A directora xeral da Axencia Turismo de Galicia recibe á xunta directiva de Fegatur


A xunta directiva da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) mantivo unha reunión de traballo este venres 27 de novembro coa Directora Xeral da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a Directora de Competitividade, María Baleato e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo G. Pardal.

 

 

Tras unha somera revisión da situación do turismo rural destacouse o positivo balanzo da colaboración establecida para afrontar o que como sociedade estamos a vivir. Así mesmo todas as persoas asistentes reiteraron a total dispoñibilidade para ampliar e reforzar a cooperación que nestes meses ten amosado a súa eficacia.

 

Partindo dos principais retos aos que debemos facer fronte, analizáronse accións e liñas de traballo que, ademais de reactivar o sector, procuren a súa rexeneración e reconfiguración.

 

O turismo rural, un dos recursos máis demandados, tanto no verán como no comezo do outono, confirmou unha vez máis que os aloxamentos rurais constituímos a mellor opción para unha estadía segura, sostible e saudable. A elo contribuíu en boa medida a colaboración que, a través do convenio subscrito entre a Axencia Turismo de Galicia e Fegatur, posibilitou a formación de 333 establecementos de turismo rural. A experiencia e a boa disposición das persoas, xa fosen propietarias, xerentes ou encargadas da prestación de servizos, facilitou unha áxil e eficaz implantación das novas normas, pautas e medidas hixiénico – sanitarias requiridas. Todo elo favoreceu a confianza de cara á reapertura e que as persoas hospedadas gozasen de estadías seguras, gratificantes e de calidade cumprindo, eso si, cos protocolos dispostos.

 

Igualmente resultou relevante o esforzo de modernización dixital realizado grazas a un segundo convenio entre ambas institucións. A plataforma www.galiciaturismorural.es vense percibindo como a ferramenta de comercialización dixital que o turismo rural galego precisaba. A mesma permite visibilizar e reservar xa en máis de 120 establecementos. Aínda que o seu potencial viuse mermado de novo pola parálise que a pandémica situación segue a impoñer, xa se está a traballar no deseño da segunda fase, co horizonte posto na primavera do 2021.

 

Precisamente a reapertura foi outro dos temas abordados. Tanto a Directora Xeral, Nava Castro como o Presidente de Fegatur, Francisco Almuíña coincidiron en que este tempo de hibernación ten que aproveitarse para levar a cabo accións de dinamización e formación sectorial, mais tamén para deseñar e poñer en marcha novas propostas de promoción, pois a cidadanía galega precisa recobrar o contacto coa natureza e con experiencias de proximidade sanadoras. Con tal fin estableceuse unha axenda de traballo común que vai permitir abordar os citados retos nas vindeiras semanas para anticiparse e posicionarse como a mellor proposta para o viaxeiro de proximidade que procura experiencias suxerentes e cheas de emocións en espazos abertos e sen aglomeracións.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.