GaliciaTurismoRural.es: este Outono reserva no turismo rural galego   ¡Actualizado!


Esta mañá presentouse o portal “GaliciaTurismoRural.es” como plataforma dixital que permita a comercialización dixital dos establecementos de turismo rural de Galicia.

 

 

Esta iniciativa enmárcase na medida 35 do Plan de reactivación do sector turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, e dando pé a un convenio para o seu desenvolvemento entre a Axencia Turismo de Galicia e Fegatur, a Federación Galega de Turismo Rural.

A presentación levouse a cabo na casa rural Torres de Moreda, coa presenza do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda Valenzuela; o presidente de FEGATUR, Francisco Almuiña; o alcalde da Estrada, José López Campos; a delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro; e o presidente do Cluster del Turismo de Galicia, Cesáreo Gonzalez Pardal.

 

 

Nestes momentos a Plataforma dixital xa está operativa e aglutina a máis de 120 aloxamentos de turismo rural no seu motor de busca, de xeito que calquera visitante pode escoller un aloxamento segundo os xeodestinos, comprobar a dispoñibilidade existente e, finalmente, facer directamente a reserva online.

A Plataforma, por convenio, está aberta á totalidade de establecementos de turismo rural de Galicia, e agarda que, a medida que se clarifique a evolución da pandemia, incremente o número de establecementos participantes.

 

Podes atopar máis información en galiciaturismorural.es/gl/profesionales , contactando por correo a info@galiciaturismorural.es ou no teléfono 631 17 92 52.

 

 

Con esta rolda de prensa arranca unha nova fase de difusión entre a cidadanía galega coa campaña “Este Outono reserva no turismo rural galego. Respira, reactívate, mímate e degusta o turismo rural en Galiciaturismorural.es”.

Esta proposta segue salientando que a oferta máis axeitada nestes intres é reservar no turismo rural galego. Así a cidadanía segue a dispoñer dunha ampla oferta de aloxamentos e experiencias nos entornos naturais e sen aglomeracións que lles permite seguir gozando do descanso e lecer de xeito seguro.

 

Catro son as invitacións destacadas, interrelacionadas entre si e pensadas para que as persoas poidan Respirar, reactivarse, mimarse e degustar.

RESPIRA

Nestes tempos de incertezas, e confinamentos, de normas, máscaras e medos, é preciso que, cumprindo coas normas e medidas sanitarias, as persoas dispoñamos tamén de tempos e espazos de respiro. Os entornos dos aloxamentos de turismo rural son espazos privilexiados que ofrecen unha variedade de recantos seguros, únicos e naturais para parellas, familias ou pequenos grupos de amizades. No interior de Galicia: fragas, devesas, soutos ou carballeiras. Nas costas, praias solitarias, rochas e acantilados nos que bate o mar. Espazos todos ao aire libre, para osixenar corpo e mente dun xeito sinxelo e económico.

REACTÍVATE

O Outono é tempo de colleita, de almacenar e gardar para os tempos de escaseza. Percorrendo sendeiros e ribeiras a carón dos ríos, achegándote ás praias e faros das nosas costas ou contemplando os vales desde os cumios dos montes. Trátase de sentir a liberdade do espazo aberto, o aire fresco, a choiva vivificante e o aloumiño das raiolas do sol outonizo mentres paseas entre hortas e leiras, prados e viñedos.

MÍMATE

É certo que calquera época é boa para procurarse benestar. O outono, con menos horas de luz, é ideal para seguir facendo acopio e coidarse. Agora máis que nunca, é tempo de quererse, de reconciliarse coa natureza e reencontrarse con un mesmo. Con toda a calma e toda a paz que Galicia atesoura na súas variadas comarcas.

DEGUSTA

O outono é tempo privilexiado para gozar con todos os sentidos. Aromas, sabores e texturas dos produtos de tempada, cogomelos e marmelos, castañas ou nabizas maridadas cos viños e licores das cinco denominacións de orixe.

Súmalle a experiencia de descubrir lugares de lenda, de mergullarse na apaixoante historia de Galicia ou de achegarte ao espléndido patrimonio cultural e natural galego. Ben seguro que has percibir como corpo mente e espírito flúen de novo plenos de enerxía e bo ánimo.

 

RESERVAS DIRECTAS nos aloxamentos entrando en www.galiciaturismorural.es

Máis de 120 aloxamentos rurais de Galicia nos que reservar tanto habitacións para parellas ou familias, como casas completas.

Boa parte deles participades no Outono gastronómico, cunha oferta moi saborosa de aloxamento e manutención. Outros estades a ofertar estadías con experiencias propias dos vosos xeodestinos.

 

En definitiva, o turismo rural galego segue aberto para que todas as persoas nos deamos un respiro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.