñedo, con mesas de debate e coloquio nas que se abordarán temas como a acollida ás persoas que peregrinan, análises e propostas de trazados dos Camiños do Norte. Tamén se fará a presentación do ‘Xantar Cunqueirán’ a base de produtos que aparecen en menús citados nas obras literarias de don Álvaro.
Tras o xantar haberá un paseo por Mondoñedo e, posteriormente, unha mesa coloquio sobre o rexurdir do Camiño de Santiago.


Ademais de poder asistir a todos os relatorios de xeito presencial, van ser retransmitidos en directo, co que poderán ser seguidos ó momento ou en diferido, a través das canles do Facebook do Concello de Mondoñedo e da canle de Youtube Mondoñedo Valley.


Ao remate desta primeira xornada, a música tamén será protagonista. Rosa Cedrón cantará, ás nove da noite, na igrexa de Santiago. A entrada será de balde, pero con aforo limitado. Quen desexe asistir ó concerto deberá apuntarse previamente no teléfono 982 50 71 77.


O cumio fai camiño

Lugo o sábado e Santiago o domingo respectivamente, acollerán as outras dúas xornadas nas que participarán 70 congresistas e membros de máis de vinte asociacións das catro comunidades autónomas polas que discorre o camiño do Norte, Euskadi, Cantabria, Asturias e, por suposto, Galicia.


En Lugo, e procurando unificar criterios á hora de abordar as necesidades e particularidades da rota xacobea, ó seu paso polos diferentes territorios, falarase da promoción e divulgación dos camiños. Farase, así mesmo, unha análise do papel das institucións públicas respecto da ruta e dos efectos físicos e mentais das peregrinacións na actualidade. A destacar tamén dúas presentacións de sumo interese. Nunha abordaranse as enfermidades infecciosas na historia do Camiño e na outra o desenvolvemento dun proxecto de Estado que se ven desenvolvendo sobre unha variante da rota Xacobea nas Illas Canarias, baixo o título de "El camino de Santiago entre volcanes", e que a dramática situación que estes días están a vivir moitas persoas na illa da Palma faina de plena actualidade.
Todas elas terán lugar no auditorio do edificio da delegación da Xunta, na Ronda da Muralla. O público poderá asistir, aínda que pola limitación de aforo as persoas interesadas deberán inscribirse previamente no 982 29 40 66.


O domingo o cumio rematará en Santiago cunha visita guiada ao museo das Peregrinacións. A clausura oficial será a participación dos asistentes na misa do Peregrino.  

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.