Comunicado dende a Fegatur en relación coa crise en Ucrania

12 de marzo do 2022

A Federación Galega de turismo Rural (FEGATUR) canda a persoas propietarias e traballadoras de aloxamentos de turismo rural de Galicia , conmovidas e indignadas pola crise humanitaria que a agresión militar rusa sobre a poboación ucraína está provocando, manifestamos a nosa máis enérxica condena ao ataque ordeado polo goberno ruso contra da Ucraína e  reclamamos o cese das hostilidades e a retirada das tropas rusas de territorio ucraíno.

Cada vez somos máis as persoas que cremos que son os abrazos e non os mísiles e morteiros os que  sementan vida e ledicia  de novo nos corazóns da xente, os que fan agromar primaveras de futuro nesta Terra.

Desde a FEGATUR vimos fomentando o benestar social para mellorar a sociedade e defendemos a paz, a prosperidade e o desenvolvemento en igualdade e respecto dos pobos.

Queremos contribuír a paliar o sufrimento e desamparo de persoas que, fuxindo da violenta invasión, cheguen a Galicia .

Por eso comunicamos a posta a disposición de aloxamentos para a acollida neles de persoas refuxiadas, e mesmo do ofrecemento de instalacións para celebrar eventos solidarios.

Cónstanos o xeneroso ofrecemento que tanto a sociedade,  asociacións de hostalaría e empresas do sector están a promover nas cidades. Se ben nelas é certa a existencia dunha diversa e ampla dotación de servizos, ésta tamén é abondosa na maioría dos pequenos concellos rurais de Galicia.

As persoas que veñan á nosa terra, ben seguro que han agradecer, ademais da acollida, poder botar unha man facéndose cargo de tarefas sinxelas pero necesarias e mesmo de seguir o mais axiña posible cos seus estudos, investigacións, afeccións, tarefas ou compromisos.

A ninguén lle gusta estar man sobre man agardando unha solución que polo momento se augura lonxana. Por eso, preparar una horta, coidar duns animais, acompañar a persoas maiores, traballar no seu, aprender novas linguas han ser sen dúbida accións que lles farán sentirse ben e útiles.

Súmeselle  que a pesares de que na maioría dos concellos galegos as instalacións escolares dispoñen de amplos espazos, éstes atópanse infrautilizados pola inexistencia de crianzas, debido ao drástico descenso da natalidade. Tamén o persoal dos centros de saúde, malia á pandemia, teñen, en xeral unha  menor presión asistencial que a soportada nos centros situados nas urbes; mesmo a maioría dos concellos hoxe en día dispoñen de centros sociais e culturais con capacidade dabondo para acoller máis persoas usuarias.

Por eso, reclamamos e agradecemos  que se lle sume ao exposto, o que desde o turismo rural somos quen de ofrecer.

Agardando suxestións e achegas que consideredes, e contando coa acolledora disposición, quedamos á espera de resposta.

Un cordial saúdo e que a forza que desta terra agroma siga alentando ás persoas que canda nós fan camiño pondo vida e sentimento. Paz e Ben.

Francisco Xabier Almuíña Chorén

Presidente da Federación Galega de Turismo Rural

Deseguido van algúns enderezos onde poder botar una man.

Aquí tes información sobre as distintas vías para facer a túa aportación:

ACNUR (A axencia da ONU para os refuxiados)

Os fondos recaudados irán destinados a ofrecer protección e asistencia humanitaria en Ucraína e países veciños, coa distribución de artigos de emerxencia como refuxios, mantas, colchóns, alimentos e roupa, entre outros.

Doazón na web www.ayudaucrania.com

Teléfono 900 900 532

Cuenta bancaria: ES86 2100 2262 1802 0040 3932

SMS ACNUR al 28014

Bizum 01151

UNICEF

Traballamos dentro e fora de Ucraina para suministrar axuda de emerxencia a nenos, nenas e  as súas familias, proporcionarlles acceso a auga potable, apoio psicosocial e establecer espazos seguros para protexelos.

Doazón na web www.unicef.es

Teléfono 900 907 500

Contas bancarias:

ES84 2100 5731 70 0200224381

ES65 0182 2370 41 0010033337

Bizum 11261

Cruz Vermella

A axuda que nos chega destínase á atención directa de Cruz Vermella en Ucraina e  en países veciños nos que hai persoas afectadas; con artigos de primeira necesidade, entregas en efectivo para que as persoas poidan adquirir enseres básicos, e  apoio psicosocial sobre o terreo.

Doazón na web www.cruzroja.es/colabora

Teléfono 900 104 971

Conta bancaria: ES44 0049 0001 5321 1002 2225

SMS UCRANIA al 28092 para donar 1,20€

SMS UCRANIA al 38088 para donar 3,00€

SMS UCRANIA al 38092 para donar 6,00€

Bizum 33512

COMITÉ DE EMERGENCIA

As primeiras respostas de emerxencia do Comité de Emergencia céntranse en proveer refuxios, axuda humanitaria de primeira necesidade como alimentos ou auga, asistencia sanitaria, atención psicolóxica e  protección infantil, entre outras líneas de actuación. O Comité de Emergencia está formado por Aldeas Infantiles SOS, Educo, Médicos del Mundo, Oxfam Intermón, Plan International y World Vision.

Doazón na web www.comiteemergencia.org/donacion-ucrania/

Teléfono 900 595 216

Conta bancaria: ES24 2100 5731 7202 0035 4082

SMS Juntos al 28014

Bizum 02076

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.