Abertas de Par en Par - Presentación na Casa do Romualdo

26 de Septembro do 2022

O pasado sábado 24 de setembro de 2022 naceu Abertas de Par en Par, a proposta de Recitais ao Serán, que se poderán seguir vivindo até o 13 de novembro en vintecinco casas rurais de Galicia. Aquí podes ver o programa completo.

A esta feliz nacencia que ven de acontecer na Casa do Romualdo, no pequeno lugar de Vilar, na taboadesa parroquia de Vilela, acudiu xente da Costa da Morte e Ferrolterra, de Arzúa e Santiago. Tamén acudiron de Asturias, das terras miñotas de Arbo, Chantada e Taboada, de Combarro, Ourense, Vigo ou Pontevedra.

Emoción, sorpresa, nostalxia, ledicia, bondade, admiración, agradecemento, alborozo, alegría, tenrura, harmonía, calma...

Imposible describir todo o que se sente cando as mans de Óscar Fernández e Manu Fraguela aloumiñan as súas zanfonas. Resistirse á atracción que estas dúas estrelas Xemelgas exercen cando te achegas a elas, resulta imposible. Tal é o cúmulo de sentimentos e percepcións que provocan en ti. Tras do vivido sabes que o teu ser ficou engaliciado para sempre.

Abertas de Par en Par, continuará cos seus Recitais ao Serán o vindeiro venres 30 de setembro en Muxía na Casa de Trillo da man de Soledad Felloza e os seus “Contos para Adultos ao pé do Lar” e o día seguinte sábado 1 de outubro co concerto de Sofía Espiñeira, “Música de raíz”, na Casa de Perfeuto María en Cabanamoura, concello de Outes.

Con Abertas de Par en Par a Fegatur e contando co apoio da Axencia de Turismo de Galicia ven sumar á sobranceira experiencia do Outono Gastronómico un xeito novidoso, sinxelo, sostible, diferenciador e de calidade, para achegarse e desfrutar do patrimonio arquitectónico, cultural e natural no turismo rural de Galicia.


Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.