AS CASAS DE TURISMO RURAL GALEGAS ESPELLOS NOS QUE OLLARSE

20 de Outubro do 2022

Unha nutrida representación de persoas da Asociación de casas Turismo Rural Girona encabezada polo seu presidente, Ramón Corominas, e acompañada polo anfitrión Francisco Xavier Almuíña Chorén, presidente da Federación Galega De Turismo Rural, está a deixarse levar e a descubrir en Galicia que esta terra sabe, sabe de sabores e sabe de sabedoría.

Os convidados e o presidente da Fegatur, fronte á igrexa de San Martiño de Noia
Os convidados e o presidente da Fegatur, fronte á igrexa de San Martiño de Noia

Durante estes días, (desde o pasado 18 ao vindeiro 21 de outubro), os profesionais do turismo rural catalán convidados a este Encontro entre asociacións sectoriais, están descubrindo, ademais de lugares emblemáticos do país, experiencias turísticas con iniciativas agro alimentarias emprendedoras e degustando gastronomía de calidade e sustentable. Ás tardes-noites reúnense e debaten en conversas relativas á situación do turismo rural galego e catalán. A experiencia deste Encontro FEGATUR-Asociación de Turismo Rural de Girona-Costa Brava e Pirineo, que está a ser un abrazo entre asociacións de turismo rural de costa a costa do estado español, entronca de cheo, ademais, coa campaña audiovisual A Sinfonía Dos Abrazos que este ano 2022 a FEGATUR está a promover.

O Obxectivo da visita é coñecer, contrastar e aprender as diferentes maneiras de tratar o turismo rural na comunidade galega. Como balance dos dous primeiros días de encontros en Galicia, o presidente da Asociación de Turismo Rural de Girona, Ramón Corominas, cualifica a experiencia e a organización como marabillosas e destaca que a contorna das casas de turismo rural galegas é incluso máis rural que a deles en Cataluña. ...as casas que estamos vendo aquí son moito máis auténticas... E iso que alí son masías e tamén son auténticas, pero é que aquí hai outro sabor, é outro mundo”.

Nos debates que até o de agora teñen mantido as dúas asociacións, sobresae a vantaxe de estar asociado para dispoñer dun pouco máis de forza fronte á administración que se se actúa individualmente; pero sobre elas planean tamén idénticos problemas: buscar financiación para poder sacar os proxectos adiante e a competencia, incluso ás veces subvencionada das habitacións de uso turístico.

De Cap de Creus a Fisterra.

A concorrencia entre os asociados comezou o martes dezaoito na Costa da Morte, onde os hóspedes cataláns coñeceron de primeira man á xente mariñeira e mariscadora das terras de Noia e O Freixo e degustaron os produtos do mar. Logo, da man do veterano e sempre grande mestre e divulgador, Manuel López Martínez, alma do Museo da Pesca de Fisterra, foron ilustrados sobre a dificultade e a creatividade das persoas que viven, traballan e morren no mar.

Experiencias que relocen na fin do mundo.

Este primeiro día rematárono os achegados participando nun parladoiro con persoas propietarias de casas de turismo rural da Costa da Morte, con quen reflexionaron sobre os horizontes e as dificultades que están por vir para o turismo rural na costa atlántica e na mediterránea, contrastando os sentires das novas xeracións que están tomando o relevo no turismo rural, coa experiencia das persoas veteranas do mesmo.

Defensoras de artesanías.

O mércores dezanove os visitantes achegáronse ao patrimonio histórico e da artesanía das terras de Vimianzo, para saber do traballo co barro, cos encaixes e co patrimonio tan rico deste territorio. Atravesando o val do Barcala, fixeron parada en Brión e da man de Carme Freire e as persoas asociadas, coñeceron o espazo colaborativo, “Daquí darredor”, para a transformación de alimentos agrícolas e gandeiros, financiado pola Deputación da Coruña. O proxecto está a xerar formación e saber na xente da bisbarra, abrindo novas expectativas en territorios como San Sadurniño, Moeche, ou As Pontes e prendendo noutros territorios de Galicia. Nas terras da Ulloa, as xentes do turismo xironés exploraron o proxecto de desenvolvemento rural que en Palas de Rei lidera José Luis Carrera: eco agro turismo sustentábel, Arqueixal: granxa familiar de produción láctea ecolóxica e hospedaxes de turismo rural. Rematada esta visita a anfitronía da FEGATUR levounos cara a Ribeira Sacra, dándolles a benvida de entrada a tan excelso territorio no concello de Taboada.

En busca de tesouros pola Ribeira Sacra.

Hoxe xoves vinte de outubro esta xente convidada do turismo rural mediterráneo continuará descubrindo experiencias sensoriais entre viñedos, ribeiras e ríos da “Riboira Sacrata”, con catas de viños incluídas.

Espazo de conversa e intercambio “Baile de números?”

Pola tarde, un novo parladoiro de reflexión e debate coas persoas propietarias de casas de turismo rural da Ribeira Sacra e da comarca ourensá da Limia que até alí se acheguen, reflexionarán e tentarán topar respostas, dentro do turismo rural galego e catalán, a preguntas habituais como, cádrannos as contas?, acompasamos e harmonizamos os ritmos?, canto costa o relevo xeracional? A asistencia galega e catalá, como broche de ouro á xornada, participará no Taller “Bailando con números”, impartido por Mercedes Prieto e Sergio Cobos, artistas que actuarán na casa de turismo rural Pazo do Piñeiro, en Chantada, dentro do Ciclo de recitais ao serán da I Edición de Abertas de Par en Par que está a promover a Federación Galega de Turismo Rural.

A experiencia deste Encontro FEGATUR-Asociación de Turismo Rural de Girona-Costa Brava- Pirineo, na que colabora a Deputación de Lugo e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, rematará mañá venres vinte e un de outubro coa realización dunha pequena etapa a pé do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo á praza do Obradoiro e Porta Santa da catedral e posterior xantar de despedida dos anfitrións aos hóspedes xironeses.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.