Convenio con Turismo para potenciar a Central de Reservas


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou esta mañá un convenio de colaboración cos presidentes da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) representada polo noso presidente Cesáreo Pardal e das Asociacións Agatur, Agarimo e Pazos de Galicia.

O obxectivo do convenio é dar continuidade ao servizo de reservas de aloxamentos de turismo rural de Galicia durante o ano 2016 dunha maneira máis competitiva.

convenio potenciar central de reservas

De esquerda dereita, o representante de Agarimo, o presidente de FEGATUR, a directora de Turismo, Nava Castro, o presidente de Agatur e o presidente de Pazos de Galicia

Así, grazas ao acordo asinado no día de hoxe, a coordinación e funcionamento do sistema de reservas de aloxamentos de turismo rural que viña xestionando Turismo de Galicia recaerá agora nas catro asociacións que neste momento agrupan a maioría dos aloxamentos de turismo rural en Galicia.

Durante a rolda de prensa, a directora de Turismo de Galicia destacou que o turismo constitúe un sector fundamental no desenvolvemento de moitas zonas rurais xa que crea emprego e aumenta a súa atracción global.

Nava Castro explicou que o turismo rural constitúe unha das grandes fortalezas da nosa comunidade como destino ao contar con máis de 600 establecementos de Turismo Rural que superan as 7 mil prazas, dos cales, 50, contan coa certificación da Q de Calidade. Estas cifras converten a nosa comunidade na rexión con máis establecementos desta tipoloxía certificados a nivel estatal, atesourando o 49% do total de España.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que dende o departamento que dirixe se aposta firmemente polo turismo rural fomentando o seu desenvolvemento e impulsando a súa promoción. “Esta aposta está plasmada no noso Plan Integral, o cal dedica unha das súas liñas de accións ao fortalecemento, complementariedade e promoción da oferta de turismo rural vinculado á natureza e á cultura”, engadiu.

O convenio asinado constitúe unha acción máis na aposta polo Turismo Rural de Galicia coa colaboración público- privada e supón un empurrón fundamental para o turismo rural. “O convenio permitirá potenciar a ferramenta e adaptala ás necesidades do sector sen reducir a súa universalidade, xa que continuará á disposición de todos os aloxamentos de turismo rural, sexan ou non membros dalgunha das asociacións”, sinalou Nava Castro.

Pola súa parte, os representantes das asociacións agradeceron esta iniciativa da Xunta de Galicia que definiron como un importante avance, e destacaron que, grazas a iniciativas como esta, a nosa comunidade estase a consolidar como un destino rural de referencia. Este convenio ven a potenciar e dar continuidade ao proxecto que puxeron en marcha este verán Fegatur e Agatur para a creación dunha Central de Reservas con capacidade para operar e plasmar as demandas dos propietarios e que actualmente está a estudiar a forma más adecuada para lanzar ao público en xeral.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *