47 establecementos participan na webinar "Outono'21 chámase Galicia Turismo Rural"

8 de setembro de 2021

Co gaio do inminente comezo da tempada de outono, na Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) vimos de celebrar este martes 7 de setembro unha Webinar que contou cunha nutrida presenza, 47 establecementos rurais de toda Galicia inscritos.

Na mesma presentáronse importantes novidades que se  veñen de incorporar á nosa plataforma de comercialización:  www.GaliciaTurismoRural.es . Asemade presentáronse accións e ferramentas que  permiten reforzar a imaxe no público de cara a seguir acadando maiores índices de ocupación tamén na tempada  outono-inverno 2021.

Recollido o compromiso que o Vicepresidente da Xunta, don Alfonso Rueda, nos manifestou na xuntanza mantida  o pasado mes de xullo coa directiva da FEGATUR –na que tamén estivo presente dona Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia–, de presentar canto antes o texto do novo decreto diante do Parlamento para o seu debate e aprobación, describíronse someramente algúns dos apartados máis relevantes ca fin de promover a participación  das persoas asociadas no proceso de mellora do citado texto.

 

Fegatur aborda o reto da desestacionalización en outono

Francisco Almuíña, presidente da FEGATUR presentou un avance dos datos de ocupación dispoñibles no turismo rural de Galicia entre os meses de xuño a setembro recollidos  a través da plataforma www.GaliciaTurismoRural.es salientou que o 2021, a pesares da situación, está a superar mesmo ao 2019, ano no que se acadaran as mellores cifras de ocupación na tempada de verán en anos. Así mesmo incidíu na oportunidade  única que a situación nos está a brindar. Reafirmou o obxectivo de seguir afondando na desestacionalización ca fin de darlle continuidade a esta boa tendencia.

Sendo conscientes  de que o turismo rural en Galicia segue a ofrecer as mellores condicións a cantas persoas procuran un  turismo sostible, desconxestionado, seguro e en contacto coa natureza. Tamén é evidente o alto número de persoas que gozaron da acollida e da calidade  dos servizos e actividades ofertadas, e de que cada vez máis xente opta por outros xeitos defacer turismo e de descansar no país, semella doado  presumir que no que resta do 2021 e no 2022 hanse manter as tendencias de mellora significativa.

Pola súa banda, Cesáreo G. Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia e directivo da FEGATUR salientou a nova de que a Xunta ven de ampliar en un millón e medio de euros a cantidade destinada  a os bonos turísticos “quedamos en Galicia 2021”. Lembrou que os citados bonos, activos desde o pasado mes de xuño, deberán ser  utilizados antes do 15 de decembro de 2021. Unha vez máis o turismo rural preséntase como unha das mellores e máis atractivas alternativas. Con todo, é preciso preparar ofertas atraentes  e que cheguen con claridade aos públicos destinatarios.

Para levar a cabo dita misión e mellorar o nivel de ocupación no sector, Xosé Antón Fernández, responsable da secretaría  técnica, debullou polo miúdo as novidades incorporadas á  ferramenta coa que se conta: a plataforma www.GaliciaTurismoRural.es que está a servir de soporte para a promoción do sector e das distintas propostas e ofertas de cada tempada. Moito máis intuitiva e áxil, logrouse mellorar as  buscas -por exemplo: Casas adscritas aoOutono Gastronómico , Casas onde usar o Bono turístico, etc.- e outros aspectos de usabilidade.

Tamén adiantou  as novidades  que presenta o Outono Gastronómico 2021, na súa 15ª edición. Presentou diversas actuacións vinculadas ao outono e que se pretende poñer en marcha por comarcas aproveitando celebracións, encontros, actividades típicas no outono, etc.

Pantalla dalgúns dos participantes na webinar

 

Debate sobre o novo decreto de turismo rural de Galicia.

O derradeiro tramo da webinar adicouse a dar conta do estado no que se atopa o borrador do  decreto do turismo rural de Galicia.

Persoas participantes na webinar solicitaron acceder ao citado documento ca fin de analizalo polo miúdo e realizar propostas. A intención e ilas recollendo ao longo das vindeiras datas  e  presentalas antes de que remate setembro paraque se teñan en conta e se incorporen  aotexto definitivo do novo decreto.

Alí mesmo, xa se puxeron de manifesto algunhas das inquedanzas do sector. Así, reclamouse a procura continua dunha maior simplificación administrativa, a incorporación de mecanismos que permitan abordar os problemas derivados dos cambios nos hábitos de consumo turístico da sociedade, a necesidade urxente e imperiosa de establecer requisitos normativos básicos, pero comúns, entre as diferentes modalidades de aloxamento que se ofertan no medio rural. Reclamouse que é imprescindible que, sexa cal sexa  o servizo que se pretenda ofrecer, deba estar establecida sempre a equidade nas condicións requiridas para a súa prestación profesional.

Así mesmo salientouse a necesidade  de que no propio decreto se reflicta nidiamente que o Plan estratéxico do Turismo Rural é a fórmula acaída para traballar man con man co sector, pois permite establecer compromisos plurianuais.

Polas achegas realizadas, o sector ten claro a opción por un modelo de aloxamento profesional e de calidade, diferenciado e que permita xerar recursos suficientes que atraian e garantan relevos xeracionais. Tamén se considera preciso posicionar de xeito claro ao turismo rural no sector turístico de Galicia, onde necesariamente debe ter un papel singular.

Nesta liña valorouse moi positivamente que se teñan establecidos canles fluídos de diálogo e negociación entre o sector e a Xunta de Galicia. O obxectivo de tentar acadar un consenso no documento a propór.

Estes asuntos presentados e debatidos entre os establecementos participantes na webinar, acadaron un alto índice de consenso, tanto na análise da realidade coma nas  solucións que se albiscan.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.